26 janeiro 2006

Lucena e Calisto




Nas tres edicións do Torneo de Xadrez "Memorial Guillermo Domínguez" que se levan disputadas na Galería Sargadelos de Compostela utilizouse unha nova norma cavilada polo noso desaparecido amigo: "O desenroque". Matinaba él, posiblemente nunha tardiña no Salnés despois dalgunha derrota e cunca de albariño diante, que dado que para os xadrecistas o noso vicio é unha representación da vida, sería xusto darlle outra oportunidade ao Rei de se divorciar da torre coa que casou xogadas antes, permitir a volta a casa, e despois, se cadra, volver casar coa outra torre.
Esa nova regra, polo de agora, só se utiliza unha vez ao ano neste agachado recuncho do mundo, e en relembro de Guillermo.
Hai algo máis de cincocentos anos houbo un troco máis importante no noso xogo. Principiouse a xogar coas regras do xadrez "da dama" no canto do xeito antiguo "do vello". As variacións consistiron nun novo modo de se mover algunhas pezas: Escomenzouse a denominar Dama á peza que daquela chamábase Alferza, e que entón movía exclusivamente unha casilla en diagonal: a Alferza branca por casillas brancas e a Alferza negra por casillas negras. O Bispo movía entón só a unha terceira casilla en diagonal, como se fai no xogo das damas ao capturar. Saltaba pola casilla intermedia, estivese ou non ocupada. E o Peón movía como no xadrez actual, agás que a promoción na octava fila era obrigatoriamente en Alferza.
O recentemente desaparecido Dr. Ricardo Calvo, famoso pola súa victoria contra Víktor Kortchnoi na Habana en 1966 e polas súas acedas confrontacións contra o presidente da Federación Internacional Florencio Campomanes e contra o presidente da Federación Española Román Torán, ao cal calificábao de "fascista", escribiu un libro interesantísimo ao meu entender: "Lucena, la evasión en ajedrez del converso Calisto", Perea Ediciones 1997.
Nese libro conmemórase a publicación na Salamanca de 1497, no taller dos libreiros Hutz e Sanz, do libro de Lucena "Repeticion: de amores e arte de axedrez con cl iuegos de partido". Trátase do libro máis antiguo sobre o xadrez moderno que se conserva no mundo.
Ricardo Calvo demostra a relación de amizade que mantiñan Lucena con Fernando de Rojas, mesmo no testamento de éste.
E o autor mantén a tese, que documenta sobradamente, de que o personaxe de Calisto está baseado na figura e nas aventuras do seu colega Lucena. Descoñezo qué lle parecen aos filólogos estas ideas expostas polo finado Dr. Calvo, máis a min resúltanme moi interesantes.

24 janeiro 2006

ARTE


Cecais por ter irmaos maiores, nunca tiven restriccións horarias de neno para ver a tele. Despois de ver "Los hombres de Harrelson" (luns pola noite) ou "Starsky & Hutch"(martes pola noite) soñaba con ser policía. Máis adiante, con "Lucas Tanner" ( domingo pola tarde na primeira cadea) quería ser mestre ou con "Los casos de Rockford"(domingo pola tarde na segunda cadea) detective privado.
Na miña memoria fica un venres á noitiña, recén rematara "La Clave", a sensación estusiasta inesquecible de querer ser avogado. Avogado coma Sir Wilfred Robarts.
Esa "vocación" duroume ata atopar na pantalla a "Lou Grant": entón decidín ser xornalista.
Anos despois, e en contra da miña vontade inicial, e por azares da única vida da que dispoñemos, véxome sendo colega de Sir Wilfred, aínda que os meus clientes trátanme como aos de Paul Biegler ( e coma el teño amigos na farándula aínda que non sexan o Duke) , o meu modelo positivo é Atticus Finch, e o negativo sería o de Ned Racine, aínda recoñecendo a miña envexa a súa humanidade, pois se eu estivera no seu lugar - ben difícil - probablemente faría exactamente o que él fixo, aínda que tivera que repousar unha longa tempada na sombra.

As veces relacionamos as nosas historias coas historias xa filmadas, xa escritas, mesmo xa musicadas: O meu cariño por Rayuela foi o identificarme nas teimas de Horacio Oliveira contra Gregorovius, en poder falar en gíglico.

Supoño que iso é a arte: música, cine, teatro, literatura.

11 janeiro 2006

URBANITA

Reflexiono ante os improperios anónimos que aparecen nalgún admirado sitio. Reflexiono tamén ante a magnífica exposición de Ian. E volvo retomar o que escribín para escomenzar as bouzafrías.

Sei que eu tamén son un urbanita. Pero non me avergoño, eu non escollín; e máis, de o ter podido facer, probablemente a miña escolla sería a mesma. Iso non nega o meu amor ao meu rural, a aldea dos meus devanceiros.

A miña presenza naquelas paraxes foron esporádicas e de visita. De neno acompañaba á vendima ou matanza. As circunstancias especiais deses días, e a agarimoso actitude dos meus pola miña presenza, fai que as lembranzas sexan inmellorabeis. Dito o cal, non nego a relidade ficticia do paraíso da infancia, paraíso que nunca existiu. Coñezo a dureza da vida no agro e o seu posterior abandono, motivos económicos e de calidade da vida, abandono, pois, das eiras, eidos e montes que non hai moito foron riqueza e agora inzan en selva.

Volvín o ano pasado coa familia que estou formando - a miña familia, - ás festas do lugar. Son galego, e aínda que os meus pequenos non ollaran o que eu ollei hai tantos anos, porque xa non existe, polo menos tento transmitirlles que hai unha raizame, hai un lugar de onde veñen.

Coñezo o significado da visita esporádica á aldea. A aldea como paraíso idealizado onde estar unhas horas e logo voltar a nosa vida presurosa. Nunca foi "paraíso", nin daquela nin agora. Eu podo idealizar, máis non -tento alo menos- ser inocente. A aldea imaxinada non coñece de acordares cedos, de olladas temerosas ao ceo, do medo á chuvia intempestiva, escasa ou desbordante, do medo ao lume. De foros e trabucos. De fame.

Pero non podo nin quero arrenegarme. Non podo porque é inútil, nin quero porque é estúpido.

10 janeiro 2006

SINESTESIA

Nos pasados días de lecer, na aldea, sorprendime coa casualidade que os dous libros que estaba a ler: de Jonathan Rowson e Eduardo Punset, comentaban casos de sinestesia. Na páxina 37 do libro do GM escocés dise: "Gostaría mencionar a un estudante de arte de Edimburgo chamado Roland, que arrincaba a xogar. Díxome que na súa cabeza os bispos eran dun rosa fluorescente e que os cabalos - de ámbolos dous bandos - eran verde esmeralda".
Nas páxinas 414 e 415 do libro de Punset, e no decurso da entrevista con Richard Gregory, identifícase ese fenómeno como sinestesia, e exemplificaba con Richard Feynman, Vladimir Nabokov e Oliver Messiaen.

Son dous libros moi estimulantes: o xadrecístico expón unha perspectiva nova, e ao meu entender correcta, da importancia das carencias psicolóxicas como causantes dos erros determinantes das derrotas durante as partidas; o de divulgación científica pode axudar a intentar ter máis coñecemento e asemade ser máis feliz ( vaia paradoxo), polo que supón de desterro da esclavitude das supersticións.
Admiro ademáis a honestidade de Punset de amosar teses contradictorias en capítulos sucesivos, deixando só ao lector na misión de reflexionar acerca do lido.

09 janeiro 2006

Agasallo dos Reis Magos






O agasallo que os reis Magos deixaron na miña proximidade e que máis gostei, aínda que non dirixido a min, foron os dous libros de Magar: Vigo nos últimos corenta anos.
Emocióname atopar tres fotografías que me levan a outros espazos, outros tempos. A fotografía do Trasatlántico Begoña lévame á historia engranzada polo atento, sorrinte, amable e inesquecíbel Xepe Casanova; o retrato de Rafaelito trasládame a miña infancia, - o devandito vivía no portal seguinte ao meu -, atopándose sempre á beira da pólvora dos seus foguetes; por último vexo ao curmán da miña nai: Manolo Nóvoa, o Quixote Visconti ourensán vigués, simpatía afervoante.
Magníficos libros, testemuña da cidade que foi e xa non será. Da codicia duns poucos. Das oportunidades perdidas.

03 janeiro 2006

Cuadrangular Galiza - España - Francia - Hungría



Nestes días de selección galega, lémbrome que hai dez anos organizouse co gallo do V Centenario da Universidade un Festival de Xadrez. Disputáronse dous torneos pechados, categorías 7 e 4; un torneo de semirrápidas aberto, sen premios; e un cuadrangular de seleccións nacionais xuveniles:
Galiza, España, Francia, Hungría.
O cuadrangular disputouse polo sistema de liga a dobre volta, cada enfrontamento a seis taboleiros. A selección galega estivo formada por Ángel Paredes Galán, Diego González Díaz, Julio González Díaz, Dan Cruz Álvarez de Ron, Roi Reinaldo Castiñeira, Pablo García Castro e David Jove Rey. Foron os seleccionadores galegos Xose Luis Veiga Goy e máis Manuel Barros Pazos.

Resultados: 1ª Rolda: Francia 4,5 - Galiza 1,5
Hungría 4 - España 2

2ª Rolda: Hungría 5 - Francia 1
España 4 - Galiza 2

3ª Rolda: Hungría 4 - Galiza 2
España 6 - Francia 0

4ª Rolda: Galiza 3,5 - Francia 2,5
España 2,5 - Hungría 3,5

5ª Rolda: Francia 2,5 - Hungría 3,5
Galiza 3,5 - España 2,5

6ª Rolda: Galiza 2 - Hungría 4
Francia 3 - España 3


Clasificación final: 1ª Hungría: 24 puntos
2ª España: 20 puntos
3ª Galiza: 14,5 puntos
4ª Francia: 13,5 puntos

02 janeiro 2006

ABERTAL

Estou seguro que o ata hai pouco director de Vieiros lembrarase ben do seguinte texto que eu estiven lendo catro anos seguidos:

Liña: Sucesión de puntos
Historia: Sucesión de feitos

Os puntos fan a liña
os homes fan a historia

Un home cunha liña...
pásaa por baixo
rube
emprégaa
déitase
aíllase
enguedéllase
dubida
recúa
e déixaa

Un home cunha liña...
pra vagar
incomunicarse
e chegar a ningures

Un home cunha liña...
pra non avantar
dividir
meter na cadea
prohibir
atacar
e matar

Esgarabella un borrancho
e vai contra a historia

Un home cunha liña pra camiñar
xunguir
construir
compartir

Moitos homes cunha liña
pra compartir construir xunguir soster e camiñar sempre

Fan: Unha árbore
con froitos de todos
Un paxaro ceibe
unha man achegada a tódolos homes
Unha nova sociedade...
onde viva o home novo.