31 maio 2007

Escolma do cine galego

Teño que agradecer ao meu cuñado José Antonio a súa xenerosidade ofrecéndome libros e revistas de épocas pasadas pero aínda non remotas.
Por exemplo a "Escolma do cine galego" editada polo Cine Club Abertal en maio de 1980 e dirixida dende a Asociación Xuvenil Abertal, que supoño non tería daquela moito tempo de vida.
Colaboraban naquela revistiña, por orde de aparición: Víctor F. Freixanes; Carlos Piñeiro; Loval; Matías Antolín; Eloy Lozano; Manoel Rivas - entrevista a Carlos Velo -; Luis Álvarez Pousa; J.H Les; e J.M. Folgar.
Nos agradecementos aparecen as seguintes persoas: Xoán Andión; Luis Álvarez Pousa; María José Fernández; Víctor F. Freixanes; José María Folgar; Xosé Paz; Salvador Penín e David Ouro.

Nomes propios:

a) Luis Álvarez Pousa: polifacético home da cultura, comunicación e xornalismo. E máis poeta: A canción Sementeira de Fuxan os Ventos musica un poema seu. E por suposto o director das xornadas de cine de Ourense.

b) Salvador Penín: Foi o administrador do colexio dos Salesianos de Vigo. Nesa virtude foi amigo do meu pai, o cal coñeceu cando lle encargou á empresa deste a instalación de carpinterías de aluminio e algunhas construccións metálicas. Pero sobre todo, D. Salvador foi o responsable do Cine Salesianos durante moitísimos anos. Cando eu tiña dez ou once anos lembro ter pasado algunhas horas no cuartucho que el adicaba ao cine: alí tiña multitude de fichas de películas, todas cunha "clasificación moral". Aquel aposento seu estaba dentro do novo pabellón aberto de baloncesto, xunto os vestiarios. Aquelas canastras de baloncesto, penduradas do teito igualiñas ás que tiña o Real Madrid no seu pabellón de deportes, tamén foran feitas pola empresa do meu pai.

c) José Rodríguez Pacheco: Crego, pero non o parecía. Dende hai un ano é o director dos Salesianos do noroeste da península. Foi ademáis o creador desa excelente institución de Vigo que é o Abertal. Supoño que dos inicios daquela andaina pode falar moito máis o poeta Anxo Quintela. Pacheco foi un profesor magnífico de físicas, un dos mellores que tiven - cecais o mellor -, que cando podía deixaba caer as súas ideas antiimperialistas e contra as multinacionais que serían avanzadas hoxe e non digamos daquela, sempre preocupado porque a nosa terra fora independente economicamente e non dependera do exterior. Dende logo non era un crego ao uso. Espero que dende as súas responsabilidades actuais siga pensando como pensaba entón.

Etiquetas: , ,

Arroutadas

Toda unha vida de seriedade ou bonhomía pode luxarse cun minuto mal achado. Estamos a ver intempestivas declaracións de concelleiros in pectore anunciando futuras negativas a coalicións agardabeis. Dicía Jorge Valdano que as absolutas tolerías ( pisotear a cabeza de Mathaus, inclusive ) dun home bo como o difunto Juanito ocuparon vinte segundos da súa vida, pero marcárono para sempre. E eu non poderei esquecer ao elegante adestrador do FC Barcelona, Frank Rijkaard, escupindo ao tedesco Rudi Voeller.
Un dos blogueiros galegos que mellor escribe da anatomía dos sentimentos tivo non máis que cinco minutos de infinita carraxe cando ollou a ex-directora de Vieiros escribir en castelán na nova edición do xornal independente da mañá.
Ninguén está libre de horas desgrazadas, deberiamos ser comprensivos coas persoas que cometen eses tan humáns erros.

Etiquetas:

29 maio 2007

32 votos

32 votos: 32 persoas.
Menos das que caben na casa do alcalde en funcións de Ourense.
Con 32 votos máis Manoel Soto Ferreiro, o compañeiro Soto, sería o home máis poderoso de Vigo, de Galicia enteira. Con eses 32 votos Soto estaría preparando unha subhasta na que el sempre ía saír gañador. Os de Caballero terían un concelleiro menos e probablemente tamén unha alcaldía menos.
De seguro que agora Corina tería desexado que trinta e dous dos moitos votos que lle sobraron nas progresivas divisións da lei d'hondt tiveran escollido o camiño do mal chamado partido galeguista, do ben chamado partido do Soto.

Vista esta posibilidade repito a enigmática frase do ancián dictador ante o cadáver do seu asasinado Xefe de Goberno: "No hay mal que por bien no venga".

Etiquetas:

Erros e acertos

Fixen en post anteriores pequenos comentarios sobre as municipais nos catro lugares que hoxendía máis me importan: A porcentaxe de acertos non é moi alta: 50 %.
Acertei que no Covelo o poder conservador vai pouco a pouco, lentamente, esmorecendo. O BNG sobe un concelleiro: inmenso mérito que ten. Acertei tamén o novo vencedor en Ames: PSOE, e a derrota inapelábel do PP. O BNG camufla os seus resultados grazas ao pasar de 17 a 21 o número de concelleiros totais.
Equivoqueime en Compostela: eu agoiraba unha notábel suba do PSOE e a típica derrota do PP e voltáronse as tornas. Supoño que a falta de mobilización socialista ante a probábel vitoria xustifica un chisco os resultados.
Equivoqueime en Vigo: Agardaba e desexaba un resultado ben rifado entre nacionalistas e socialistas, pero os primeiros están a pagar a factura pendente de Lois Pérez Castrillo . Mágoa porque Santi Domínguez era o mellor candidato dos que se presentaban e mágoa porque a lista do PSOE vai entreverada de pésimas candidatas.

Alén diso, por 32 votos non estamos todos dos nervos.

Etiquetas:

25 maio 2007

Municipais: Vigo

O domingo pola noite tódalas miradas estarán postas en Vigo, aínda que de esguello comprobaremos se hai alcalde nacionalista en Ourense, se acada maioría absoluta o PSOE en Compostela e a perde na Coruña, se Ferrol deixa de votar conservador...
Pero a atención estará en Vigo porque non hai aínda agora, cincoenta horas antes, ningún indicio seguro de quen vai ostentar o bastón de mando da cidade máis populosa do país. Hai catro candidatos e os catro poden soñar en ser alcalde.
Manuel Soto devece por repeter a xogada de Rodríguez Sahagún. Difícil o ten e máis probable semella que se conforme sendo tenente de alcalde - tocar pelo, vamos, na lingoaxe taurina que tan ben coñecen por alí.
Corina Porro ten tres escenarios favorabeis: maioría absoluta, apoio do compañeiro Soto, desacordo entre PSOE e BNG. Como esta última posibilidade é utópica xa que implicaría unha crise incendiaria en toda Galicia, supoño que Corina estará pregando para que as consecuencias da Folga do Metal, e as subseguintes algaradas, lle veña no seu beneficio.
Caballero e Santi Domínguez soñan con gañarlle ao outro e que Porro non saque a absoluta.

Pasada xa o noventa e cinco por cento da campaña decátome que a mesma foi moi longa para Corina e Caballero e moi curta para Santi Domínguez, que foi indo de menos a máis, e que vai chegar á meta ao carón do socialista. Teremos que ter preparada a fotofinish. Corina volveu deixar claro a inanidade do seu proxecto, en clara sintonía co seu lema persoal: ningunha mala palabra, ningunha boa acción.

Caballero ten a rémora da vacuidade das súas verbas, da falta de entusiasmo do seu partido, dunha candidatura lamentable, onde a súa número catro puña podre publicamente sempre que tiña ocasión a súa número dous ( a alpinista Chus Lago)chamándoa - a cousa máis suave - "niñata paracaidista".

Santi Domínguez é bo candidato - e o mellor claramente dos que agora se presentan - pero tivo que ir remontando río arriba os erros pasados do seu partido e as interesadas primeirizas enquisas provintes dun medio de comunicación doutra cidade que leva tempo apostando en Vigo polos candidatos castelán falantes, e que tenta facer realidade o principio cuántico de que a medición dunha magnitude altéraa.

Como nestas eleicións voto en Vigo votarei por Santi Domínguez. E fágoo co convencemento de que sería a mellor opción para a cidade onde nacín. Como el, e os outros candidatos, non coñecen sequera da miña existencia as miñas opinións nacen libres. E como os catro tiveron opción de ostentar cargos públicos e ter responsabilidades de goberno podemos comparar. E eu, que estiven ben atento á xestión de Domínguez en Vigo e despois en Compostela, creo que saca boa vantaxe a tódolos demáis.

Hoxe non teño idea de qué pasará. E se os meus desexos se convertirán en realidade. Todo está por ver no emocionante rush final. Veremos.

Etiquetas:

21 maio 2007

Municipais: Ames

Ames é un espello de Compostela. Populosa nas cidades dormitorio de Milladoiro e Bertamiráns, onde a xente nova exiliouse por motivos económicos, Ames comparte coa capital do país a circunstancia dun goberno local presidido polo PSOE apoiado polo BNG.
Como en Compostela, e mesmo como en Galicia, a boa laboura dos concelleiros do BNG é aproveitada polo PSOE; e como en Compostela, a torpeza da dirección dos nacionalistas poden conseguir que o PSOE acade a maioría absoluta.

O alcalde de Ames é un tipo entrañable, cercano á xente: un Orozco en pequeniño. O BNG pode presentar dúas xestións magníficas: Pilar Candocia e Francisco Carracedo. Persoas xa fora de responsabilidades locais e con xestións non aproveitadas polo BNG, que volve repetir mimeticamente o mesmo erro doutros lugares. Mágoa, porque perdeuse a ocasión dunha apaixoante contenda entre Carlos Fernández e PIlar Candocia, cun resultado non claro.

O P.P. perdeu o poder local hai catro anos. Hoxendía presentan un candidato xuvenil: como en Compostela, renuncian á batalla.

Etiquetas:

Municipais: Covelo

Covelo é segundo algúns inquéritos o concello máis probe do Estado. Nel leva mandando comodamente dende hai máis de trinta anos o Sr. José Costa, do P.P., por suposto. Na actualidade o reparto de cadeiras ven sendo PP:8, BNG:2, PSOE:1.
Galicia profunda, a poboación de Covelo está moi avellentada: coñezo ben unha parroquia dalí e fáltanme dedos para contar as nonaxenarias: Ter alí setenta anos implica estar en plena mocedade.
Unha característica recorrente en cada contenda electoral é a da visita do concelleiro de turno casa por casa entregando o sobre coa papeleta dentro. Seino porque cheguei a unha casa quince minutos despois da visita. Está prohibido queixarse, os vellos teñen medo, non lle vaian quitar a paga. Un punto de luz, ou un contedor de lixo, pode ser outra dádiva que aforteza o voto xa cautivo. Por suposto, está mal visto utilizar a cabina no colexio electoral.
Hai unha semana Covelo recibiu unha visita inesperada: Xosé Manuel Beiras deu un mitin en apoio do candidato local do BNG - persoa estupenda que tivo a desgraza dous días despois de perder a sua señora nai.
Así e todo, malio pulo moral que lle poida dar á oposición esas visitas, non agoiro máis que un leve descenso no voto do PP, que voltará gañar sen incomodidades: o voto perdido polas defuncións dos vellos compénsanse co voto emigrante eficazmente acadado polo primeiro tenente de alcalde, en feliz periplo por Venezuela, Urugüay e Arxentina.
Éxito sen precedentes sería que o BNG conquerira o terceiro concelleiro ou que o PSOE obteña o segundo.
As cousas do rural sonche así: Votan ao PP, máis cando se require facer queixa acoden ao BNG.

Unha última anotación: A Igrexa.
O crego segue sendo un poder fáctico. Os predecesores do actual cura ( Saja e D. Marcelino ) practicaban unha especie de "teoloxía da liberación" na galicia rural. Boas iniciativas cara os máis desfavorecidos - que non son poucos - e cun emprego exclusivo do idioma galego. Foron exiliados - permítaseme a palabra -, e substituidos por un home da curia tudense, ensotanado e sen vocación de servizo á parroquia. Outro tema queda eiquí esbozado para un debate posterior, xa alleo á contenda electoral.

Etiquetas:

Fracaso

Remedando a Scott Fitzgerald podo dicir que falo dende a autoridade que me outorga o fracaso. Certo é que fracaso interposto, pero ao cabo, fracaso que asumo na miña pequena parte alícuota.
O Celta vaise para a Segunda División, e deixando á marxe as consabidas queixas á directiva, adestradores, e sobre todo xogadores, quero lembrar con dor que neste descenso coinciden a víctima e o verdugo: os afeccionados.
Os siareiros que berraban ao adestrador porque é galego, fala galego, porque non é diplomático, ou porque xoga á defensiva. Qué máis da. Berrábanlle en Segunda División, berrábanlle cando clasificou ao equipo á UEFA e berrábanlle cando o rendemento dos seus mellores xogadores convidábao a marchar do equipo.
Esos mesmos siareiros que asubiaban hai poucos meses ao mellor xogador -Baiano- ou ao canteirán Oubiña por errar dous pases van sofrer dende o ano que ven varias tempadas no inferniño.
Eu hai tempo que non agardo gran cousa dos meus veciños de grada ou estadio: aqueles que reclamaban ao torpísimo pero voluntarioso Giovanella para voltear un marcador adverso; ou os que masacraron a José Ignacio ou apuparon a Karpin.
Serán minoría, non o sei; pero a responsabalidade da maioría non é calar ante a inxustiza flagrante.
Sábese que ían baixar tres equipos. Como celtista estou acostumado dende neno a que probablemente o meu equipo sexa un dos candidatos ao descenso. Por iso mágoame tanto mirar como baixa un equipo que tiña calidade máis que abondosa para non pasar problemas.
Iranse os xogadores que baixaron ao equipo. Ficaremos os afeccionados. Os que coa súa petulancia axudaron ao desastre, e os que co noso silencio cómplice coadyuvamos á calamidade.

Etiquetas:

16 maio 2007

Municipais: Santiago

Probablemente a campaña electoral máis aburrida do país estase a ver na súa capital. Co peixe vendido antes de se abrir o mercado, non hai moitas cousas que salientar. Non máis que a rutinaria campaña do PSOE, a desesperanza - ben merecida - do PP, e as previas tentativas de suicidio do BNG.
Deste último grupo merece subliñarse a súa incansable proposta de ir diminuindo en sucesivas contendas electorais o seu número de concelleiros. No seu momento decidiron marxinar a Encarna Otero e a Xaquín Fernández Leiceaga ( rapidamente fichado polo hábil adestrador rival, Bugallo, sorprendido de que na outra beirarrúa desprendéranse dun dos seus maiores capitais ). Nesta volta decapitaron a Manuel Portas, concelleiro aplaudido na súa xestión en deportes e relacións veciñais polos cidadáns e especialmente polo PSOE e mesmo polo PP ( nun surrealista lapsus linguae na Cadena Ser de Conde Roa, feliz ante a nova do defenestramento de Portas, coñocedor que a súa única e remota opción de seres alcalde pasa por un descalabro do BNG ).
Qué lonxe están os tempos nos que a piques estivo un candidato nacionalista ( o profesor Manteiga Pedrares ) de se converter en alcalde de Compostela.

Xa media esquecida a lea interna, desexo comentar o cartaz electoral do BNG. Supoño que pola intermediación do photoshop aparece nel o candidato máis atractivo dos tres alcaldabeis, cunha faciana que me lembra ao guapo policía negro de "Six feet under". Ante as inanes campañas quédanos alo menos o xogo das comparanzas fotográficas.

O PP volve presentar a Conde Roa de candidato. A idea sería magnífica dentro duns poucos anos, cando tódolos seus fillos poideran votar e igualar un chisquiño deste xeito os resultados finais. (Que non se me entenda mal, paréceme ben o de ter fillos, sobre todo o de intentalo, mesmo eu ando nesas brincadeiras, coa esperanza que os nosos descendentes poidan arranxar o penoso mundo que van levar como herdanza).
Mariano Rajoy, convencido, como todos, que o seu candidato non ten nada que facer, non disimula nin perde o tempo, e deixa a Conde Roa e a xornalista da COPE que leva de acompañante, sen parceiros para a foto.
Conde Roa, de tódolos xeitos, arrecende a deja vu. Supoño que dentro de catro anos a candidata conservadora será María Jesús Sáinz, a cal terá máis opcións de gañar, tendo en conta a tendencia autolítica dos nacionalistas composteláns.

Na noite das eleicións Bugallo agradecerá a confianza que nel depositaron os concidadáns, Rego suplicará seguir estando no Goberno ( home gris, gris, gris, pero bo concelleiro de cultura segundo me contan as amizades) e Conde Roa sorrirá e dirá que tamén gañou - como todos.

Etiquetas:

14 maio 2007

Supersticións.

Hai unha cafetaría en Compostela, na Praza de Ponte Castro, onde eu ía ver na época de Víctor Fernández varios partidos televisados do Celta. Tiven que deixar de ir alí porque as seis ou sete veces que fun sempre perdía o Celtiña.
Un domingo desta temporada eu estaba no barco Vigo-Cangas cando o Celta gañou o seu primeiro partido en casa desta Liga (Valencia). Moitos meses despois fun por vez primeira este ano a Balaídos (Deportivo), e o Celta volveu gañar.
Por conseguinte, pensei, se quería que o Celta gañase eu tiña que estar na mar ou no campo. E alí fun, a ver o espectáculo en directo.

Empezo a pensar que a culpa pode que non sexa miña.

Remato cun análise futbolístico: Probablemente non debería ter sido cesado Vázquez, e en todo caso, de facelo, telo feito moito antes. Dito isto, Stoichkov non ten culpa ningunha dos resultados negativos. Como dixo un filósofo: er furbo es asín. E logo os do Atlético de Madrid van de "pupas"...

Etiquetas:

Memoria


Somos memoria, máis nada. Estou lendo unha autobiografía excelente: a de Luis Buñuel. Nela, no primeiro capítulo, o director aragonés fai un pequeno ensaio sobre a memoria: o espíritu que nos conforma. Somos persoas porque temos lembranzas, e a memoria xustifica que poidamos ser premiados ou sancionados. Unha interesante película de Hal Hartley, Isabelle Huppert de protagonista, ía sobre a irracionalidade do castigo sobre un home amnésico.

Non teño grandes motivos para seres así, pero a miña tendencia natural é a da suave saudade. Lembro, aínda que o tempo pasado non foi mellor.

O pasado sábado, durante cinco minutos, tiven a ocasión de volver pisar a area da praia balear onde durante dous veráns consecutivos tiven o meu primeiro traballo. Daquela gobernaban Felipe González en Madrid e Fernández Albor en Compostela, e os billetes de avión valían máis daquela que hoxe.

A praia trocou: hai moita máis area, menos parasois, menos velomares. Daquela unha hora valía 325 pesetas para dúas persoas ( drai jundra esvai und suansig ain estiunde esvai personen), agora seis éuros. Desapareceu o Solarium e a cafetería ( Balneario 0 ).

Non me deu tempo para unhas bágoas, pero si para tirar unhas fotos. Exorcizado definitivamente sei que cando vaia por alí xa non terei que voltar.

Etiquetas:

10 maio 2007

Culturgal. Un dragón.

Hoxe pola mañá tiven a sorte de poder asistir á inauguración do Culturgal. Parecéronme magníficas tanto a idea do evento e as instalacións que o acollen coma a programación. Beizóns para os que pensaron nas crianzas, cos excelentes "Migallas" e "Mamá cabra" na xornada do sábado. Mentres agardaba á chegada das autoridades contemplei marabillado as fotografías de Eduardo Blanco Amor que alí se expoñen. E coñecín a Francisco Macías, o editor de Positivas, un auténtico heroe contemporáneo.
Paga a pena achegarse ate alí.

Logo tiven a inmensa fortuna de vez por vez primeira na miña vida a un dragón de verdade, que botaba fume polas orellas, narinas, boca e ollos.

Cronoloxía do suceso: Chegan as autoridades; recoñézoas porque alí destaca o alcalde de Pontevedra, acompañado de Ramón Villares e máis persoeiros. Sitúanse no estrado. A disposición foi a seguinte, de dereita a esquerda, dende o meu punto de vista: Alcalde de Pontevedra; Conselleira de Cultura; Conselleira de Educación; Secretaria de Política Lingüística; Secretaria de Innovación; Director do Culturgal; Ramón Villares; Representante de Caixanova; Quico Cadaval; Presidente da AGE. Aos quince segundos de estares estes alí chegou unha señora de mediana idade, loira e traxe claro que se colocou por diante de Cadaval e do presidente da AGE. Creo recoñecela, trátase de Teresa Pedrosa, membra destacada do P.P de Pontevedra, a anterior candidata a alcaldesa hai catro anos e anteriormente Presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais nos gobernos de Fraga Iribarne. Descoñezo que pinta a señora alí.
Cando comeza a falar o Director do Culturgal, tanto Cadaval como García Sanmartín ábrenlle un sitio e a señora colócase debidamente. Tralo parlamento do Director, inicia Quico Cadaval o seu pregón: un emocionante alegato en defensa dunha cultura enferma, que non parece que teña moita posibilidade de curación da súa doenza.
Eis produciuse a miragre: Cando Quico dixo que na rúa Xeneral Franco de Ribeira ( "na miña localidade tódalas rúas están normalizadas" ) atopou unha señora marroquí falándolle árabe ao seu neniño e cen metros despois escoitou a unha señora de Aguiño falarlle castelán ao seu ("o meu discurso xa pode rematar aquí"), e despois contou a experiencia do seu tío en Brasil e falou da brutal represión franquista, a señora de mediana idade, loira e de traxe claro empezou a bufar, botando fume polos sete buracos da cachola... e indignada deixou a tarima desaparecendo do lugar.

P.S.1: Descoñezo se a fuxida e os bufidos da señora conservadora foi polo seu molestar ás alusións ao seu Caudillo Franco, ou ben, por outro tipo de razóns, digamos, de saúde, que todo pode ser.
P.S.2: Nunca escoitara ata hoxe á Sra. Marisol López, de política lingüística. Quero supoñer que simplemente estaba moi nervosa.
P.S.3: Idem sobre a Concelleira de educación.
P.S.4: A intervención de Cadaval, ademáis de emocionante de verdade, foi divertida e didáctica. E curta. Tódalas demáis, agás a da Conselleira de Cultura, excesivamente longas.
P.S. 5: Encántame o Sr. Villares Paz: Na súa faciana reflíctese a valoración que lle merecen os discursos que escoita. Coincido cos seus gustos.

Etiquetas:

07 maio 2007

Todo un machote

Conta Michael Caine que cando compartía piso con Terence Stamp empezou a correr o rumor de que os dous eran amantes. Stamp indagou o nome dos maledicentes. Varias semanas despois chegou sorrinte á casa común. ¿Qué pasou? preguntoulle Caine. ¿Lembras aqueles tipos que dicían que somos maricas? Pois tireime ás noivas de todos. ¡ E agora que digan o que queiran!

Ese modo de resolver o presunto problema carece da sutileza galaica que tan ben representaba Pío Cabanillas Gallas e esplendidamente narraba Manuel Rivas: Cóntase que presidía a inauguración dun teleclub na zona do Salnés o ministro de información e turismo Fraga Iribarne acompañado polo seu secretario Cabanillas Gallas. Como era verán, facía calor e sobraba o tempo para o acto, decidiron dar un chapuzón nunha praia recoleta e ben agachada das proximidades. A falta de meybas o baño foi realizado en pelotas. Antes de saír da auga, os políticos viron espantados como chegaban ao deserto areal un autobús cheo de colexialas seguidas dunhas monxas. Don Manuel botou o sprint máis rápido da súa vida coas mans nas partes pudendas. O agudo Pío Cabanillas, ía detrás del aconsellándoo: "Tápate la cara, Manolo, tápate la cara."

Etiquetas: ,

Adolfo Suárez

Cando a comezos do ano 1981, Adolfo Suárez demitiu, deixou ditas unhas intelixentes verbas, que xa foron esquecidas por aqueles que agoran tentan presentarse como os seus herdeiros:
"Creo que tengo la suficiente fuerza moral para que en el futuro no se recurra a la inútil descalificación global, a la visceralidad del ataque personal, porque creo que perjudica el normal funcionamiento de las instituciones democráticas".
Eu penso que a herdanza ficou sen adir. O actual P.P. non é máis que a vella Alianza Popular, só que máis crecidiño, e por conseguinte, capaz de agachar a súa mala uva - ás veces - nas ropaxes da interesada hipocrisía.

Ao fío: necesítase de alguén que con paciencia e delicadeza desfolle as interioridades da breve, sorprendente e frustrante Coalición Galega. É posible que a falta de perspectiva histórica dalgúns dos seus membros posibilitaran a aterraxe victoriosa de Fraga Iribarne no noso país, porque o xeito eficaz de loitar contra a dereita homoxeneizante que chegaba podería ter sido aquel partido da piña.
Así llo escoitei dicir e razoar daquela a Xosé Ramón Barreiro, e pareceume que tiña toda a razón.

Etiquetas: ,

02 maio 2007

O tempo pasa

A proba irrefutable do paso do tempo atópoa nas facianas dos demáis ou no troco xeracional. Onte pola noite tiven dúas probas consecutivas.
Unha das miñas primeiras lembranzas do colexio sitúanme ás nove da mañá dun xoves, agardando para entrar na clase da marabillosa señorita Mari Carmen - que veu substituir á señorita Mari Luz que estaba embarazada. Os nenos de 1ª A falabamos do acontecido o día anterior, da final da Copa de Europa de fútbol: Atlético de Madrid - Bayern de Münich. Luis Aragonés metera un gol de falta na segunda parte da prórroga, e cando o partido estaba a piques de se acabar un central bávaro, de nome complicadísimo, lanzou dende case o centro do campo un disparo desesperado, que o porteiro do Atlético, Reina, tragou. Lembro como a profe participou na conversa dándonos a razón: "A culpa foi do porteiro". Onte, o fillo do culpable daquela noite belga convertiuse nun heroe na terra dos Beatles.
Cando compartía piso con estudantes de química tiñamos unha diversión matutina: Ver o telexornal ( para admirar a Begoña Fontenla ) despois de ollar a mellor serie de hospitais que eu vin nunca: "Historias de Hospital". Nela había un personaxe inesquecible ( Ehrlich ) interpretado por Ed Begley Jr. Pouco despois da victoria do Liverpool sintonicei outra excelente serie: "A dous metros baixo terra". Nela volve aparece un avellentado, case irrecoñecible, Ed Begley Jr. facendo de amante da nai dos Fisher.

Mírome no espello e vexo a mesma persoa, pero despois de fitar aos demáis deduzo que eu tamén estarei a me volver vello.

Etiquetas: