21 junho 2006

Himnos nacionais

Veño de ver na tele o comezo do Portugal - México do Mundial de fútbol: a rexa formalidade na que os xogadores cantan o seu himno.
Cada vez que vexo iso volta a miña cabeza a anécdota que eu prefiro do mundial España 82.
O segundo partido do mundial disputabase en Vigo: Italia - Polonia, no remozado Balaídos coa grada nova de Río. Os vintedous xogadores aliñáronse como é debido para escoitar cadanseu himno. O locutor de TVE que retransmitía era Miguel Vila. De súpeto ( broma, erro do protocolo, confusión coa Galitzia polaca, patriotismo do da megafonía? ) escomenzou a sonar en Balaídos o himno galego, ao tempo que a realización enfocaba, un por un, aos xogadores polacos que, loxicamente, mantiñan a seriedade supoñendo que se trataba do himno rival. As verbas do locutor foron marabillosas:
"Observen, queridos telespectadores, la emoción reflejada en los rostros de los jugadores polacos al escuchar su himno nacional".

Foron cincoenta e dous partidos naquel mundial, dos que eu vin cincoenta e un: Preferín ver unha semifinal de Wimbledon ao Austria - Irlanda do Norte de cuartos de final no Calderón. Pero case podo asegurar que a voz de Miguel Vila non volveu ser a encargada en retransmitir ningún dos cincoenta partidos que quedaban naquela competición.

Alexandre Cribeiro


A única vez que puiden falar con Alexandre Cribeiro foi na casa de Pili, que anos despois convirtiriase na miña cuñada. Alí apareceron Alexandre e máis Susana, a súa compañeira, porque esta era amiga da anfitriona. O nome de Cribeiro soábame polos libros de literatura galega, membro do Brais Pinto, ainda que a súa fugaz popularidade na xente foi por mor da súa dignidade maiúscula e perfecta profisionalidade na polémica retransmisión por TVE da volta dos restos mortais de Castelao a Compostela. Alexandre era o director do centro territorial de TVE en Galicia.
Eu daquela non lle tiña lido nada. Na charla pareceume Alexandre un home encantador: educado, culto e moi amable. Falamos de Euskadi, que semellaba coñecer ben, do seu problema e das posibles solucións. Pasados tantos anos, el xa desaparecido mais non esquecido, admírome ante a memoria daquel poeta que anticipou o que tiña que pasar para facer posible vieiros de convivencia. E anticipou tamén os atrancos que ían colocar aqueles que tanto el despreciaba.

Postumamente apareceu un poemario: "A señardade no puño", do cal escribo o poema XXIV

Se soubeses Antón
como me doe a dor da túa dor

pasada,
que baleiro de verba se produce
se te lembro.
Se soubeses, Antón.

Eu non son experto en poesía mais digo forte que gosto do Cribeiro, e que sinto a incomodidade da inxustiza cando ao falar da poesía galega do século XX esquécese a este home digno, a este bo poeta.

19 junho 2006

Baloncesto

Leo que o equipo de Málaga está a piques de gañar a liga española e volvo á infancia.
Hai moito tempo que non sigo o baloncesto: aburriume. E iso que nas miñas primeiras lembranzas dos heroes do deporte dende a vella tele en branco e negro fican nomes coma Ángel Nieto, Mariano Haro, Santiago Esteva, Paquito Fernández Ochoa, Manolo Orantes e Nino Buscató e Emiliano Rodríguez. Daquela, no estado español, as mulleres non facían deporte ( excepcións: Mari Paz Corominas, Carmen Valero). Pouca xente moza de agora podería identificar ao nomes antes expostos.
Nos últimos anos da infancia xoguei un pouco ao baloncesto. Daquela só se seguía a NBA a traverso das revistas, na que falababan sen cesar de Julius Erving, Kareem Abdull Jabbar e o mozo Magic Johnson. Na Europa había un xogo moi limpo, moi técnico, pouco físico. A URSS onde principiaban a despuntar os lituanos e que tiñan un xogador estranísimo polo iconoclasta: Myskhin; e a marabillosa Yugoeslavia de Kicanovic, Delibasic e Dalipagic.
Onde eu vivía, Vigo, tivemos unha temporada un equipo formidable na chamada 1ª B, que viña sendo o chanzo inmediatamente inferior á máxima categoría, na que estaban o Madrid, Barcelona, Joventut...
Aquel equipo tiña unha plantilla estupenda, cecais un pouco curta, tendo en conta tempo e lugar: Bases: Peña, Nacho Polo e Pedro Abejón; Aleiros: Alberto Ortega, Junguitu e Augusto de la Concepción; Pivots: Alberto Abalde e Andrés Soriano. Chamábase "Santa Clara Porcelanas", triste premonición.
O adestrador daquel equipo era Cholas, ao que entón criticabamos polas súas decisións, e agora, pasados os anos, sigo na ratifica daquelas críticas.
Foi a ocasión máis clara para que o baloncesto vigués estivera na elite, e errouse.
Moitos anos despois, o equipo que conseguiu o ascenso á máxima categoría en troques do noso vai ser campión e non poido deixar de maxinar o que poidemos ter perdido.
O baloncesto masculino en Vigo nunca callou, e esa fermosa e fugaz tentativa foi esmorecendo ante a indiferencia xeralizada. A cuota de entusiamo cidadá polo deporte da cesta foi copada polo equipo femenino do Celta, magnificamente conducido polo base deste equipo estrelado: Nacho Polo, facendo mesmo doblete na mesma temporada.
Resulta curioso comprobar como no noso pais os equipos potentes de baloncesto xurdiron nos lugares onde non había a competencia do fútbol: Lugo, Ferrol e despois Ourense amosan isto.
Tempos..., lembranzas aparecidas como lóstregos en reacción a calqueira nova lida a correr, de esguío, antes de pechar o xornal.

01 junho 2006

Xadrez na escola

O armenio Tigran Petrosian, campión do mundo de xadrez no ano 1963 dixo unha boa frase: "O xadrez é un xogo pola súa forma, un arte polo seu contido e unha ciencia pola súa dificultade".
Ademáis de todo iso, o xadrez pode ser unha moi útil ferramenta educativa. Na nosa terra houbo varios experimentos nese senso, que demostraron a utilidade da aplicación do xadrez como materia transversal: a máis importante foi en Trazo e coa denominación "Proxecto Xaque" da cal falarei máis de vagar dentro duns dias.
Outra iniciativa tivo lugar en Ferrol no ano 1998, dirixida ao profesorado de educación infantil, primaria e secundaria, e dirixida por dous mestres que son moi bos xadrecistas: Alberto Xosé López Pérez (I.B. As Telleiras de Narón) e Xosé Lois Ximénez González (I.B. O Pazo de Fene).
Este último é o fillo dunha persoa mítica en Ourense por moitos e relevantes motivos: Clemente Jiménez, falecido non hai moito. Do que eiquí nos ocupa podemos dicir que Clemente mantivo aceso o facho do xogo do xadrez na cidade das Burgas en épocas ben grises, sendo animador e mecenas dos novos xogadores que ían alí xurdindo. Ata pouco antes da súa morte, na Casa da Xuventude de Ourense sempre procuraban a ocasión para homenaxear a Clemente convidándoo ás entregas dos premios dos torneos que organizaban.
Volvamos ao rego: A actividade desenvolvida en Ferrol tiña por título: "O xadrez na escola como medio nos procesos de aprendizaxe e socialización do neno", e tiña capítulos tan interesantes como "as matemáticas e o xadrez", "o xadrez o longo da historia" e "o arte no xadrez".
Seguiremos.