23 fevereiro 2006

Damnatio memoriae



Hoxe foi un día de lembranzas. Cúmprense vintecinco anos do que foi un grotesco vodevil. A única sensación que fica en min daquel día era a vergoña de sentir que vivía nun estado tercermundista.
Pero daquela época, exactamente dende finais de 1976 ata outubro de 1982, eu descubrín o valor ritual da palabra.
Nos medios de comunicación - quero dicir na "Primera Cadena" de Televisión Española, e por arte de maxia, os xornalistas deixaron de referirse ao dictador como "Francisco Franco" ou "El Generalísimo" ou "El Caudillo", simplemente dicían: "El anterior Jefe del Estado".
E para falar dos 39 anos anteriores dicían: "El régimen anterior". Por suposto, esqueceuse rapidamente o de democracia orgánica e aínda non foron chegados os tempos de falar da dictadura.
Eran rechamantes as voltas que se daban para non expresar en público o nome de Franco.

Outro exemplo de damnatio memoriae, máis ortodoxo en canto supón a negación da existencia do individuo, sufriuno o que é sen dúbida o mellor xogador galego de xadrez na historia: Francisco José Pérez.

Francisco José Pérez naceu en Vigo o 8 de setembro de 1920. Foi campión de España en 1948, 1954 e 1960; e subcampión en 1949. Na época onde principiaba a despuntar Arturo Pomar, o noso heróe - xunto con Antonio Median e Román Torán - era o único rival serio do neno prodixio, do protagonista dos NoDos.
Pero Francisco José Pérez cometeu un pecado terrible que fixo que se deixara de falar de el, que non se estudiaran as súas partidas, que non aparecera nos rankigs de xogadores españois: Emigrou en 1962 á Cuba castrista, solicitou a nacionalidade cubana e representou a ese país nas seguintes Olimpiadas de Xadrez, gañando previamente o Torneo Zonal do Caribe de 1963.

Segundo me contou Amador Rodríguez, o galego Francisco José Pérez morreu na Habana o 11 de setembro de 1999, xa retirado dos taboleiros.

Remato: un curioso exemplo de damnatio memoriae , ao estilo estalinista, ten como protagonista a Foz e unha foto do grupo poético Brais Pinto. Haberá que solicitarlle que un día a escriba.

22 fevereiro 2006

Marcel Duchamp





Marcel Duchamp foi un dos mellores xogadores de xadrez na Francia da súa época. Chegou a ser seleccionado polo seu país, sendo capitán Alexander Alekhine.
Man Ray adoitaba contar o incidente que lle ocurriu a Duchamp na lúa de mel coa súa primeira esposa:
"Duchamp pasou a meirande parte da súa primeira semana estudiando problemas de xadrez, e a súa esposa, nun acto desesperado de vinganza, ergueuse unha noite mentras el durmía e pegoulle as pezas de xadrez ao taboleiro. Divorciáronse tres meses despois."

O poder da Auga

Recollido por Fermín Bouza Brey en Velle:
Auga que forte eres,
que apagas o lume
que queima ao pau
que malla ao gato
que come ao rato

que fura o muro
que torna o aire
que corre a nube
que cubre a lúa
que turba o sol
que derrete a neve
que no meu pe prende

Máis nomes de pezas.

GALEGO: Rei Dama Torre Bispo Cabalo Peón
ÁRABE: Shah Firzan Rkhkh Fil Faras Baidaq
HINDÚ: Shah Wazir Rukh Fil Asp Piyada
HOLANDÉS: Koning Konigin Kasteel Raadsheer Ridder Pion

17 fevereiro 2006

Jorge Luis Borges

Borges escribiu no ano 1981: "El ajedrez es uno de los medios que tenemos para salvar la cultura, como el latín, el estudio de las humanidades, la lectura de los clásicos, las leyes de la versificación, la ética. El ajedrez es hoy reemplazado por el fútbol, el boxeo o el tenis, que son juegos de insensatos, no de intelectuales."

Eu non subscribo esa opinión. Supoño que a visceral escrita de Borges fundamentaríase na inmensa fama daquela de Passarella, Ardiles e Kempes; Monzón; Guillermo Vilas e Jose Luis Clerc en contraposición a modestia de Najdorf ou Panno.
O xadrez ten cualidades positivas que poderemos ir debullando proximamente, sobre todo ser un trasunto case perfecto do que é a vida humana. Mais a dicotomía xadrez - fútbol semella ser unha arroutada colérica humorística.
Hoxe case ninguén menospreza o deporte do fútbol dende un punto de vista intelectual, aínda tendo eivas evidentes cabo a súa faciana industrial-mercantil.
Eu gosto do fútbol e do tenis: Non me parecen xogos de insensatos.
O boxeo é outra cousa. Eu traballei cun ex-campión de España vido a menos ( vido a nada): A historia típica.
Do boxeo o único que me gosta son as películas que versan delo: Touro Salvaxe, Máis dura será a caída, e sobre todo "Champion", título español: "El ídolo de barro", de Mark Robson, cun extraordinario Kirk Douglas.

16 fevereiro 2006

Nomes das Pezas



GALEGO: Rei Dama Torre Bispo Cabalo Peón
ALEMÁN: König Dame Turm Läufer Springer Bauer
CASTELÁN: Rey Dama Torre Alfil Caballo Peón
CATALÁN: Rei Dama Torre Alfil Cavall Peó
FRANCÉS: Roi Dame Tour Fou Cavalier Pion
INGLÉS: King Queen Rook Bishop Knight Pawn
ITALIANO: Re Donna Torre Alfiere Cavallo Pedone
LATÍN: Rex Regina Turris Episcopus Equus Pedes
NORUEGO: Konge Dronning Taarn Lober Springer Boude
PORTUGUÉS: Rei Dama Torre Bispo Cavalho Peâo
RUSO: Korol Ferz Ladia Slon Konj Pechka
VASCO: Errege Andrea Torrea Gudaria Zaldia Onezkoa
XAPONÉS: Oh Jo-oh Kiosha So-joh Keima Fu

15 fevereiro 2006

Teoloxía

Teoloxía:
Teo: Deus
Loxía: Ciencia

Contradicción nos termos.

13 fevereiro 2006

Acacias


Son víctima decote de catro atracos. Ás veces, teño que ir pola Autovía das Rías Baixas (non se paga, e agás na infamia de Mos, é moito mellor que a AP9 ).
Dende neno escoitei falar negativamente da invasión dos eucaliptos, e dende neno o único positivo que ouvín sobre as acacias era a súa beleza.
Nas dúas principais estradas que chegan a Vigo, pódese ollar como de ano a ano van medrando exponencialmente os matos de acacias, que inzan dun xeito alucinante as beiras do Miño e do Ulla; especialmente perto de Ribadavia e Padrón.
Se o lume non mata as nosas árbores, mataranas estas acacias.

10 fevereiro 2006

Estado de Dereito



Levo uns días que non saio do meu pasmo:
a) O Ministro de Xustiza quere "construir novas imputacións" contra un cidadán que está cumprindo condena para evitar que saia da cadea.
b) Os individuos que mandan no PP, na súa liña de barbaridades, calumnian aos fiscais e xuíces.
c)Asistín o mércores á declaración na Comisaría dun detido no Mercado da Pedra porque lle foron confiscados tres carteiras e cinco cintos dos que non exhibiu factura ( prezo de venta ao público de cada obxecto: 3 euros, total 24 euros.)
d) A SGAE xustifica a fama da que ven precedida.
e) O Tribunal Constitucional ten que decidir sobre a constitucionalidade dunha reforma penal que aplica penas distintas ante mesmos delictos, dependendo do sexo do condenado.

Explico o pasmo:
a) e b) Na nosa lexislación non está permitida a Cadea Perpetua. Por moi detestable que sexa un individuo, o Estado ten que ceibalo no momento en que se cumpra a condena establecida, segundo os requisitos previstos, iguais para tódolos cidadáns.
É tan de sentido común que da noxo ata escribilo.
c) Policías chegados de Madrid, xunto a 40 peritos de multinacionais, nun despliegue policial espectacular (alguén opinou que estaban piques de localizar a Bin Laden ou a un rapaz do Exército Guerrilleiro ) toman e pechan o Mercado da Pedra, deteñen a trinta persoas - qué quere dicir iso de "reteñen"?, non, foron detidos - e entaboan bonitas e ilegais negociacións cos asustados comerciantes. Por certo, quen lle indemniza aos comerciantes do Mercado da Pedra que non vendían roupa (xoierías, bazares,...) o dano causado polo peche policial dos seus locais? E aos que vendían roupa e non lles poideron confiscar nada? Por cinco cintos e tres carteiras ( das que non localizaches a factura) podes perder tres días de traballo, declarar perante a Policía, manchar os teus dedos en tinta, que te tiren fotos de fronte e perfil?
d) SGAE: Organización que intenta cobrar o seu imposto revolucionario a un grupo de discapacitados psíquicos, ou cobrar o sitio onde ía eu xantar porque tiñan unha tele poñendo o telexornal, ou...
e) Trátase de estúpida Reforma de Lei Penal. Claramente propagandista e de intencións voluntaristas. Por qué non se fan as cousas ben dende o comezo? Supoño que tantos anos de franquismo xurídico e algúns máis de franquismo sociolóxico fan que persoas que se autoconsideran de esquerdas adopten medidas dignas daquela época.
E poderiamos a principiar a chamar as cousas polo seu nome, porque a denominación de "violencia de xénero" é un eufemismo ridículo. E "violencia doméstica" engloba accións que non tiñan porque ser mixturadas. Trátase non casos que tanto nos conmoven de VIOLENCIA MACHISTA. Terribles delictos éstes, inmunes ao tratamento que supón o agravamento de penas ou longas estadías na cadea, causadas por homes moi pouco intelixentes ( intelixencia na acepción de facultade de adecuación á realidade ) e que ademáis son fillos de puta ( substitúase se se quere esa expresión pola pior descalificación posible que se poida imaxinar) que non son capaces de aceptar os novos roles que leva desenvolvendo a muller nos últimos anos - dende a súa liberación sexual e económica -.
Esto último é tamén tan obvio que da vergoña poñelo.
Non son tolos: Un tolo é aquel que colle un croio e esnaquiza con él a súa pirola. Os asasinos de rapazas, noivas, esposas - ou que foron iso no seu momento -, son cabróns.

O machismo impregna toda a nosa sociedade, está entre nos, e requírese moitísima educación e bastante tempo para que a súa influencia vaia minguando.
Pero se queremos ir atallando esta lacra indecente temos que combater as causas, axudar ás víctimas, e que se deixen de facer leis de dubidosa técnica xurídica e nula consecuencia práctica, e que provocan balbordos innecesarios.

02 fevereiro 2006

Mito.



Unha tarde, no Hotel Aníbal de Linares, nos servicios, mexaba ao carón de min Garry Kaspárov. Aquela noite Ljubomir Ljubojevic levounos a Guillermo Domínguez, Xosé Luis Veiga e a min a tomar ovos de codornices.
Anos antes, no Luís Sitjar estiven sentado entre os xogadores de fútbol do Barcelona.
Tomei café con admirados homes e poetas, novelistas...
Teño boa relación con bastantes das mellores figuras da farándula do noso país.

Nunca estiven nervoso, admíroos, e moitísimo, a cada un deles no seu. Non son mitómano.

Máis nunca esqueceréi unha noite, no pub Atlántico, en medio do fume, dende a nosa esquina onde xogabamos lóstregos de partidas, como empecei a tremer emocionado. Estaba subindo os cinco chanzos un auténtico hipocondríaco: Antonio Durán Morris.

Daquela non principiara - si, houbo tempos onde non existía -, Pratos Combinados. Morris era, e segue sendo, para min o heroe da miña adolescencia,o líder de Artello.

Sei que escribo dende o corazón e non coa cabeza, pero que máis da iso. O certo e que emocionoume - aínda que só un pouquiño - que el estivera alí, perto daqueles chalados.
Pasado o tempo, agora de adulto, decátome que o seu estilo habitual non é o meu preferido. Penso que necesita un director que o ate curto. Na notable "Se o vello Simbad volvese ás illas" e a pesares do esforzo de Quico Cadaval, Pico, Marcos Orsi e a marabillosa Rebeca Montero (unha inesquecíbel Sari), desentonaban a dirección e máis o meu mito da adolescencia.

Pero perdóolle todo, porque os demáis tanxencian a miña vida, pero o Morris de Celtas sen filtro, da movida de Vigo, está dentro de min.

Teimas


Honrado polo convite de Lolo, e feliz pola súa volta, sinalo eiquí as miñas teimas:
1) Se ao xantar xúntanse no prato dous ou máis alimentos distintos, deixo para comer ao final aqueles que máis me gustan.
2) Ao deitar aos nenos, despois de que D. os presigne, contraataco eu coa miña pequena sabotaxe: cóllolles unha man, e pellizcando sucesivamente os cinco cotomelos recito: Pin pin, garabatín, leva as vacas ao molín, cando o rei, por alí pasou, a todas as aves convidou, menos unha que faltou, gache, gache, vaite agachar, detrás da igrexa do Vilar, que te van alí, ir a buscar.
3) Antes de meter os pañuelos na lavadora boto a última fungada, aínda que non teña gañas.
4) Teño vágados, propios e alleos, non aturo as xanelas abertas se hai menores de 10 anos en cen metros a redonda.
5) Volvo ler, ao chou, capítulos de libros que me gostaron moito: Foron víctimas "La vida, instrucciones de uso", "Rayuela", "Moby Dick", "Un día más con vida", "O mellor francés de Barcelona", "Felicidad"...

Convido eu agora, se mo permiten, a Jan, Indómita, Colazo, Regueifeiro e R.R.

O día da marmota.



Grazas a Acedre sei que hoxe é o día da marmota.
Por certo, que gran frase: Estiven unha vez nas Illas Virxes. Coñecín a unha rapaza. Comimos langosta e bebimos piña colada. No serán fixemos o amor ao carón do mar. "Aquel" si que foi un moi bo día. Por qué non se podería repeter aquel día unha e outra vez?

Estrella e Carioco




Entereime da morte de Lola Cardona, e volvo lembrar "El Sur".
Téñolle especial cariño a esa película: Carioco, graffiteiro, na procura de Estrella, e ésta querendo saber quen é realmente o seu pai.
E Lola Cardona enchendo a pantalla. Sona "En er mundo".
Hai anos que non a vexo, téñoa en VHS. Non sei se o paso do tempo afectaría á película, pero daquela pareceume unha marabilla: unha historia ben contada, que te entretén e a vez fai pensar.