24 abril 2007

Berlín - Compostela



Berlín e unha cidade fotoxénica xa dende antiguo. Billy Wilder fixo nela dúas estupendas películas: "Berlín Occidente" e "Un, dous, tres".
Coa caída do Muro naceu a posibilidade de facer ficción sobre o paradoxo xurdido na coexistencia de dous mundos distintos vivindo na mesma cidade: A marabillosa "Good bye Lenin" coa namorable Chulpan Khamatova e o encantadoramente riquiño Daniel Brühl. E a premiada "Berlin is in Germany" dirixida por Hannes Stöhr.
Hannes Stöhr aproveitou a súa estadía en Compostela para facer amigos, ir pola Nasa, facer malabares, asistir a clases de xadrez, e aprender o noso idioma, o galego, como consta na súa páxina web.
Cando se esgote o tema da anacronía xermana, estaría ben que o amigo Hannes voltara por estas terras e fixera outra película cun tema semellante pero noutro lugar: Suxiro Compostela.
Mentres nalgunhas aulas da Universidade discútese sobre a teoría das Supercordas, non máis lonxe de trinta kilómetros hai lugares onde non teñen auga da traída. Ao tempo que algúns intelectuais elaboran discursos sobre o azar e a necesidade, ben perto de alí, os días de votacións, os prohomes de cada parroquia carretan aos seus veciños cara aos Colexios Electorais. Na terra onde hai un excelso cinema de animación, ou compañías punteiras tipo Blu:Sens, non desaparece a autoxenreira, o complexo de inferioridade, a negación de seres quen son.
Hai tema para unha película, e estaría ben que un individuo de fora fixéranos un bo retrato.

Etiquetas: ,

18 abril 2007

Pra abranguer a vergonza do mundo

Pra abranguer a vergonza do mundo,
digo Irak e basta.

Etiquetas: ,

17 abril 2007

A miña radio

Onde eu noto máis visible o troco de goberno no noso país tras os infinitos anos do fragairibarnato é na Radio Galega. A modiño, como o noso orballo que vai callando silandeiro, ese medio de comunicación público, converteuse no meu "media" de cabeceira. Os trocos realizados dende a nova dirección non só tiveron que ver cos contidos, senón tamén cunha ética da información e cun sentido claro de servizo público, fora das urxencias das radios comerciais. Hoxe podo dicir que xa considero a Radio Galega como miña propia.
Ao tempo que escribo estas liñas estou escoitando a excelente e marabillosa Boca da Noite de Quico Cadaval. O pasado sábado disfrutei coa entrevista que Rivadulla Corcón partillou con Lupe Gómez. O extrarradio paréceme unha boa mostra de programa moderno e ben interesante. Continuan as vellas cousas boas como o imprescindible Diario Cultural, ou o necesario Lume na palleira. E son dignos os longos magazines da mañá e da tarde: particularmente estou engaiolado coa voz de Susana Rois, eu non digo nada.
Tino Santiago fai un entretido noticieiro nocturno e polas mañás o faladoiro adoita ter calidade nas opinións, pero onde eu fico máis pasmado é na escoita de Aberto por Reformas, co entusiasmo inesgotable de Xurxo Souto.
Parafraseando a Brétemas, desexo expresar as miñas beizóns á Radio Galega.
Sei que todo sería mellorable, pero non é xusto queixarse. Fixeron traballo dabondo en tan pouco tempo que todo o que despois veña sería a beneficio de inventario. Recoñezo que na miña Radio non hai unha enciclopedia humana como a ten a Ser na persoa de Carlos Elordi ( e hai anos Antena 3 tiña no sabio Santiago Amón ) , e que lle faltan probablemente máis contidos humorísticos ( aí gañaría inevitablemente a Cadena COPE, que ben mirado, ten unha programación de risa a tempo completo).

Pero volvo dicir: ogallá todo o país tivera cambiado tanto e tan para ben como fixo nestes case dous anos a Radio Galega.

Etiquetas:

10 abril 2007

Cochinadas

Uso a terminoloxía que usaba a Costilletas para convidar ao Cibrán a un momento de retozo.
Desta xeira, agradezo o convite que me fan R.R e Mario a amosar cancións que acompañen ás cochinadas.

Cando cheguei a Compostela, pasei boa parte do meu tempo nos vellos barracóns do Burgo das Nacións. Daquela había dous tipos de habitacións: as luxosas de 15 m2 con servizo dentro; e as normais de 9 m2, cos aseos comunitarios ao cabo do barracón. Unha das características máis salientabeis daquela solución habitacional eran as paredes de poliespán, que permitían escoitar de noite como o veciño do lado daba a volta ao folio dos seus apuntes.
A necesaria pudorosidade nas leas do amor propiciaban o uso da música para camuflar os amorosos combates.
Comparto con vos unha desas cancións:




Das noites de farándula atlántica vive esta outra canciónn:




E para as noites calurosas, bailando e no medio da alegría do suor:



Vencidas as marioplumas, resolvirados en profundos pínices, en niolamas de argutendidas gasas, ordopenados ata o límite das gunfias, recomendo esta canción: a máis triste do mundo:

Etiquetas: