12 junho 2007

Última xornada

Levárame o meu irmán maior moi cedo, case dúas horas antes do comezo do partido. E alí estabamos, na grada de Marcador, dándonos o primeiro sol do verán. Eu era pequeno e non lembro quen nos acompañara naquela tarde de domingo. O Celta, como case sempre, chegaba á derradeira xornada de Liga con opcións de se manter se gañaba o seu partido e se outros resultados eran favorabeis. Chamoume a atención o verde intensísimo do céspede - en el alpiste verde de sosiego, de tiza galonado -, e que Balaídos estivera case cheo. Como neno que era non souben moito de estratexias; o certo é que o Atlético de Madrid adestrado por Luis Aragonés, xogando ao contragolpe adiantouse dúas veces e dúas veces ( Villar e Félix Carneiro ) o Celtiña (Fenoy de porteiro) empatou. Dende moitos kilómetros de distancia chegaban malas novas: o Raio Vallecano vencía no estadio Insular á U.D. Las Palmas, do ex céltico Miguel Muñoz.
Aquela noite o Celta xa durmía na Segunda División.
Non son capaz de situar a temporada do partido, tiña que ser anterior a 1981 porque aínda estaba de pe a vetusta grada de Río.
¿Quen sería daquela o alcalde? ¿García Picher? ¿Manoel Soto? ¿Antonio Ramilo? ¿Ou sería alcaldesa? ¿Enma González Bermello?

Etiquetas: , ,

11 Comentarios:

Anonymous Anónimo said...

Eu penso que foi na temporada 78-79...
Porque no ano 81, creo eu que o Celta non estaba ¡nin en segunda!, senón en 2ª B...
E dame a min que o domingo que ven durmirás de novo co Celtiña en Sejunda...
A ver se me equivoco

5:17 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Así que o Alcalde tiña que ser Soto. ¿Non?

5:20 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Si tes razón no do ano entón debería ser Soto, porque as primeiras municipais foron en 1979. No do domingo polo serán desexaría que te equivocaras, pero eu agora penso o mesmo ca ti.
É curioso, entón, o funcionamento da memoria, porque eu teño lembranzas frescas dos momentos importantes da transición política, que fora uns anos antes; porén, nesto do fútbol os relembros están entre brétemas.

5:39 da tarde  
Blogger Carlos M. Abella said...

A verdade é que estes últimos anos veño de seguir cada vez menos o fútbol, e mira que me gustou. Pero o final deste ano é demasiado vibrante como para ser alleo. E a historia repítese co Celta, con todo por decidir e pendente das traxedias doutros campos...

Na miña memoria futbolística hai un día que sobresae por enriba dos demais cunha claridade absoluta. Como deportivista, non foi o día que nos salvamos de baixar a Segunda (tras subir na 1991/92) despois de sufrir contra o Betis o que non está escrito, nin cando gañamos a nosa única Liga, nin siquera cando lle petamos ao Madrid co Centenariazo, eu, antimadridista pechado como son; nin tampouco cando lle gañamos a Copa ao Valencia e cumpriuse aquelo que dixera Liaño "arrieritos somos..."; non, sen dúbida, o día en que Djukic errou aquel penalti e Liaño xurou vinganza foi o día que nunca, nunca, esquecerei. Penso, e creo que non minto, que aquel foi o único día na miña día que chorei por un partido de fútbol. Chorei sen parar, como un neno, non había consolo posible. Era demasiado tráxico, demasiado dramático, sacado dun guión demasiado fillo de puta como para ser real... Será o destino dos humildes: atopar no sufrimento e na traxedia as nosas sinais de identidade. Quen pode preferir a acumulación de títulos e o amoreamento de estrelas e mega-orzamentos a este poético sentimento?

11:57 da tarde  
Blogger paideleo said...

Eu só fun unha vez ó Balaídos e tería 13 ou 14 anos que fun cun amigo e o pai que eran socios. Lembro que xogaba contra o Depor e que había un velliño chiando Celtiiiiiiiiiiña !!!.
A min o fútbol non me gusta e menos o que se monta arredor pero está visto que os meus gustos non van coa maioría.
Un saúdo e a ver se probo un día o Escondidinho.

12:21 da manhã  
Blogger bouzafria said...

No momento que Djukic ía tirar o penalti deume mal rollo: parecía nervoso, respiraba demasiado rápido. Mágoa da substitución de Donato un pouco antes. Eu estaba nun local da rúa das Rodas, xunto con Marcial, Pepe e non sei se Hipatia e Pablo G (a quen hai unhas horas veño de cumprimentar a aposta anual que perdín: só perdo apostas cando anda polo medio o Celta). Aquelo foi moi triste porque perderon os deportivistas e máis tamén Galiza enteira.
De tódolos xeitos non entendo a tirria que algúns lle colleron ao Valencia e especialmente ao seu porteiro. ¿Ou acaso pretendían que se deixaran gañar?¿Que se deixara meter o penalti? Eles cumpriron coa súa obriga, e así espero que o faga tamén o Xetafe o vindeiro domingo. Prefiro perder a que o meu rival se deixe gañar, porque a fin de contas o deporte é unha representación da vida, e como tal, o único merecente é a dignidade.
En canto a momentos sublimes, eu lémbrome como espectador dun xadrecístico nun torneo en Ferrol: final de peóns aparentemente perdido para un xogador, que de súpeto fai unha xogada inesperada que troca a valoración. Magnífico e moi educativo.
P.S. Ao tempo que escribo, escoito na Radio Galega en directo a Quico Cadaval. Escoito, aprendo e divírtome. Que diferenza entre a Radio e a tele do noso.

12:25 da manhã  
Blogger bouzafria said...

O Escondidinho é moi notable. Aquel día, como ía só, non poiden pedir o arroz de marisco: excelente relación calidade-prezo-cantidade.
A min si que me gosta o fútbol, pero ao irme facendo maior cada vez valoro máis a calidade no xogo e menos as cores das camisolas.

12:29 da manhã  
Blogger R.R. said...

Eu, con once anos ou pouco máis, chorei nun partido do Dépor contra o Rayo Vallecano. Se o Dépor gañaba, subía á primeira. Perdeu 1-2. Lembro a aliñación completa e mailo nome do árbitro (¡burro!). Prometín non volver chorar polo fútbol e cando foi o de Djukic cumplín.

O da tirria ó Valencia véu, máis que do feito de parar o penalti, da posterior e ofensiva celebración de González (o porteiro) e dun noviño Mendieta, que parecía que acababan de gañar a Liga polos saltos de ledicia que pegaron por un 0-0.

O do Celta deste ano chéirame a traxedia (iso de que a traxedia só se produce cando antes aparece a esperanza) pero este domingo vou ser do Levante, do Rácing de Santander e do Valencia, por moito que me pese. E antigetafista (mire a de voltas que lle dou para non dicir que serei do Celta). Que teño ben de amigos celtistas e celtarras e a ver se así cae algunha festa, ;-D, ou, cando menos, derbis en compañía a temporada que vén.

1:55 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Pois eu cagheime no Coruña - daquela chamábase así para todo o que non fora de La Curu - cando non subira na última xornada por perder me parece que contra o Mallorca (¿Pode ser? ¿Vou errado? ) O caso é que o Celtiña baixara aquel ano e eu contaba ver fútbol de primeira división ben perto da Compostela onde ía vivir.
Daquela non existía a estúpida rivalidade que pouco despois sementarían Paco Vázquez e un concelleiro vigués alcumado Leri, con grande éxito, por certo, entre as capas máis borregas das respectivas cidades.
É lóxico que sentas un certo rumbo se gañas ao veciño, pero os éxitos deste non só non te perxudican, senón que a súa enerxía pode ir no teu proveito: O Celta que tan ben xogou o fútbol con Mazinho e Mostovoi non existiría se non apareceran antes polo Norte Mauro Silva e Bebeto.

4:06 da tarde  
Blogger R.R. said...

Creo que falamos do mesmo ano: o que pasou foi que o Dépor, empatado a puntos, non subiu por peor goalaverage co Mallorca, que en Riazor perdera 3-1 mentres que en Mallorca gañara 3-0. Pero non estou seguro de se foi a única vez que se nos atravesaron os "bermellóns" ós que eu chamaría "vermellóns". Qué chiste malo.

Sobre o de que un equipo tire do outro, non sei eu que lle dicir: ¿rivalidade sana? ¿envexa e localismos? ¿casualidade? Porque se houbese causa-efecto, algún deses anos escuros nos que o Dépor estaba na 2ª e ata na 2ªB e na 3ª, ¡¡ben podía o Celta de primeira e mesmo europeo tirar por el!!

Por certo, ese ano da 2ªB na que coincidimos, foi cando eu me fixen socio do Dépor despois de asistir durante dúas temporadas completas a Riazor e certificarlle a meu pai que había de compensar o gasto: 500 pesetas por todo o ano xD.

Pero menos rollo, imos ó importante. Que se salve o Celta. E pró ano, derbis e puteos. ;-D

7:24 da tarde  
Blogger Carlos M. Abella said...

Bouzafría, penso que sei ben de que final de peóns estás a falar. Realmente, podo afirmar que na vida xadrecística do tal xogador que dis, poucos momentos houbo de maior ledicia, excitación, placer, mesmo vertixe (só os que teñen xogado xadrez entenden esa mezcla de sentimentos indescritibles que xurden cun simple movemento). Non minto se digo que sentiu un terremoto tal que tivo que erguerse e ir pasear, sen ter tido tempo antes de saber se aquela partida perdida (perdida, dou fe, non "aparentemente") sería finalmente gañada, ou só táboas, como foi.
Non a recordara cando vin o vídeo do búfalo (http://www.youtube.com/watch?v=LU8DDYz68kM), pero é un deses extranos paralelismos que hai na vida...

Será o Celta quen de ser bebé búfalo este sábado?

Paideleo, eu teño a desgracia de gostar do fútbol, aínda que cada vez vexo con máis noxo o circo que se monta arredor

10:53 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home