21 setembro 2006

O idioma nos Tribunais

Onte pola noite, agardando para ver a magnífica "Sempre ao Lonxe" na Sala Nasa, cóntanme unha historia sucedida o día anterior no Xulgado do Social nº.3 da Coruña: O avogado demandado reclama ao avogado demandante que lle fale en castelán. O avogado demandante replica dicindo que ten o dereito a expresarse en galego. A solución do Maxistrado, despois dunha longa perorata sobre dereitos e deberes, foi suspender o xuízo, avisando ás partes que no día que se sinale para a reanudación tamén estará un intérprete.
Paréceme todo un chisco desmesurado.

19 setembro 2006

Pedro Arias. Abel Caballero.

Pedro Arias:
Non entro no contido dos seus discursos. Refírome as súas intolerables formas: Soez, maleducado, zafio. ¿Cómo na Radio Galega, ente público, permiten que un individuo con eses modais participe nas tertulias? Na dereita galega hai persoas civilizadas, correctas ( por exemplo, Macías ), ¿por qué non van á súa procura e retiran dunha vez a ese exaltado?

Abel Caballero:
Leo no Faro de Vigo que o próximo candidato á alcaldía de Vigo polo PSOE e actual Presidente do Porto envioulle unha carta persoal a Jaime Lissavetsky para que éste use a súa influencia para que o seleccionador español de ciclismo rectifique e leve a Óscar Pereiro ao Mundial.
Alucino. Non teño verbas para calificar semellante burrada. ¿Pero non era o Sr. Caballero profesor universitario? ¿Quen filtrou á prensa tal disparate, foi Corina Porro?

15 setembro 2006

De nomes e apelidos

Mergullado como estiven hai case dous anos en vellos libros eclesiásticos, na procura dos meus antergos, descubrín as diferenzas entre os nomes e apelidos de entón, séculos dezasete, dezaoito e nalgún caso o dezanove; e os de agora:
Algúns nomes perderon o "h": Christina, Martha, Thamara e Theresa.
Hai trocos de vogais: "Ysabel", "Pereyra".
Existen o que penso que son abreviaturas:"Xtrobal" como "Cristóbal".
Trocos nas consoantes: "Álbarez"convertiuse en "Álvarez" e viceversa: Os "Nóboa" de finais do século dezanove convírtense ao comezo do século vinte en "Nóvoa".
Modificacións completas, supoño que pola impericia do crego: Os "Agraján" agora son "Agregán".
Desaparecen letras: "Joseph", e as veces engádense castelanizando: "Feijó" pasou a "Feijoo".
Os "Villasanta" pasan a seres "Villasante".

Paseino moi ben facendo a árbore, valéndome tamén como aprendizaxe do que é a vida: Nacían moitos nenos pero poucos chegaban a adultos.

13 setembro 2006

Morte dun xadrecista

Porque xadrecistas non son só aqueles que gañan os torneos e xogan nas primeiras mesas cada quenda. Xadrecistas son as persoas que entenden que a súa afección e máis cun xogo: é unha realidade virtual aproveitable para a inhóspita vida real: fainos máis comprensivos - porque teñen que desenvolver a empatía suficiente para descubrir as ideas rivais -, maduran a capacidade de tomar decisións ( xa que os eternos dubidosos ou os perfeccionistas perden a súa partida ao sobrepasar o tempo permitido ) e aprenden a non ser impulsivos- porque as decisións non meditadas adoitan ser imperfectas.
Hai xogadores de xadrez e máis xadrecistas, do mesmo xeito que hai xogadores de fútbol e futbolistas. Os primeiros moven as pezas de xeito correcto, e se teñen moita vontade gañarán partidas, pero o xadrez pasa por eles sen deixar pegada ningunha. Polo contrario, os xadrecistas aprenden de cada partida - das propias, das alleas, e tamén das imaxinadas - e por iso é ben doado atopalos paseando pola sala de xogo, ollando as posicións dos taboleiros, cavilando as seguintes xogadas.
Xosé Henrique Rodríguez Peña foi xadrecista. E quero supoñer que esa característica axudouno na súa andaina política, e na vida cotiá, a tomar decisións. Compartía co tamén difunto Guillermo Domínguez Santos a carencia de carácter competitivo, que fixo que ámbolos dous souberan máis xadrez do que amosaban os seus resultados deportivos. Rodríguez Peña gostaba do xogo en si mesmo e das súas consecuencias, pero a victoria non era a conclusión da partida. Reflectíase iso en que don Henrique discorría polos torneos nas zonas mornas ou frias da clasificación: perdendo cos aguerridos rapaces da Casa da Xuventude e gañando aos homes da súa xeración: os do Liceo ou do Ateneo.
Eu, que fun asiduo dos torneos aurienses nos últimos quince anos - no verao no Cidade das Burgas, no inverno no Gallaecia - e compartín taboleiro con case tódolos mellores xogadores ourensáns, mágoame agora certificar que nunca xoguei con el... e ben que o sinto.

12 setembro 2006

COPE Vigo

Como non son masoquista levo anos sen escoitar a COPE, esa cadea de emisoras de radio na que os bispos pagan fortunas a auténticos delincuentes que pretenden outra guerra civil.
Lamentablemente non sempre podes evitar a súa audición: No taxi que sempre vai por un camiño distinto do que ti escollerías, no autobús que me leva á zona vella, na mercería, na casa da sogra...
Alí, un día de agosto, mentras eu vixiaba que os nenos mancharan o menos posible ao comer, a boa señora acendeu a radio para escoitar o parte, e eses quince minutos escoitando a radio católica foi unha experiencia dura para a miña paciencia mais enriquecedora para os mecanismos que activan a miña memoria.
Porque empecei a lembrar o que era a COPE en Vigo cando eu era neno: A emisora máis escoitada - creo - tanto en Onda Media coma en Frecuencia Modulada ( O Canal 2 de Radio Popular ). Na casa dos meus pais escoitábase ao xantar "Jaque a la Actualidad" - que encetaba coa inesquecible voz de Mary Santpere cantando "Yo protesto..."-. Alí estaban Segundo Mariño, Queca Merino, Víctor F. Freixanes, María Xosé Porteiro... Falaban galego con total naturalidade, transpiraban modernidade, progreso, novos tempos. En deportes estaba Jaime Cros, que semellaba ser un bo tipo.
Na Frecuencia Modulada había un programa polas mañás onde chamabas por teléfono para pedir as cancións que querías escoitar - e chamaban mesmo dende Compostela. Polo serán viña "Musical Cassette", onde puñan música sen interrupcións, tamén a petición dos ouvintes, para que os interesados poideran pór a funcionar o magnetófono. Alí estaban locutores como Bouzada, e sobre todo, a voz máis marabillosa do mundo, a de Alfonso López, que aínda agora podémola escoitar na publicidade.
Boas lembranzas, pero pésima transformación.

11 setembro 2006

Ervedelo de Reza

Hoxe, once de setembro, hai xusto cinco anos que estiven por última vez en Ervedelo de Reza, na casa herdada pola miña nai dos meus avós. Fun comer alí despois dun xuízo en Ourense no que a miña nai era a miña cliente: demandábase a unha veciña e o seu marido polo despoxo do aproveitamento da auga dun manancial. E alí estaba xantando xunto aos meus pais e o meu cuñado cando nos sorprendeu na tele as nefastas novas provintes de Nova York.
Ao vender pouco despois os meus pais esa casa por mor das súas avanzadas idades convertiuse Ervedelo nun lugar na memoria, perdendo a súa categoría de realidade física na paisaxe da miña vida.

Ervedelo é unha pequena aldea ao carón do Seminario de Ourense, separados os dous montes por un pequeno regato. Lugar curioso: feo dende fora máis bonito dende dentro, porque dende alí, de día, vese unha espléndida imaxe de Ourense enteira e nas noites despexadas do estío pódense contar milleiros de estrelas. Os meus curmáns contáronme que o nome estaba xustificado, que na zona había érbedos - sen oso - onde agora hai acacias. Alí pasei varios veraos cando neno e alí namoreime por vez primeira: eu debía ter como dez anos, ela once: Mónica. Nena morena preciosa- iso parecíame a min-, cun toque a Ivonne de Carlo. Propietario o pai dun Dyane 6 - "para gente encantadora"- con tódolos números da matrícula pares. Era neta dos veciños: do Sr. Benjamín - de alcume o Virollo porque non vía do ollo que tiña cataratas - e da Sra. Carmen.

Cóntanme que agora Ervedelo está desfeito polas obras da Saída Centro da autovía das Rías Baixas. Que a casa dos meus avós, baixo o viaducto, foi derrubada. Supoño que será mellor non achegarse ao lugar, manter as vellas lembranzas.

Durante este verao volvín pensar a miúdo en Ervedelo a causa do pasamento da poeta Pura Vázquez; e todo porque ésta tiña unha irmá tamén poeta: Dora, e xustamente dúas fillas do Sr. Benjamín e da Sra. Carmen chamábanse igoal que elas: Pura e Dora.

Casualidades. Anos despois tiven un xuízo un once de setembro contra os pais da miña primeira namorada.

Etiquetas:

06 setembro 2006

Agosto


Ancorados en agosto na ría de Mendinho por causa de dúas varicelas consecutivas, obrigados a vivir como morcegos, fuxindo da luz do sol, abafados pola calor incrementada polo peche das xanelas que impedían o paso das cinzas, comprobamos a progresiva e ben rápida desaparición do edificio Casa Mar. De noite ollaba dende o outeiro do meu balcón aos proxenetas que berrando vixiaban o duro traballo alleo. E polo día, dende o mesmo recuncho, se miraba para a esquerda podía atopar menos auga salgada en Bouzas, para a dereita novos pantaláns na Guía e para diante vía naves industriais - algunhas cuan ave fénix - onde hai non máis aló de oito anos era mar.
De cando en vez algún trasatlántico distraíanos: Agora non é o Begoña o que sae da doca senón as raíñas Marías as que entran aos peiraos.