27 novembro 2006

Don Maximino

O pasado xoves atopei no xornal de Ourense a esquela de Don Maximino González Nóvoa, párroco de Graíces ( A Peroxa), falecido o día anterior.
Quero deixar eiquí constancia do meu agradecemento a súa amabilidade as dúas veces que me atendeu na súa casa particular, na rúa Manuel Murguía de Ourense, un pouco máis abaixo do Xardín do Posío.
Cando empecei a facer a miña árbore xenealóxica no propio Arquivo Histórico Diocesano, sito no edificio do Seminario, ao carón de Ervedelo, ( inaugurado polo Generalísimo en presencia do Bispo Temiño, pero esa é outra historia ), remitíronme ao párroco de San Vicente de Graíces, xa que boa parte dos libros parroquiais tiñan que estar nas súas mans.
Efectivamente así o fixen, e sorprendeume primeiro que unha persoa tan ancián fora párroco aínda agora de varias parroquias simultaneamente. Sorprendeume despois a súa vivenda, un piso oscuro e mal ventilado, con cheiro de fritangas. Sorprendeume tamén que a muller que o acompañaba fora case de tanta idade coma el, e por último sorprendeume desagradablemente que os centenarios libros de nacementos, defuncións e matrimonios de varias parroquias estiveran malamente ciscados por un vello moble, sen orde nin inventario, sen control algún.
O crego foi amable: agradecinllo persoalmente e volvo agradecelo agora xa ido; mais iso non quita a miña tristura pola falta de sensibilidade do bispado de Ourense cos seus empregados, permitindo que vivan malamente; e co seu patrimonio histórico en forma de vellos pergameos que manteñen o derradeiro fío da historia dos nosos devanceiros, permitindo que vellos cregos ( por moi amables que foran) os posúan en troques de estares no Arquivo Diocesano, ao coidado de especialistas.