03 outubro 2006

Tatuaxes

Xustifico a miña aversión ás tatuaxes por causas estrictamente persoais. Eu debía ter trece anos o domingo matutino chuvioso que voltando a casa, subindo polo Castro, á beira dunha clínica de psicoterapia, fun abordado e atracado por dous individuos que se levaron tódolos cartos que eu levaba: 50 pesetas. Un deles tiña no peito unha tatuaxe verde noxenta.
Pasado o tempo souben que a aquel fulano chamábanlle Felo e que era do barrio natal meu: a Salgueira. Non sei que sería del e do seu compinche. Podo elucubrar e non errar moito.
Catro anos despois non parei de ver xente tatuada cando escomencei a traballar na Praia de Palma. Saquei a conclusión que a meirande parte de alemáns, holandeses, franceses e británicos ( sobre todo os mineiros escoceses, que aínda ían alí xusto antes das súas folgas ) tiñan tatuaxes no seu corpo. Daquela volvín comprobar que os españois tatuados pertencían ben ao pequeno grupo de xente do mar ( tatuaxe como función social: posibilidade de recoñecer o cadáver do mariñeiro afogado ) ou ao máis amplo do lumpen.
Polo tanto, sabendo á procedencia da xente tiña unha idea do seu comportamento: Era irrelevante a tatuaxe nos europeos, dependendo máis a posible existencia de problemas da taxa de alcol inxerida e a súa nacionalidade: En Can'pastilla os alemáns e holandeses ebrios tiñan a teima de cantar e durmir; os británicos eran algo máis perigosos, aínda que tamén había xente cuquiña como Steven, un rapaz de Newcastle que non convidou unha noite a unha festa na habitación do seu hotel ( só tiñamos que levar unha botella de algo que contivera alcol para poder pasar), e onde descubrín que non era un mito que a roupa interior favorita dos británicos é a Union Jack.
Porén, moitos dos españois tatuados implicaban un toque de atención: ollo coas bolsas, coas carteiras. As tatuaxes deses elementos repetíanse cansinamente: Nomes de muller mal caligrafiados, corazóns asaeteados, "Amor de Madre", serpes, os catro puntitos na mao que explicaban o teu paso previo pola cadea...
Agora, todo iso mudou considerablemente: Xa non eres un marxinal por estar tatuado. A influenza das estrelas cinematográficas e dos deportistas trocaron a asociación tatuaxe e delincuencia. E agora ata as nenas pijas poden levan sen vergoña un golfiño no nocello, unha flor no escote ou un trisquel nas costas; soportando só as miradas reprobatorias das beatas que consideran a escritura indeleble na pel como unha afrenta, unha falta de respecto, ao templo sagrado que é o corpo.
Dende logo sorprenderíame ver un crego ou unha monxa tatuados, por moi piadoso que fora o lema escrito.
Recoñezo, pois, certo noxo ante un corpo tatuado. E preferiría - se poidera escoller, que non é o caso - que a xente que eu quero non escribira nada no corpo que logo non poidera ser borrado; porque sendo os mesmos, imos cambiando, e o amor eterno de hoxe é un triste divorcio mañá como demostra Johnny Depp e o seu patético Wino Forever no seu brazo.
Recoñezo tamén que, baixo certas circunstancias, hai moitos anos, na miña época que eu chamo bohemia, nunha madrugada no Atlántico, narcotizado polo fume e as Guiness, sentíndome e realmente estando só, decidín que a tatuaxe na caluga dunha rapaza arxentina non era de certo tan desagradable. Decisión miña que, admito, non tivo consecuencias posteriores.
Cavilando eu nestas cousas da escrita epidérmica cheguei a conclusión que, se algunha vez eu toleaba e permitía que me fixeran unha tatuaxe, esa non sería do teu último amor ( que veñen e van ), nin da túa relixión ( que pasamos de fieis a ateos e voltamos segundo o vento ), nin dos fillos e pais ( que están os Xulgados cheos de estúpidos preitos entre eles ). Só hai unha cousa que creo poder asegurar vai seguir comigo toda a miña vida, procedente das primeiras ilusións infantís, tan irracional que a fai perfecta: o escudo do meu equipo de fútbol, unha pequena cruz de Santiago por riba do corazón.
E así seguría o exemplo de Steven, tatuado co escudo do Newcastle, equipo que vai ser moi familiar noso nos próximos dous meses.

6 Comentarios:

Blogger paideleo said...

Graciñas polo teu comentario.

4:36 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Un pracer

5:39 da tarde  
Blogger Silvio Falcón said...

Gran blog, encheume de ledicia encontralo.

Espero que visítelo meu cando teñas un anaco http://eu-e-galiza.blogspot.com .

Unha aperta

10:53 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Pois a min, ás veces, danme gañas de poñer unha. Pero ponme medo as agullas.

3:47 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Dígame se ten a ben, Náufrago, qué é o que escribiría na súa pel? En parte visible ou agachada?
A min máis que medo ás agullas o que sinto é o pavor a convivir toda a vida cunha mensaxe obsoleta.

4:33 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Obviamente nun lugar visible. O que: nunca o pensei. Algo de amor... aínda que co tempo ficase obsoleto, ou incluso triste.

5:42 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home