28 junho 2007

Decálogo de boas prácticas no deporte IV

Decálogo do espectador

1. Que o cariño polo teu equipo non te leve a comportamentos inadecuados.

2. O prezo da entrada non inclúe a baixeza de insultar. Apoia e anima, nunca descualifiques.

3. O forofismo nega a racionalidade.

4. Non te ampares no anonimato da masa, compórtate con dignidade.

5. Valora os méritos, sexan de quen sexan. Aplaude as boas accións aínda que sexan do rival deportivo. Valora o esforzo e o traballo ao xulgares os feitos, nunca o éxito ou o fracaso.

6. Apártate de quen incita ou reclama condutas violentas.

7. O coñecemento das normas axudarache a ser obxectivo.

8. O rival deportivo non é un inimigo. Só cada persoa pode ser inimiga de si mesma.

9. Condena o uso da violencia en todas as súas formas. Critica con educación os comportamentos racistas ou xenófobos.

10. Quen só vai ver gañar, corre o risco de ver perder.

Etiquetas:

Decálogo de boas prácticas no deporte III

Na preciosa película "Searching for Bobby Fischer" ficaba ben clara a opinión sobre un comportamento típico dos pais e nais de deportistas. Seguro que non coñecían o decálogo do Concello de Santiago.

Decálogo do pai e nai do deportista

1. Non obrigues ao teu fillo/a a practicar un deporte do que non goste. Lembra que os nenos e as nenas xogan para a súa diversión, non para a túa.

2. Non lles esixas máis do que poden dar nin os comparedes. Con iso só conseguiredes diminuír a súa autoestima.

3. Inculcade aos vosos fillos e fillas unha educación baseada no respecto aos principios éticos deportivos, faranos ser mellores persoas e mellores deportistas.

4. Tratádeos respectuosamente, é a manifestación do voso aprezo. Non mercadeedes coas súas calidades. O voso labor na competición pode ser animalos, pero non gritarlles nin darlles ordes.

5. Non proxectedes neles as vosas aspiracións insatisfeitas.

6. Respectade o traballo do adestrador e as súas decisións.

7. Nunca ridiculices o teu fillo/a por cometer erros ou porque perda un partido.

8. Sede os primeiros en respectar as decisións arbitrais, para que os vosos fillos e fillas as respecten.

9. Mostrádevos sempre correctos co voso porte e no voso vocabulario.

10. Lembra que o fin esencial do deporte é o de formar persoas. Que non te confundan as prácticas mal entendidas.

Etiquetas:

27 junho 2007

A guerra

O admirado Kapuscinski deixou escrito que a decadencia do mundo obsérvabase tamén nas rutinas da guerra. Sinalaba a maldita evolución iniciada no século XX de ir trocando a porcentaxe de mortos entre soldados e civís, cada vez máis numerosa estes últimos.
Hoxendía os titulares da prensa de todo o mundo lévaa a nova da morte de seis soldados no campo de batalla. Xa non chama a atención a caída no mesmo tempo e lugar de nenos, mulleres e anciáns. Se estás en territorio bélico aumenta a túa seguridade se eres soldado.
Malos tempos.

Etiquetas:

25 junho 2007

Excelente artigo

Agora xa leva un tempo parado o magnífico blog de Martí Perarnau, pero no fío dos meu anteriores posts, quero recomendar este excelente artigo que publicou a mediados do outubro pasado.

Etiquetas:

Decálogo de boas prácticas no deporte II

Decálogo do Deportista

I.- O deporte educa persoas para a vida. Máis que gran deportista procura ser unha gran persoa.

II.- O adestramento é fundamental para progresar. Ten continuidade e constancia.

III.- Respecta a norma, darache sentido e claridade no xogo.

IV.- Honra ao contrario, non é un inimigo, é un compañeiro de xogo. Fai amigos xogando ao teu deporte. Os resultados pasan pero os amigos perduran.

V.- Que predomine en ti o sentido do equipo, os seus intereses están por riba do lucimento persoal.

VI.- Que te coñezan máis polo teu comportamnteo que polas vitorias que consigas. O xogo limpo dignifica, o suxo envilece.

VII.- Ao finalizar os encontros saúda aos contrarios e xuíces.

VIII.- Que a honra e a nobreza sexan o teu estilo na práctica deportiva.

IX.- Xoga só polo pracer de facelo e non por satisfacer só ao teu pai/nai ou adestradores. Lembra que o propósito do xogo é a diversión, mellorar as destrezas e sentirse ben. Xoga para o teu equipo.

X.- O deporte é saúde. Practícao no teu beneficio e no da sociedade.

Etiquetas:

Decálogo de boas prácticas no deporte I

Sistematicamente, e dende hai moitos anos, nestas épocas previas ao comezo do verán, asistimos cada vez menos escandalizados ao que se podería chamar como a perda progresiva dos mínimos valores deportivo.
Este ano escoitamos falar impunemente sobre o inminente ( e afortunadamente falso ) amaño do partido Osasuna - Real Sociedade; máis tarde lin - horrorizado - unha carta ao director no Faro de Vigo onde o autor, que se autocalificaba como "ex preparador físico" dun equipo do Morrazo, laiábase indecentemente como outro equipo da mesma península non se deixou perder, e decidiu xogar o seu partido con normalidade. Hai poucos anos, no anterior descenso do Celta, previo ao encontro entre estes e o esaxeradamente denominado "eterno rival", o inefable presidente do equipo do Sur ( que chegou a ser concelleiro do PP en Vigo autodeclarándose a persoa máis importante da cidade ), tamén implorou a clemencia norteña aludindo á fraternidade galaica. Ou indo máis anos alá, non moitos, esta vez o adestrador do equipo filial dos norteños, que na derradeira xornada de competición entrou chorando nos vestiarios visitantes para pregar menos intensidade no xogo rival e un par de goliños de balde. E aínda máis lonxe lembro a vergoña allea que sentín cando o intérprete dalgunhas das cancións máis bonitas do meu idioma recoñecía na súa etapa de presidente do club da súa cidade que foi mercar os partidos necesarios para o benestar do seu equipo.
Os medios de comunicación son culpabeis de incitar estes comportamentos, e tamén son culpabeis de maleducar ao público, que considera o resultado final como o único valor do deporte, e tamén son culpabeis de non avergoñar nas súas portadas aos impresentabeis mercaderes. O público tamén é culpable, individual e colectivamente, cando se abeira na masa para criticar ao rival que cumprindo as súas mínimas obrigas deportivas, loita con intensidade.
E dende logo son culpabeis os analfabetos directivos que nunca tal se viron de popularidade social, e que pensan que as prácticas mafiosas ás que están tan adoitos na súa vida laboral poden ser transportadas ao deporte.

Haberá uns meses chegou ao meu poder un imprescindible tríptico editado polo Departamento de Deportes do Concello de Santiago intitulado "Decálogo de boas prácticas no deporte", con cadansúas recomendacións a deportistas, pais e nais de deportistas, técnicos, árbitros, directivos e espectadores. Debería ser amplamente difundido e mesmo obrigado a memorizar, a ver se imos mudando un pouquiño a derrota que están tomando os acontecementos.

Etiquetas:

19 junho 2007

O mellor partido do Celta

O Celta ten unha natureza especial que, sen querer ir de victimistas, xa quixeran para si outros equipos como o Atlético de Madrid. Non só polo himno oficioso, como ben dixo eue, ou polo desagradable costume de chegar ás finais - 4, contando o equipo antecesor- para perdelas. O mellor partido que na miña vida vinlle xogar ao Celta foi un no que perdeu. Pero no remate do mesmo eu levaba debuxado un sorriso na faciana que me durou varias semanas. Porque non se podía xogar mellor o fútbol, e porque entón o resultado é o de menos.
Aquel partido foi o 20 de outubro de 1998, e o rival o Aston Villa de Birminghan. Copa da UEFA. Resultado final: 0-1.
Aquela noite fun feliz de que os azares da vida me fixeran celtista.
É probable que pasen anos ata ver algo igual, pero non importa. Tampouco eu volverei ter os abdominais dos dezasete anos.
Fica a memoria, e chega ( de saudade).

Etiquetas: ,

14 junho 2007

Colonizados

Estou escoitando a Boca da Noite e fico marabillado. Pola tarde ouvín a Jorge Coira e onte pola mañá a Manuel M Barreiro. Antonte foi a quenda de Cándido Pazó, e tódalas tardes están ao meu carón Ana Romaní,Anxo Quintela e Xía Arias e despois Xurxo Souto e coma hoxe Uxía Senlle. Góstame a Radio Galega e a súa evolución.
Lamento moitísimo non poder dicir o mesmo da nosa televisión. E nun aspecto que me interesa moitísimo, polo lecer e polo simbólico, como é a programación e información deportiva estou escandalizado.
O pasado domingo pola tardiña, no telexornal, cando en Ferrol estaban felices pola victoria nos penalties, cando en Pontevedra estaban dos nervos, empurrando na procura do terceiro gol, cando en Vigo viviamos a resaca traicioneira da victoria a rentes do Manzanares, cando na Coruña viña de rematar o derradeiro partido de Caparrós diante dos seus siareiros, ou cando en Coruxo ou Compostela agardaban novas, a televisión de todos nós ofreceunos como toda información deportiva as imaxes do día anterior de Van Nistelroy e de Lionel Messi - e despois Nadal e Alonso.
¿Estarei eu só na indignación? Non me importa, porque como galego quero que as novas principais na miña televisión sexan as que lle importan aos galegos, e négome a crer que os meus paisanos prefiran ao Madrid ou Barcelona no canto do Celta ou Deportivo, do Rácing de Ferrol ou Pontevedra, do Coruxo ou Negreira. No canto do Liceo ou Hockey Vigo, do Teucro ou Pilotes Posada, do Lobelle ou o Azkar, do Breogán ou do Rosalía.
A quen lle interese saber se Raúl ou Guti ou Ronaldinho están acatarrados e esgarran sempre pode pór calqueira das cadeas xeneralistas do Estado.
Síntome colonizado, ou que me queren colonizar, e négome.

Etiquetas: ,

12 junho 2007

Última xornada

Levárame o meu irmán maior moi cedo, case dúas horas antes do comezo do partido. E alí estabamos, na grada de Marcador, dándonos o primeiro sol do verán. Eu era pequeno e non lembro quen nos acompañara naquela tarde de domingo. O Celta, como case sempre, chegaba á derradeira xornada de Liga con opcións de se manter se gañaba o seu partido e se outros resultados eran favorabeis. Chamoume a atención o verde intensísimo do céspede - en el alpiste verde de sosiego, de tiza galonado -, e que Balaídos estivera case cheo. Como neno que era non souben moito de estratexias; o certo é que o Atlético de Madrid adestrado por Luis Aragonés, xogando ao contragolpe adiantouse dúas veces e dúas veces ( Villar e Félix Carneiro ) o Celtiña (Fenoy de porteiro) empatou. Dende moitos kilómetros de distancia chegaban malas novas: o Raio Vallecano vencía no estadio Insular á U.D. Las Palmas, do ex céltico Miguel Muñoz.
Aquela noite o Celta xa durmía na Segunda División.
Non son capaz de situar a temporada do partido, tiña que ser anterior a 1981 porque aínda estaba de pe a vetusta grada de Río.
¿Quen sería daquela o alcalde? ¿García Picher? ¿Manoel Soto? ¿Antonio Ramilo? ¿Ou sería alcaldesa? ¿Enma González Bermello?

Etiquetas: , ,

11 junho 2007

Esperanza

O sábado pola noite fun banalmente feliz: o Celta gañaba no Calderón e os outros resultados tamén axudaban. Non convén esquecer que o Celta aínda agora ten poucas opcións: non depende de si, ten que gañar e despois agardar os resultados dos outros para non baixar.
Existe, pois, a Esperanza.
Xente que viviu hai moitos anos e eran máis sabios ca nos adeprendéronos que a Esperanza é o derradeiro dos sete males que magoan ás persoas. Unha muller fermosísima chamada Pandora, casada con Epimeteo, abriu neglixentemente unha ánfora onde o seu cuñado Prometeo conseguira gardar tódolos males do mundo: A vellez, o traballo, a enfermedade, a tolería, o vicio e a paixón.
O sétimo dos males, que cando adoita aparecer xa é demasiado tarde para reaccionar, é a embusteira Esperanza.

Etiquetas: ,

07 junho 2007

Opcións: poesía.

Na véspera do día das letras galegas deste ano, na "Crónica" da Radio Galega, o seu director Tino Santiago facía unha interesante entrevista ao xornalista, coordinador de Protexta, Xabier Cid. Interesante máis polas respostas ( epatantes, sorprendentes ) que polas preguntas. Ao cabo, e coñecendo as súas dotes adivinatorias, Cid respostou que apostaría que no vindeiro ano o Día das Letras Galegas estaría adicado a Díaz Castro: "o mellor poeta galego do século XX" segundo o propio Cid.
Díaz Castro é o autor dunha famosa e boa poesía, Penélope, pero non lembro moito máis del do que dicían os libros do bacharelato. A calificación absoluta de mellor poeta supoño que será tan discutible como lectores ten o noso idioma. Eu quedaríame antes con Manuel María ou Celso Emilio - recoñecendo que á poesía social pásalle como á comedía no cine: difícil de acadar premios - ao que hai que sumar as inevitabeis obras de menor calidade nunha poética tan grande como a de estes autores. Ou preferiría a Cunqueiro, pero a súa poesía ten a rémora de disputarse, e mesmo de entaboar coa súa escrita en prosa ( eiquí difiro de Rivadulla Corcón, que prefire netamente a súa poética).
Non sei se Xabier Cid acertará, como adoita. Por se acaso, arrisco eu dous nomes: Johán Carballeira, e sobre todo, Lois Pereiro, o meu favorito.

Etiquetas:

06 junho 2007

O ciclo da vida

Hai unha semana entramos nunha Maternidade para coñecer a nova filla dunha amiga. Agora veño de ver no Campus Sur o retozo no céspede dunha parella de namorados. E onte, na Costa da Camelia, unha furgoneta dunha funeraria deixaba a súa desagradable mercancía.
E dentro de tres ou catro meses estarei de volta en maternidades, e no verán casarán namorados e cando toque -dentro de moito, espero- iremos de funerais.
E o sol volverá saír.

Etiquetas: