28 abril 2006

Eleccións na USC


A Universidade de Santiago de Compostela vai escoller en poucos días reitor.
Quere recuncar o actual, Senén Barro; e quere iniciarse na magnificencia Juan Casares Long ( neste caso é obrigado sinalar o segundo apelido, non vaia ser...)
Sae como favorito e practicamente seguro gañador o señor Barro, que tivo a ben facer unha linda mestura de cores e texturas arredor da súa cadeira: dereita ( un posible candidato do PP para a alcaldía de Compostela ), socialismo e nacionalismo van da man.
Sóanme moitas das persoas que forman o seu equipo: Madó Domínguez Santos é a irmá do lembrado Guillermo, Lourenzo Fernández Prieto tén dabondo prestixio, Mª Paz García Rubio é unha profesora boa e sensata de Dereito Civil - ademáis caénme ben o marido e especialmente os fillos, xogadores de xadrez; Máximo Pló ten tamén outro fillo xadrecista, bo, por certo; e de Elías Torres Feijó teño os mellores dos conceptos, sendo por certo un excelente director do Monte da Condesa.
Aínda que non os coñezo repícanme os apelidos Vázquez Taín - o irmá foi un coñecido xuíz en Vilagarcía - e García Rodeja - supoño filla do matemático.
Aínda que o futuro da USC aféctame directamente eu non voto. E a pesares de toda esta xente valiosa nesa candidatura que veño de repasar tería boa escusas para non votar a Senén:
a) Non entro en valoracións persoais - que descoñezo-; en todo caso, e respectuosamente, políticas, pero alguén me pode explicar que fai Mayán Santos no medio?
b) Se hai ridículos vetos antes de gañar, qué pasará despois?
c) Juan Luis.

Pola outra banda, coma valente Alcoyano, vai o outro candidato, segundo contan ex-alto cargo do P.P. Deste non sei nada, agás que tamén tenta facer a mestura de Senén Barro : un socialista por eiquí, un progresista galeguista por alá...
Sabemos todos que vai perder, por moito que os indecentes media de Compostela lle dean pulos.
Levo un sobresalto cando vexo no medio do cartel de Casares Long a Juan Luis, o meu amigo.
Con el tomei varias veces as uvas no salto de ano, vivimos xuntos nun piso alugado no ensanche, e despois eu pasei noites naquelas habitacións de papel de 3x3 do Burgo das Nacións e el lembrará con agarimo o meu piso de Xeral Pardiñas.
Admirábao: Foi el quen me descubriu a Richard Dawkins, tan de moda daquela; faciamos competicións de recitaxe do capítulo 68 de Rayuela ; ou iamos xuntos xogar ao baloncesto ou colliamos o vitrasa para ir ao Vao.
Dende as prazas que viron morrer a Xoana de Arco enviábame crípticas cartas que contiñan as súas xogadas dunha inacabada partida por correspondencia.
Tivo unha época hipocondriaca, por mor de padecer unha enfermidade tropical meses atrás. Saíamos polas rúas abaixo de Vigo tendo que facer paradas horarias: tiña que se pór o termómetro, que sempre levaba encima.
Hai tempo que non o vexo, espero poder facelo nos próximos días e porque o quero preguntareille qué carallo está facendo nestas eleccións.

Non podo votar. Alédome.

25 abril 2006

Zeca Afonso e Diamantino

Hoxe é 25 de abril.
Teño especial devoción polas historias de futbolistas. Onte, no xornal "El pais" podiamos ler as andanzas dun xogador para min descoñecido: Ezio Vendrame. Son míticas as lendas verso Garrincha. Unha canción estupenda de Jorge Ben: "Fio Maravilha" adícase a outro dianteiro. Ou as maledicencias que se contaban de Pahiño, o Pichichi co Celta que tiña a ousadía de ir as concentracións con libros: marmurábase que o viran con "Crimen e Castigo".
Pero hoxe é 25 de abril.
Cando teñades a ocasión de asistir a algunha das actuacións de Carlos Blanco, pedídelle que conte a emocionante historia do futbolista Diamantino Miranda co Zeca Afonso.
Non vos arrependeredes.

Facendo limpeza

Facendo limpeza atopo debaixo da invitación de voda de C. e M. - agora xa divorciados- unha circular orixinal, con selos e sinaturas, dirixida a: "Todos los partidos políticos; Organizaciones sindicales; Organizaciones no gubernamentales, Asociaciones, Universidad". Desconcértame saber que o remitente tiña o meu enderezo e que me considera alguén dentro dalgunha das cinco institucións referidas. A data é do 10 de marzo de 1998 e está escrita en castelán, aínda que un dos seus remitentes ten o nome galego: "Asociación Galega de Axuda ó Sahara". ( O outro é a Delegación saharaui para Galicia).
Non a lembro daquela e descoñezo por qué a gardei.
A circular convidábanos ( a min? ) a formar parte da "Plataforma Cívica Pro-Referendum en el Sahara Occidental, que tiene como lema "o Sahara no Corazon"
Enviaban un anexo coa declaración constitutiva da plataforma.

Efectivamente eu teño dende a nosa distancia ao Sahara no Corazon (eu non podo arredar as miñas verbas de tódolos que sofren neste mundo...) , e aquelas persoas que compartiron anacos da súa vida cos rapazolos saharauis máis aínda; por iso abráiome ao comprobar o nome da persoa que asina a circular como Presidente da "Asociación Galega de Axuda ó Sahara": Pio Moa.

P.S: Em Marrocos, socórramme.

A relixión

Agarda por ser lido "Tratado de ateología" de Michel Onfray ( Ed. Anagrama). Unha rápida ollada revélame unha curiosa obsesión cos prepucios, pero aparenta ser máis un libro para o fin de semana - tendo os ollos moi abertos- que para os cinco minutos previos a durmir.
Nun capítulo coinciden Carl Schmitt ( outra vez) e Miguel Torga, a quen eu lin aínda estando vivo e ao que consideraba o tamén desaparecido Carlos Casares como o primeiro portugués merecente do Nóbel de Literatura ( agora xa sabemos que non).
Nas racións dixeridas estes días, en terminoloxía do Fuco, alimenteime da voz discordante do Cardenal Martini, da corroboración de que masturbarse segue sendo pecado ( e te vas quedando cego, ou xordo, ou vas quedando sen médula,- verdade? pater Jovino? ), de que a Igrexa é a institución menos valorada pola mocedade (por qué será?, pregúntanse).
De todos modos, sorpréndome a min mesmo lendo unha revista relixiosa coa que básicamente me podo identificar: Reinado Social.
Teño dende xaneiro tamén na reserva "Los mitos griegos" de Robert Graves. Cando remate cos monoteismos pasarei a historias máis divertidas e educativas, e volverei ler porque as mulleres disfrutan sete veces máis co sexo que os homes.

24 abril 2006

Violencia no ámbito doméstico



Cando cheguei a Compostela mandeille unha postal do Campus a Pedrín, era unha escea primaveral. Cando vexo fotos semellantes penso en el e nos seus orfos irmaos.

O primeiro contacto máis ou menos directo co tema da violencia no ámbito doméstico foi hai vinte anos. Estivera traballando dous anos na Praia de Palma e o meu compañeiro de praia, no Balneario 0, era alcumado Pedrín polo inspector da compañía pola súa aparente semellanza co compañeiro de Roberto Alcázar. O pai de Pedrín era un garda civil de tráfico andaluz, pai de oito rapazolos. Xa de volta en Galiza, na primavera seguinte, mentres eu tentaba chapar as respostas das clásicas cincoenta preguntas que sempre facía o xenro de Carl Schmitt, chegoume a desagradable nova do suicido do pai de Pedrín após asasinar a súa parella.

A segunda vez foi co meu primeiro xuízo, onde exercín a acusación contra un home que lle pegara a súa daquela muller na casa e diante dos fillos: afortunadamente as lesións foron leves. Meses despois, seis ou sete, xa separado o matrimonio, celebrábase a vista oral. Nunca se prepara tanto un xuízo (ou unha cita) coma cando é o primeiro. Estaba moi nervoso e a noite anterior decidín contar as miñas cuitas no medio do Atlántico. Recibín o ánimo de Guille e Pili e máis do que sería meses despois colega esporádico de profesión: Ladislao Couto.
O asunto saliu ben: Na solicitude de pena a fiscal pedía unha forte multa. Eu opúsenme aducindo que coa multa os prexudicados serían os fillos da parella e a propia víctima, e reclamei a pena de arresto domiciliario os fins de semana.
Como o procedemento caera nun Xulgado cun Xúiz dilixente só agardamos pola sentencia un mes.

Nestes últimos sete anos houbo unha cantidade intolerable de mulleres que perderon a vida do xeito máis estúpido que se poida un maxinar.

Eu critiquei aspectos formais da Lei contra a violencia doméstica que xurdiu nada máis gañar Zapatero as eleccións hai dous anos. Penso que é torpe nalgunhas cuestións pero é probable que esa Lei manifestamente mellorable poida ter salvado moitas vidas.

A miña penúltima comparecencia nas salas dun tribunal foi nun Xuízo Rápido contra un home que doce horas antes lle tirara do pelo a súa moza, tirándoa ao chan, e lanzándolle un mordisco no brazo ao tempo que a insultaba e ameazaba. Era a primeira vez que a agredía. Esta vez tanto a Fiscal como a acusación particular estabamos de acordo coa solicitude de pena, que resultou ser, entre outras cuestións, a de prisión por un ano e prohibición de achegarse a menos de 500 metros onde esté ela ou tentar comunicarse de calquer xeito coa rapaza, todo iso no prazo dun ano e nove meses.
O xúíz decidiu a suspensión da pena de entrada en prisión, sempre e cando nos próximos dous anos o home non cometa ningún tipo de delito ( está incluido o quebrantamento da prohibición a achegarse ou comunicarse).

A sentencia foi dictada e impresa doce horas e media despois de ocurridos os feitos, e apostaría, e desexo non ser un pardillo, que ese home non vai delinquir nos próximos dous anos polo menos.

04 abril 2006

A radio galega

A radio galega mudou considerablemente despois do pasado verán tralo troco no goberno galego. E foron cambios sen dúbida a millor.
Xa que esta é unha emisora que para min é de referencia, non só polo idioma no que quero escoitar senón pola súa proximidade, podo opinar dela con certa causa e con contrastable antiguedade, xa que por motivos familiares fun dos primeiros seguidores de "Galicia en Goles" nas primeiras edicións da RG, coa voz inesquecible de Carlos Blanco conectando co Lourambal ou o Bao ou a Lomba; ou facendo malabarismos para se referir ao equipo do Caramiñal (Poboa, Pobra ou Puebla) ao xeito que Don García facía co "equipo navarro" de Perico Delgado.
Por conseguinte podo dicir, por exemplo, que a sección de deportes, con Terio Carrera, mellorou sustancialmente; ou as noticias da noite con Tino Santiago. E continuan, menos mal, espazos indispensables como o magnífico "Diario Cultural" de Ana Romaní ou o necesario "Lume na palleira" de Emilio Españadero os sábados pola tarde.
Da nova programación encántame "Aberto por reformas", persoalísimamente levado por Xurxo Souto.

As coincidencias xeracionais e un alto grao de azar fixeron posible que moitos dos colaboradores de "Un día por diante", o novo magazín estrela matutino, sexan coñecidos meus.
Estaba ao fronte do programa un profesional que, polo que sei, fora suavemente defenestrado após do Prestige; e que ao meu gosto non me daba suficiente empatía, malia pesares da boa vontade e a calidade dos colaboradores.
Supoño que a susceptibilidade acumulada de épocas non moi pretéritas fixo que un incidente menor convertírase nun terremoto e levase a subseguinte demisión do Sr. López Carril. Eu, como ouvinte, non o lamento en demasía, - aínda as baixas de contado de Ramón Chao ou Xosé Hermida -, pois tanto Pichi Varela primeiro como agora Helena Soto, fan o seu traballo dun xeito que a min me gosta máis.

Pero seica os tremores non pasaron en San Marcos, e non lamentaría eu máis que a cuestión persoal dun locutor pasara por riba dos negocios de tódolos galegos, e se levara por diante - Deus non o queira -, o bo facer e o entusiasmo de Xurxo Souto, que tanto ben está facendo nas ondas das nosas radios.

Un admirador, un amigo, un esclavo, un siervo

Antes de gozar co traballo ben feito de Luis Tosar, Marta Etura e Juan Diego, volvo ver, encantado, "Atraco a las tres". Non entendo cómo pasou a teórica durísima censura da época os cinco primeiros gloriosos minutos desta película, coas seguintes frases:

"Y luego quieren que no haya revoluciones"
"Mientras no se reparta la suerte no habrá justicia social"
"Cada vez hay más clientes, menos vacas, pero mientras sigan haciendo pantanos..."

No corazón do ambiente gris do franquismo, tan ben reflictido no filme, alumean fachos de inxenio audaces para ser 1962. Diálogos que mesmo agora son frescos e que daquela probablemente semellaran subversivos mixtúranse con imaxes que revelan unha crítica social non agachada e que permiten entrever as pulsións dos mozos da época, o terror diante da policía...
Esceas de tensión sexual, real ou finxida, entre Agustín González e Paula Martel, Manuel Aleixandre e Gracita Morales, e Jose Luis López Vázquez e Katia Loritz..

Serei temerario se digo que é unha das mellores películas do cine español?