12 outubro 2007

Miguel Ángel, Cardeñosa, Asensi.

O mellor xogador do Mundial 78 foi sen dúbida algunha o holandés Resenbrink, digno sucesor do liderado de Cruiff na laranxa mecánica. O seu talento non se veu recompensado - como catro anos atrás - co título, pero eu son dos que pensan que a beleza prevalece sobre o resultado.
Aquel era un ano malo para facer un Mundial na terrible Arxentina da dictadura. Pero fíxose. Mesmo con certos partidos sospeitosos.
O meu interese estaba en ollar eu por vez primeira a España nunha fase final. O primeiro partido foi un sábado de verán. Eu estaba en Ervedelo, na casa da miña tía Ofelia, vendo só o partido. Para sorpresa dos locutores - que sempren ven a España como favorita- Austria venceu comodamente o partido aínda que o marcador de 2-1 faga sospeitar máis emocións das que realmente houbo. O heróe do partido foi un ourensán, o porteiro Miguel Ángel, que impidiu unha derrota aínda máis avultada ante as hostes de Krankl.
O mércores seguinte estabamos en Vigo, e alí vimos o partido contra Brasil. O partido rematou en empate a ceros, e non esquecerei ao meu irmán maior facendo flexións de pernas desesperado ao carón da fiestra logo e que o elegante centrocampista Cardeñosa estragara unha das ocasións máis claras da historia, soziño diante da portería co único obstáculo dun desesperado defensa baixo o longueiro. Mágoa de que a pelota caera no seu pe dereito.
O domingo pola mañá casou a miña curmá no Couto, na igrexa de Fátima. A paparota fora no San Miguel, e ao seu remate leváronnos a Oira, onde nun bar ateigado, contemplamos a victoria do equipo de Kubala ante Suecia por un a cero, gol de Asensi, o agora sogro de Iván de la Peña. Aquela victoria, claro, non valeu de nada. Necesitábase unha carambola no outro partido, e as milagres nos mundiais adoitan non existir.

Aquel resultara ser un mundial futbolisticamente malo ( ata España case lle gaña a Brasil) e politicamente antipático. Foi outro lóstrego baldío do talento holandés, descubriunos a Mario Alberto Kempes, e anticipou as excelentes tardes que catro anos máis tarde ía principiar a realizar a Francia de Platini.

Etiquetas: ,

3 Comentarios:

Anonymous Anónimo said...

A Cardeñosa caeulla o balón no pe dereito, pero tempo tivo de cambialo para o esquerdo e volvelo a pasar para o dereito varias veces...
¡Ai, ai, aquel 6-0 de Arxentina a Perú, xusto o que necesitaba para superar a Brasil e pasar á final...!
Dou que pensar.

8:32 da manhã  
Blogger Raposo said...

O recordo mais nítido de Cardeñosa é ese "gol" ante Brasil. Son imaxes que quedan para sempre: como o penalti de Djukic, a man de Deus de Maradona, o gol que lle meteu Ronaldo o Compostela, etc.

7:19 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Coido que temos unha maior tendencia a lembrar aquilo que non sucedeu pero podía ter sucedido. E non só nos deportes, tamén na vida.

1:30 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home