31 maio 2006

Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza

Hoxe, último día do mes de maio, non vou á festa de despedida de actividades extraescolorares do CEIP Pío XII de Santiago. Falto por vez primeira á cita a que ía acudindo dende hai catorce anos, cando aínda estaban alí as pistas de tenis e non existía o polideportivo. No comezo do ano pasado, tralo troco da monitora de iudo, convertinme nos decanos dos monitores das actividades, pero decatábame que xa era hora tamén de ir marchando.
Sospeitando que o curso pasado sería o derradeiro meu alí, soliciteille á ANPA un pequeno dispendio para que tódolos alumnos poideran levar na festa final un pequeno agasallo consistente nun libro de xadrez. A ANPA - como sempre - portouse estupendamente, e merquei para os oito máis pequenos, de seis anos ou menos, o libro "Mate con Tomate" da Editorial Paidotribo e feito pola Escola Luguesa de Xadrez que dirixe o amigo Pablo Castro. E para os vinteoito un pouquiño máis veteráns dirixinme pola mañá de hai xusto un ano ao Servizo de Publicacións da USC onde merquei esa mesma cantidade do primeiro libro de xadrez en galego: "Manual Básico de Xadrez" de XL Veiga Goy e C Arias Iglesias.
Aproveitei a estadía no Servizo de Publicacións para ollar o folleto de libros descatalogados e merquei a prezo de risa unhas cuantas cousiñas: "El léxico de Álvaro Cunqueiro", "Día das Letras Galegas 1992, Fermín Bouza Brey", "La sexualidad femenina en la USC", "El Enriquecimiento sin Causa" ( de Álvarez Caperochipi, profesor de dereito civil cando eu escomenzaba a carreira e compañeiro meu tamén daquela nas clases de alemán na Escola de Idiomas que impartía Rita Radl; dicíase que o departamento de Civil era o do "Caperochipi rojo y el Lete feroz": venceu o Lete, desgraciadamente), e "Os Oestrimnios, os Saefes e a Ofiolatría en Galiza" edición facsimil do libro do ano 1929 do Seminario de Estudios Galegos de Florentino L Cuevillas e Fermín Bouza Brey.
Metín toda a miña compra nunha caixa de cartón.
Na festa, cando correspondeu a miña quenda, agarrei o micrófono e fun lendo o nome de tódolos alumnos para que se achegaran ao cenario e alí unha compañeira da ANPA entregáballes o seu pertinente libro.
O caso é que polo serán, ao chegar a casa e abrir a caixa, descubrín que sobrara un libro de xadrez e que faltaba o dos "Oestrimnios, os Saefes..."
Despois de me sobrepor á vergoña, inquirín pola confusión, e grazas á ANPA poidemos arranxar o malentendido. A damnificada foi unha rapaza de sorriso lindísimo chamada Mariña. Non quero pensar nas facianas de estupor que terían ela e os seus pais aquel día na súa casa pola noite. Nove meses para aprender a xogar ao xadrez correspondidos con ese libro.
Días despois fixemos o troco de libros, pero sei por Fernando, o novo monitor, que Mariña este ano non se apuntou á actividade de xadrez.

24 maio 2006

A Cultura Circula

O pasado venres fun ata o polígono de Torneiros no Porriño para asistir ao espéctaculo Tentacular d' "A Cultura Circula". Foron máis de tres horas estupendas que pasaron rapidisimamente.
Barato, moi barato e marabilloso.
Mais de tres horas sen para de rir, de asombrarse. De felicidade.
Excelentes os músicos, e Chévere, e Quico Cadaval, e Mónica de Nut, e os malabaristas de Pista Catro (Pablo, Alfonso, Natalia e Xosé), e as trapecistas Raquel e Merchi, e Carlos Meixide, e Joseph Collard, e Mofa e Befa.
Todo ben.
Magnífica idea.
Nesto si que se nota o cambio.

Dia do emprendedor

Onte, convidado por un colega, achegueime ao Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, onde se celebraba o "día do emprendedor". Alí volvín ver o xenio creador dos insuperables Mofa e Befa e despois puiden charlar un chisquiño con M.M., superado pola asistencia de público.
Cóntame que houbo troco na cabeza do IGAPE: agora o novo director xeral é José Antonio Delgado Arce, e eu quedo un rato cavilando pois ese nome sóame a político do Partido Popular. Pero o ex-animador cultural do Instituto Feminino segue teimando que ese é o novo xefe, elixido directamente polo conselleiro de economía e facenda- do PSOE -, Sr. Fernández Antonio.
Pregúntolle qué tal a vida, e contéstame - farto e lixeiramente airado- que as cousas no IGAPE seguen igual que antes das eleccións. Que houbo substitución do xefe máximo, pero seguen nos mesmos postos os 14 directivos que había daquela, e intercontextualiza a Julio Iglesias: a vida sigue igual.
Volto ao traballo ledo pola actuación teatral, triste por todo o demáis.

23 maio 2006

Cartas ao Director: "En defensa del español"

Oinlle nunha entrevista a Fernando Colomo, o director de cine, como escomenzou o fenómeno da "comedia madrileña", na volta á democracia. Na entrevista lembrábase a primeira película marco dese boom: "Tigres de Papel". Colomo, con sinceiridade, recoñecía que o seu propósito fora facer un drama, pero o día da estrea, ollando atónitos como o público asistente se escangallaba de risa diante das imaxes, decidiron el e máis Carmen Maura publicitar a película como "comedia".
Eu, que quixera ser un bo galego, gosto da ironía, da retranca, da malicia sutil, aínda que as veces poida ser involuntaria.
Nunca leo as "cartas ao director" dos xornais, pero en ocasións a vista obrígame a parar diante dalgún titular espectacular.
No Faro de Vigo do sábado 20 de maio, na sección de Cartas ao Director, hai dúas delas que precisan comentarios. Velaiquí o primeiro que transcribo literalmente, sen necesidade de glosa:

"EN DEFENSA DEL ESPAÑOL
A doña Cristina Losada Fernández, presidenta de Vigueses por la Libertad:
Reciba mi más sincera felicitación por su valiente y bien argumentada carta en defensa de la noble lengua de don Miguel de Cervantes.
Efectivamente, el castellano en nuestra ciudad y en Galicia está en peligro de extinción, apenas se habla ni en la calle ni en los medios oficiales, ni en la prensa o radio ni tan siquiera en la Iglesia, siempre tan fiel y amante de la gloriosa lengua cervantina compañera del Imperio. Para colmo a partir de ahora tampoco en la escuela se impartirá el español que algunos llaman castellano.
Hay que tomar medidas a poder ser por tierra, mar y aire.
Atentamente, siga usted así.
Galicia la necesita.
Jose Luis Raposo.
Vigo".

11 maio 2006

Noite de tele


Chego a casa, sento, e prendo á vez a tele e ordenador, éste no colo.
Vexo a tele, e vou facendo zapping:

1º.: Na Primeira chego xusto a tempo de ver como o Sevilla mete os seus últimos goles ao Boro. No medio da ledicia dos que retransmiten escápaselles un dato que eu descoñecía: É o primeiro título do Sevilla dende o lonxano 1948, cando gañaran a Copa de España.
Non din máis, polo que fago a traducción simultánea: Trátase da final da "Copa do Generalísimo" xogada entre o Sevilla e o Celta (Ricardo Zamora de adestrador e Miguel Muñoz de figura) , que gañaron os primeiros por 4 -1. Seica naquel partido os vigueses remataron con nove xogadores no campo, coido que daquela non se substituían aos lesionados.
Foi a segunda vez que un equipo de Vigo chegaba á final da Copa de España. A primeira, un dos equipos fundadores do Celta, o Vigo Sporting, creo, perdera a final contra o Real Madrid cuarenta anos antes.
Ata agora levamos catro finais - a última ( que seguro que non a derradeira) o 30 de xuño de 2001 - porén, día ben lindo-, e aínda non levantamos trofeo algún.


2º.: Paso á Localia: Senén Barro é elixido Reitor da USC. Victoria pírrica, escoito. Dende logo non é o paseo que eu maxinara. Pero supoño que o caso é gañar. Que sexa para ben.

3º.: Zapeo ata a Sexta: Na tele, unha recoñecible actriz:Nancy Marchand, a dona de "Los Angeles Tribune" en Lou Grant, eiquí fai de Livia Soprano. Escoitara loubanzas verso "Los Soprano", e certo que ten boa pinta, mais non é a indiscutible obra mestra que tanto pregoaban. Das de agora prefiro "Six feet under", "The west wing", House, e sinceiramente"Pepe o Inglés", da que estou enganchado (gráboa cando non a podo ver).

4º.: É noite pecha. E na TVG falan dunha alfaia que cae lene coma unha folerpa. Trátase dun libro e o nome do seu título, Sari, evócame a unha das tres mellores actrices galegas actuais: Rebeca Montero, o marabilloso pequeno amigo do vello Simbad, escrito por Cunqueiro e teatralizado por Quico Cadaval.

5º.: Volvo á Sexta: Aparece na pantalla un avellentado Oleg Blokhin. Deduzo que é o seleccionador de Ucraína, a sempre futbolísiticamente subvalorada nación. Blokhin era un velocista de 100 metros lisos pegado á cal pintada no céspede do Camp Nou unha noite do verao de 1982 cando ía na procura das semifinais do Mundial do Naranjito. A pesares de gañar a Bélxica a CCCP non lle bastou para enfrontarse a Italia días despois: Na Polonia onde aínda estaban Lato ou Zmuda tamén xogaba un xenio: Boniek.
A subvaloración, polo menos en España, do futbol ucraíno, só demostra a incultura xeográfica e futbolística dos raciais seguidores da Furia. Chegados a Compostela rematado o torneo "Cidade das Burgas" no verao de 1996, na terraza do Bar Nemenzo, o ucraíno Mijhail Nedobora contábanos no seu perfecto castelán unha historia que lle pasara o ano anterior en Benasque.
Alí, nas montañas oscenses, cada verao celébrase un festival de xadrez moi importante, no que as veces chégase aos cincocentos participantes. Unha mañá, como é habitual neses torneos, organizáranse unhas pachangas de fútbol. Nedobora é bo futbolista pero moi chupón (como comprobáramos días antes en Ourense ) pero no seu equipo tamén xogaba un xadrecista español - non profesional, ía pola metade da clasificación-, que chupando moito máis ca el levoulles á victoria coas súas accións individuais. Xa nos vestiarios, outro compañeiro de equipo recriminoulle a Nedobora que non pasara máis a pelota preguntándolle a vez de onde era.
De Ucraína, contestou. Claro, e que no teu país non saben xogar ao fútbol, foi a desabrida resposta do educado español. Misha Nedobora contestoulle enfurecido e doído que a meirande parte dos mellores xogadores na historia do fútbol na URSS eran do seu país, e que sen ir máis lonxe, no ano 1986, o Dinamo de Kiev era probablemente o mellor equipo de Europa, como ben demostrara na paliza inmisericorde que lle metera ao Atlético de Madrid na final da Recopa.
Nese momento, o silencioso xadrecista que metera tantos goles esa mañá abriu a boca: "É certo que foi unha inmensa paliza, eu xoguei ese partido". Aquel xadrecista goleador chamábase Quique Setién.

6º.: Na 2 emiten Estravagario, presentado por Javier Rioyo, de quen hai ben pouco vinlle un documental precioso: "Asaltar los cielos", a historia de Mercader, o asasino de Trotsky. (Por certo, na miña infancia "Trotsky" era un nome típico de can, como "Laika" era de cadela).
Está falando Fernando Berlín, presentando o seu libro: "Heroes de los dos bandos", sobre persoas que na Guerra Civil axudaron a xente da outra beira a salvar a súa vida. Contan a curiosa historia do avó de Javier Cercas, que o propio escritor descoñecía.
E eu lembro a miña visita de hai quince días a Velle, levando unha cámara fotográfica para tentar tirar fotos nos mesmos lugares onde foron tiradas setenta e cinco anos atrás. O meu tío Tono contoume outra historia da miña familia que eu, o benxamín, non escoitara. Unha tarde, ían xuntos camiñando de Velle para Ourense o meu tío e máis Claudio Añel, o que despois sería famoso co alcume do Cuco de Velle. Ao chegar a unha reviravolta da estrada por riba do salto, onde hai un pequeno mirador, o Cuco dixo: "eiquí o teu irmao Xosé salvoume a vida".
As cousas foron seica así: O meu tío Xosé debía ter como defecto a fanatización relixiosa, xa que ao principiar a guerra afiliouse aos "Requetés" ( o meu tío explicábame que había daquela alí dous grupos nas Dereitas: os requetés, con motivacións "relixiosas" e os falanxistas, "os outros"). Velle non se librou das barbaridades asasinas daquelas datas, e de cando en vez, no verao de 1936, algún grupillo falanxista detía a persoas non adictas na súa casa pola noite coa escusa de levalas a tomar declaración a Ourense. Na viaxe pola beira do Miño esos detidos eran asasinados. Unha noite os detidos foron o Cuco e tres amigos máis. E na espantosa andaina cara abaixo, ben de noite, atopáronse co meu tío que subía a casa. Segundo relataba o Cuco, o requeté encarouse cos falanxistas, e díxolles que non eran horas para tomar "declaracións", que ao día seguinte e baixo a súa responsabilidade acompañábaos el a Ourense para aclarar o que sen dúbida era un malentendido. E convenceunos.
Como algún dos amigos do Cuco seguen a vivir alí, moi anciáns, tentarei comprobar, se me é posible e se non molesto, os extremos desta historia.
O meu tio, en contra da vontade expresa da miña avoa, foi voluntario á guerra meses despois. Morreu en Grado o 1 de agosto de 1937. Outra morte estúpida.

Nos últimos meses estou descubrindo historias de este cariz protagonizadas polos curas das aldeas. Positivas como o caso do cura de Velle, Gabriel Muñoz, que agachou aos que días antes prendéranlle lume a propia igrexa parroquial, ou avisaba das posibles futuras víctimas de macabros paseos para que fuxiran. Así tamén facía o párroco de Paraños, na Paradanta.
Ou terriblemente negativas, como o cura de Vilasobroso, que se destacou como incansable asasino.


7º.: Cando me deitou soa na Radio Galega unha voz preciosa: Carla Bruni, en Quelqu'un Ma Dit.