17 março 2006

Parroquia de Velle

Dentro dun mes o meu pai cumprirá 84 anos. Naceu no Campo de Quintela, en Velle, nunha casa que tiña "un corredor montado sobre colunas e tapado con táboas", que ata hai a penas quince anos ficaba como estaba daquela.
Lembraba, hai unha semana, como cando el era neno, antes da guerra, apareceran por Velle uns señores que falaban coa xente e escribían en libretas. Non lembra que tiraran fotos.
Teño diante de min o froito eximio xurdido das notas daquelas libretas, escritas por Florentino López Cuevillas, Vicente Fernández Hermida e Xoaquín Lorenzo Fernández Xocas: "Parroquia de Velle" que saíra do prelo en maio de 1936 mais os datos e fotografías que o ornan tiráranse varios anos antes, segundo os pes das fotos.
Estos azares marabillosos da vida, esta reedición desta alfaia perdida xusto agora, cando están vivos, fixo posible un pequeno e intenso intre de felicidade nos vellos da miña familia, o meu pai e a súa irmá maior e os seus irmáos algo máis novos, que a pesares de case non poder ler pola letra menuda, aínda poideron retrotraerse nas lembranzas ollando a súa casa, o campo onde xogaron, as toponimias da infancia, e case os cheiros dos chourizos ao afumarse, o recendo das cereixas cedas, o chamusco do porco matado.
Cecais eles mesmos aparecen nas borrosas fotos da festa da Santa Marta.
Pásmame a abraiante inxente obra de 330 páxinas de antropoloxía social feitas hai 70 anos, a minuciosidade do relato, o agarimo nas composicións, o respecto aos paisanos.
Atopo na páxina 178 os apelidos dos meus devanceiros e na páxina seguinte os nomes dos meus avós, rematando a páxina dicindo que a Bouzafría era a penúltima pousa dos itinerarios fúnebres segundo os regulamentos da Irmandade, da que meu pai aínda é socio a 1oo kilómetros afastado.
Leo versos recollidos daquela, páx 209, que a min me recitaban, tal e como fago eu agora cos meus. Pero decátome, escoitando a tía Manuela e ao meu pai, que cando eles falten iranse con eles non só a súa ciencia de labregos, senón un feixe - non pequeno - de verbas que ninguén voltará a dicir. E se o meu sangue entristécese anticipando os inevitables feitos biolóxicos ( pedantería absurda pola miña parte, que ninguén sabe a que idade ten que se despedir ), o meu espíritu galego láiase da desaparición do que fumos, do que aínda somos, e agora estase a perder.

3 Comentarios:

Anonymous Anónimo said...

Non se irán de todo se estás ti para atesourar esas palabras.

12:02 da tarde  
Blogger Ian said...

Creo que ten toda a razón náufrago. Non se irán esas memorias, cambiarán a súa natureza de certo, e se antes tiñan rainceiras na terra e eran sedentarias, agora han ser nómadas e irán onde as súas palabras e as palabras dos seus. Medrarán na memoria doutros.

9:38 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Prezados Náufrago e Ian: a miña memoria é feble, e as verbas necesitan uso para non enferruxarse. Eu, que non son de campo, non vou ter doado gardar o tesouro.

10:50 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home