28 fevereiro 2007

As mulleres e o xadrez. Capítulo II

Segundo os datos da Federación Galega de Xadrez, este ano 2007 afiliáronse os seguintes xogadores:

División de Honra: 123 xogadores, dos cales 7 son mulleres.
Primeira División: 212 xogadores, dos cales 14 son mulleres.
Segunda División: 401 xogadores, dos cales 16 son mulleres.
Terceira División: 850 xogadores, dos cales 82 son mulleres.
Cuarta División: 183 xogadores, dos cales 46 son mulleres.


Totais: 1.769 xogadores federados, dos cales 165 son mulleres.

Etiquetas:

22 fevereiro 2007

As mulleres e o xadrez. Capítulo I

Limiar:
¿Por qué hai tan poucas mulleres xogando ao xadrez? ¿Por qué o resultado destas é inferior ao dos homes?
Unha das claves podería estar na pregunta que unha nai dun colexio público compostelán dixo hai poucos anos ao enterarse que para o seguinte curso ían ofertar só xadrez como nova actividade extraescolar: "e logo ¿ non van poñer actividades para as rapazas?"

O problema volveu aparecer hai poucos días na rede grazas a Chessbase.
Tamén podemos ollar as interesantes reflexións que fai do tema un dos mellores xadrecistas galegos: Carlos Abella.

Etiquetas:

15 fevereiro 2007

Aniversario e cabodano.

Hoxe cumpre cincoenta anos quen me ensinou xogar ao xadrez. O sábado que eu nacín el chegou de xogar ao fútbol no Colexio Fogar de San Roque e sorprendeuse de ver un bebé xunto a súa nai. Pensou que era dalgunha veciña. Como cambian os tempos, agora xa os nenos de tres anos saben de onde veñen os nenos.
E hoxe tamén hai vintecinco anos que morreu o seu padriño, o meu avó de Ervedelo. A súa morte levoume a infancia e meteume na adolescencia. Agora que os meus pais xa non poden, encárgome de vez en limpar unha lousa marmórea, mentres repito sempre unha frase de García Márquez: "a cal dos mortos".
Cando peno en tribulacións penso qué faría o meu avó na mesma situación. E a súa lembranza aconséllame. E consólame.

Etiquetas:

Schopenhauer

"Sucede na vida coma no xadrez. Ideamos un plan, pero este queda condicionado respectivamente ao que o destino ou o adversario queiran facer."
Arthur Schopenhauer, 1788-1860.

Etiquetas:

Lewis Carrol

"¡Afirmo que está marcado exactamente como un gran taboleiro de xadrez!
É unha inmensa partida de xadrez que se está a xogar... sobre o mundo enteiro se é que isto é o mundo. - dixo Alicia."

Lewis Carrol (Charles Dogson) 1832-1898: "Alicia a traverso do espello".

Etiquetas:

12 fevereiro 2007

Sobre o Celta

Non van bos tempos para os celtistas. Esta situación semella moito a de tres anos, co desenlace do descenso. Repítense os mesmos argumentos: temporada pésima na casa, división popular sobre o adestrador, temporada anterior exitosa ( con moita boa fortuna nos dous casos ), sensación de que a plantilla é superior a súa clasificación provisional.
Desexo que o remate sexa distinto e que o equipo non baixe a segunda. Avisados están polos antecedentes inmediatos. Pero quero aproveitar para facer varias reflexións:

a) O adestrador: Acredito no traballo de Fernando Vázquez. Tivo a valentía de coller un equipo moribundo en segunda división e acadou dous éxitos consecutivos: ascenso e Uefa. Tivo a flexibilidade en segunda división de facer un esquema: 1-4-1-4-1 para aproveitar todo o talento da plantilla e atoparlle acomodo a Cannobio e Jandro, simultaneamente. Ademáis, tivo a valentía de enviar á bancada a veteráns como Gustavo López ou Capucho, que estaban a render menos do agardado. Na temporada pasada conseguiu facer un equipo sólido, e na segunda volta voltou ao esquema de dous "fantasistas" para deixarlle sitio a Jorge Larena, xa que Oubiña bastábase para aguantar o medio campo.
Son dos que pensan que o adestrador é o primeiro interesado en que o equipo funcione, polo que se mantén a alguén ( Yago, De Ridder ) no ostracismo será porque non están ao grado preciso. Dito o cal, e parecéndome axeitada a decisión da directiva despois do partido do Nástic, con mágoa digo agora que non o vexo claro, e que estou a cavilar que o cese de Vázquez pode ser necesario para endereitar o rumbo celeste.

b) Relacións público - adestrador: Non entendo a causa, pero o divorcio irreconciliábel entre unha boa parte dos siareiros con Vázquez leva a se manter dende principios da temporada pasada. O noso adestrador non calla en ningún club, supoño que polo seu carácter. Prexudícalle non ter valores diplomáticos, e non ser demagogo. Por outra banda, e dos poucos aos que da gosto oílo falar.

c) Público: Eu son ( fun ) parte do público de Balaídos. Ía regularmente con Víctor Fernández, botoume do campo a teoricamente exitosa primeira campaña de Lotina, e agora vou moi de tarde en vez. Coñezo Balaídos. E parafraseando a Santiago Segurola proclamo que creo que somos un dos peores dezaoito públicos de primeira división.
Levo meses pensando facer un post sobre Giovanella pero aproveito este para iniciar o meu discurso: un público que adora a Giovanella como futbolista ( será boa persoa, non o discuto, pero tamén o son eu e non por iso a xente adora os meus inexistentes caneos) e pon podre a futbolistas no seu posto indubitadamente superiores como Luccin ou José Ignacio, fala ben as claras da percepción da realidade dos meus compañeiros de sofremento. A lembranza boa da agonía de hai tres anos foi que tendo o equipo medio morto a afección esqueceu as súas rifas e xuntouse para pular, aínda que resultou tardío o esforzo. Enlazo co punto a): o cesamento de Vázquez podería server como revulsivo nos celtistas diante da actual situación.

d) Directiva: Aledeime dos trocos iniciados pola nova directiva, o nomeamento de Cobas e demáis. Penso que van polo bo camiño. Que teñan sorte.

e) Prensa: Son un fanático seguidor de Armando Álvarez. Escritor magnífico de fútbol e televisión. Acho de menos a Eduardo Rolland. Pero desgraciadamente o talento non ten por qué coincidir coa influenza: Hai tres anos un individuo daquela na Ser ( Eiroa ) conqueriu que Antic fora o relevo de Lotina. Os xornalistas sacan e poñen ( téntano polo menos). Desexaría menos presión sobre a Directiva.

f) Xogadores: Só desexaría que non tremeran ao xogar, que estarricaran a perna, que arriscaran os pases como o ano pasado.

g) Equipo: Todo isto é un xogo. E o remate da Liga tres equipos van baixar de categoría. E podemos ser nos ( porque algúen vai ser). E non pasa nada, que non é máis cun xogo. Bonito ( ás veces) e entretido, pero nada máis ( nin menos ) cun xogo.

P.S.: Vaia tocho, pardiez.

Etiquetas:

07 fevereiro 2007

Omar Khayyam

Nunha taberna, pedín a un vello sabio
que me informara da sorte de aqueles que xa partiron.
Respostoume:
"Xa non voltarán. É todo o que sei.¡Bebe viño!

Omar Khayyam: Nichapur, 1040 - 1124 aprox.

Etiquetas:

01 fevereiro 2007

Sacco & Vanzetti

A primeira hora da mañá do 24 de decembro de 1919 o camión dunha fábrica de calzado de Bridgewater, no Estado de Massachussetts, foi atacado por dous homes: un armado cun revólver e o outro cun rifle. O feito tivo lugar na esquina das rúas Broad e Hale. O automóbil levaba a paga semanal dos traballadores da fábrica.
Os asaltantes dispararon sobre o camión, pero éste non detivo a súa marcha ata que se espetou contra un poste telegráfico. O policía que ía dentro repeleu a agresión e os atracadores fuxiron nun "Buick" que tiñan aparcado na rúa Hale.
Case catro meses despois do suceso, o 15 de abril de 1920, ás tres da tarde, na rúa principal de South Baintree, tamén en Massachussetts, o pagador dunha fábrica de calzado e o seu compañeiro foron atacados e mortos por dous homes armados con pistolas, que lles arrebataron os 15.776 dólares que levaban. Despois, os asasinos fuxiron nun automóbil, onde agardaban tres individuos máis, encamiñándose á estación do tren máis próxima.
Cando a policía principiou as pescudas non tiña máis datos dos atracadores que istos, tan vagos e imprecisos: que os fuxitivos tiñan aspecto de italianos ou semellantes, e que se podían iniciar as investigacións na zona de Cochesset. Ao comezo tropezouse con pistas falsas. Despois mixturouse a política.
Na primavera de 1920 o fiscal xeral Palmer encetou unha campaña contra os estranxeiros que manifestaran ideas ácratas e radicais. Acusábaselles de manter unha axitación prexudicial nas zonas industriais norteamericanas. O cal denotaba, ademáis, que sobre un interese político gravitaba un interese moito maior, de carácter económico, nestes asuntos.
A campaña seguiu adiante e deu ocasión a sucesos escabrosos. Un tal Salsedo, home fichado por tendencias radicais, apareceu morto, por accidente ao parecer. A versión oficial foi a do suicidio: defenestrouse dende o andar 14 do edificio de Park Row, departamento de Xustiza de Nova York.
Esta misteriosa morte impresionou aos elementos revolucionarios radicados nos Estados Unidos. De contado decidiron agachar toda a literatura de propaganda política que gardaban nas súas casas. Dous italianos, Sacco e Vanzetti, posuían gran cantidade desta propaganda literaria e, xunto con outros dous, Boda e Orciani, trataron de facela desaparecer o antes posíbel. Pero ante a cantidade de papel decidiron utilizar un automóbil. Por iso acudiron a un garaxe propiedade dun tal Johnson, En canto chegaron alí, a muller de Johnson díxolles que ía telefonear ao seu marido para que os poidera atender. Pero o que fixo foi chamar á policía. Voltou para lles dicir que non podía entregarlles o coche porque non tiña a matrícula correspondente a 1920. Retiráronse Sacco e Vanzetti e tomaron o tranvía de Brockton. Alí mesmo foron detidos. A Boda non se lle atopou e Orciani poido demostrar que fora ao seu traballo.
A Sacco e Vanzetti non se lles dixo o motivo da acusación. Porén, preguntóuselles polas súas ideas políticas, o que lles fixo supor a ámbolos dous que eran éstas as causas da detención. Acreditando niso, prestaron loxicamente unha falsa declaración sobre os motivos que tiñan para utilizar o automóbil. Cando se decataron, ao cabo, de que se lles acusaba dos atracos de Bridgewater e de South Baintree protestaron da calumniosa acusación e restableceron a verdade no seu punto. Máis o xuíz Thayer considerou que incurriran en "conciencia de culpabilidade", e só niso, nesta apreciación puramente subxectiva, baseouse máis tarde o fundamento da acusación e da condena.
A vista comezou o 2 de xuño de 1920, polo que se refire ao atraco frustrado de Bridgewater, coa selección dos xurados e a lectura dos cargos. A defensa estivo encomendada a dous avogados inexpertos, os cales se disculparon máis tarde das críticas a súa deficiente defensa aducindo que era o primeiro inocente que defendían e faltáballes práctica.
As contradiccións entre as testemuñas foron abundantes, segundo se demostra das incidencias do proceso. O ambiente xa era francamente hostil aos forasteiros, segundo as clásicas teorías de discriminación racial, e por tanto todos procuraron prexudicar a aqueles extremistas latinos.
A outra vista da causa polo doble asasinato de South Baintree fixouse para o 31 de maio de 1921 en Dadham, condado de Norfolk, dentro do mesmo Estado de Massachussetts. Durante as deliberacións poido comprobarse que a meirande parte das testemuñas da acusación eran falsas. Pero a forza da inercia do proceso e a tenacidade do ministerio fiscal lograron a continuación do caso co propósito deliberado de condenar aos dous inculpados. Demostrouse sobradamente que no momento do crime Sacco atopábase no consulado italiano de Boston, como certificou cumplidamente o oficial da representación diplomática. En canto a Vanzetti, aquel día estivo constantemente no seu posto de vendedor de peixe, véndolle alí innumerabeis clientes.
Durante o proceso pronunciáronse certas frases. Saliu a relucir que un avogado aconsellara aos procesados que tódolos libros, papeis, literatura, e panfletos en relacións coas súas ideas radicais se fixeran desaparecer para evitar posibles transtornos e alborotos ao redor do día 1 de maio. Iso explicaba suficientemente o nervosismo e a inquietude dos extremistas italianos e as súas inusitadas idas e voltas durante a segunda quincena de abril.
O presidente do xurado, Walter H. Ripley, que sentenciou a Sacco e Vanzetti, mantivo unha previa conversa acerca da culpabilidade ou inculpabilidade dos procesados. Finalizou brutalmente a parola con estas verbas: "Ao demo con eles. Hai que colgalos."
O xuíz Thayer negouse a conceder, en 1922, unha revisión do proceso e volveu rexeitar o 1 de outubro de 1924 a petición de novo xuízo, a fin de que non houbera posibilidade de que se puxeran en evidencia as irregularidade do primeiro.
En novembro de 1925, un tal Celestino F. Madeiros, espontaneamente, escribiu unha declaración, manuscrita e asinada, na que manifestaba a súa participación no crime de South Baintree, e que Sacco e Vanzetti non estaban implicados no mesmo. Tampouco foi atendida esta declaración e o xuíz Thayer non procedeu de xeito algún a outorgar a revisión do xuízo.
Contra esta negativa, os defensores de Sacco e Vanzetti presentaron perante o Tribunal Supremo de Massachussetts un recurso, o cal foi substanciado os días 27 e 28 de xaneiro de 1927. E o Tribunal Supremo, presionado violentamente, rexeitou, con data 5 de abril do mesmo ano, a petición de novo xuízo, declarando que na negativa do xuíz Thayer non se cometera ningún erro de dereito nin tampouco ningún abuso de xurisdicción ou de discreción.
O acordo do Supremo era a última palabra de orde legal que podía pronunciarse sobre a sorte de Sacco e Vanzetti. Por conseguinte e a toda presa, o 9 de abril de 1927 o fiscal de distrito do Condado de Norfolk, cunha precipitación que de certo non o honrou, solicitou do Tribunal Supremo de Dedham, que presidía o xuíz Thayer, que pronunciase definitiva sentencia de morte contra os acusados. Preguntóuselles a estos, de xeito rutinario, se tiñan algo que alegar. Non se lles fixo o menor caso das reiteradas protestas de inocencia que eles formularon con decisión e sinceridade ao longo de todos aqueles anos. E o xuíz Thayer, inmediatamente, dirixiuse en ton airado e furioso a Sacco e Vanzetti e pronunciou a sentencia de morte:
"...mediante o paso dunha corrente eléctrica a traverso do corpo, o cal se verificará a semana que comeza o domingo 10 de xullo do ano de Noso Señor, 1927..."
O clima creado en torno a aqueles homes lembraba lonxanamente a atmosfera, mesta, de histeria e fanatismo, que fixo posible o proceso das bruxas de Salem e os fachos das fogueiras machartystas. Unha de tantas épocas de febre e inseguridade do pobo norteamericano - poucos anos antes do crack económico de 1929-, cando aparecen os piores pantasmas: a perda de dominio de si mesmo, a ausencia de sangue frío e a xusta ponderación obxectiva da vida, dos homes e das cousas.
Foron inútiles tódalas xestións para o indulto. O caso, ao logo de media ducia de anos, trascendera ás fronteiras. Con estrana unanimidade uniuse todo o mundo para pedir a non execución desta pena capital, contra a que se pronunciara, con repulsa absoluta, todo un plebiscito mundial, con abrumadora maioría de persoas de tódalas categorías sociais.
As peticións de indulto choveran dende tódalas partes do mundo, ano tras ano. Entre outros ilustres nomes cabe citar as sinaturas de personaxes tan importantes como George Bernard Shaw, John Galsworthy, o presidente checolslovaco Massaryk, o sabio Albert Einstein, o capitán Dreyfus... Houbo manifestacións en Boston, en Londres, en Berlín, en París, en Tokio, en Xenebra... Foi un auténtico veredicto universal en favor das dúas víctimas dun dos erros xudiciais máis claros e patentes de tódala Historia da Xurisprudencia.
O gobernador Fuller, o día sinalado para a execución, saudou sorrinte aos xornalistas respostando mecanica e invariablemente ás solicitudes de indulto coa mesma frase estereotipada:
"Tomarei en consideración o que vostedes me din"
O señor gobernador non tomou en consideración absolutamente nada.
Nas rúas, tódalas persoas que se dirixían cara a residencia de Fuller, para pregarlle o perdón dos condenados, eran detidas pola policía e levadas presas ao posto de Ly Street. Entre os que foron arrestados aquel día estaban a poetisa Edna St. Vincent Millay, o escritor John Dos Passos, o diplomático Paxton Hibben, o filósofo Howard Lawson e a profesora Ellen Hayes, de Wellesley College, que xa contaba con setenta e seis anos de idade.
Cando un dos mellores avogados de Washington, o famoso John Finerty, chegou ao aeroporto de Boston para tomar o avión e xestionar un derradeiro esforzo en prol dos sentenciados, foi recibido groseiramente por un oficial do exército, que lle cuspiu estas palabras textuais:
"o meu maior pracer sería poder recibilo a tiros".
Ás seis da tarde, o ilustre representante La Guardia, chegado de Nova York expresamente para ver ao gobernador Fuller, tratou de o convencer de que suspendese a execución ata que se resolvera unha apelación presentada perante o Tribunal Supremo dos Estados Unidos. Pero esta petición tampouco foi escoitada nin moito menos atendida.
Xa en capela, Nicola Sacco despidiuse da súa esposa e Bartolomeo Vanzetti da súa irmá, chegada expresamente de Italia para asistilo neses momentos. As dúas mulleres, desesperadas, tentaron unha entrevista co gobernador Fuller. Despois dunha hora de desgarradoras súplicas, éste contestoulles que compartía os sentimentos das solicitantes, pero que a súa conciencia dictáballe que debía deixar seguir o seu curso á Lei.
O avogado Finerty, a quen en forma tan vil e groseira non lle permitiran a viaxe en avión para que as súas xestións chegaran tarde, poido realizalo, con mil dificultades, en automóbil, a toda velocidade e ao longo de duascentas millas. Unha carreira contra o reloxio. Para gañar tempo, telefoneou ao gobernador Fuller e logrou porse en contacto con el. Pediulle en nome da decencia humana que adiase a execución dúas horas, ata que poidera resolver legalmente sobre unha apelación presentada. Mediante sagaces e astutos legalismos e nun clima de turbios entorpecementos, conqueriuse que a execución non fora adiada e os inauditos esforzos daquel abnegado defensor foron completamente inútiles.
Sacco e Vanzetti quedaron abadonados a súa sorte.
As dez da noite o electricista do cárcere de Charlestown probou a silla eléctrica e declarou que estaba en orde. Máis de cen xornalistas estaban no despacho da dirección agardando novas, pero só o representante da Associated Press estaba autorizado a presenciar a execución. Pasou, altivo e satisfeito, coas testemuñas oficiais á cámara do patíbulo, precedidos polo alcaide.
Os acusados mantiveron a súa inocencia absoluta e morreron con dignidade e valor.
Para matar a Sacco necesitouse unha descarga de 2.100 voltios. Para Vanzetti chegaron 1.950 voltios.
Á saída, o representante da Associated Press subiuse desenfadadamente a unha cadeira e anunciou aos seus colegas cinicamente:
"Non tivo nada de particular, señores. Houbo ausencia de cor".

O 22 de agosto de 1927 dous homes inocentes morreron a mans do verdugo de Boston. As protestas multiplicáronse polo mundo adiante. En Londres unha compacta manifestación marchou sobre Buckingham Palace e tivo que ser disolta pola policía montada. En Berlín celebrábanse simultaneamente decenas de mítines e exaltados oradores proclamaban igual convicción e a mesma indignación. En Xenebra, os manifestantes, máis de dez mil, asaltaron a Embaixada de Estados Unidos. A policía arroxounos do edificio logo dunha loita desesperada. Entón dirixíronse ao pazo da Sociedade de Nacións e esnaquizaron os seus cristais. En Tokio o embaixador norteamericano viuse na obriga de recibir unha delegación de traballadores, a quen lles houbo de explicar que non tiña xurisdicción algunha sobre as execucións de Massachussetts. En París decretouse unha folga xeral e en tódolos barrios celebráronse reunións públicas de protesta. Nun café dos bulevares, un camareiro negouse a servir a un norteamericán, e ao protestar éste con insolencia estivo a piques de ser linchado pola multitude, que tivo que ser disolta con cargas de cabalería: o cidadán estadounidense tivo que ser levado urxentemente ao hospital. A presencia dos norteamericanos provocou en todas partes sinais de disgusto e en todo o mundo, ante os consulados e legacións estadounidenses houbo manifestacións e protestas de carácter máis ou menos violento.
Pódese considerar que o caso Sacco e Vanzetti non é tanto un erro xudicial coma un crime. Así o argumentaba L. Amado ( "El proceso Sacco y Vanzetti", Madrid, 1932) : "Sería erro xudicial se, tendo sospeitas de que Sacco e Vanzetti eran culpabeis, tivéranas tamén de que eran inocentes. Nese caso poideron estar os xurados do xuízo de Dedham. Poidera ter sido erro xudicial se despois das mocións presentadas para lograr a revisión do proceso, no que se demostraba que desaparecían as poucas bases de acusación nas que fundou a proba o fiscal, o xuíz, o tristemente xuíz Thayer, crérase con razóns para persistir na validez da sentencia. Pero despois de ter demostrado que Sacco e Vanzetti non cometeran o crime de South Baintree, senón que o cometeran outros homes, cos seus nomes e enderezos e probas de culpabilidade aportados, persistir na sentencia era un crime, e o principal autor foi o xuíz Thayer."

Este relato está eiquí.


Etiquetas: ,