28 novembro 2007

Kaspárov na cadea

Garry Kaspárov leva tempo indo sempre en contra de quen goberna Rusia: Gorbachov, Yeltsin, agora Putin. Deixou o taboleiro escaqueado para se meter na perigosa vida política rusa. Agora está na cadea.
Mentres habita as mazmorras eu recomendo encarecidamente a lectura do libro que presentou por estas latitudes haberá un mes: "Como a vida imita ao xadrez", con especial utilidade para empresarios e políticos.

Etiquetas: ,

26 novembro 2007

O espectáculo do outono


Volvo contemplar, sempre marabillado, o precioso espectáculo anual dos ginkgos bilobas do Campus Sur de Compostela. Ao chegar o outono dóuranse as súas peculiares follas, e vagariño van caendo sobre a herba, formando unha mesta alfombra de dúas cores. Levo vinte anos vendo isto, e non me canso.
En Compostela, aparte dos catro ginkgos do Campus Sur, tres no estanque e un femia no xardín do Rodríguez Cadarso, coñezo a existencia doutro na Biblioteca Xeral, e doutro no aparcadoiro do D.I.A. en Vidán. Recoñezo a miña pequena obsesión con esta árbore, sobrevivinte aos maiores pecados.

Etiquetas:

22 novembro 2007

Vigo, de Helena de Carlos

Agradézolle a Mon Serodio a recomendación que me fixo hai poucos meses sobre a poesía de Helena de Carlos. Dicía ela que algúns dos seus poemas fixéronlle emocionar.
Con tan xeneroso convite achegueime á Libraría Couceiro e merquei "Vigo".
Magnífico poemario, que tamén a min me retrotrae a tempos que xa van indo vellos, con arrecendos de Plásticos Trevinca, calzados Gorila ou vaixelas Duralex.
Achéganme a ela menos de seis graos de separación, e lendo os seus poemas volvo lembrar:
a) Helena de Carlos adícalle o libro a un home que me cae xenial: outro poeta e xornalista que é un moi bo tipo. E un respectuoso e curioso observador das partidas de xadrez. Ademáis, foi un dos fundadores do centro xuvenil onde eu pasei moitas horas na miña adolescencia: Abertal. E cando alguén que andaba tras o soño dun xornal no idioma galego me preguntou sobre quen eu vía como posible director daquelo que nunca naceu, eu dixen dous nomes: Un, o de este home cun apelido que me leva á miña infancia; dous, o doutro home que daquela estaba en Nicaragua e agora vai de paso. Curiosamente, poucos anos despois, vin que compartían mesa de traballo.
b) Helena de Carlos é a filla dun profesor inesquecible por aqueles que o coñeceron. O meu irmán maior, que o gozou no Instituto, lembra a mixtura de sabiduría e de humor peculiar. Conta a lenda que un alumno que mascaba chicle coa boca aberta no medio da clase, foi interrogado por Leónides de Carlos: "¿Onde está a diferenza entre unha vaca rumiando e vostede?", para se contestar el de seguido: "Na mirada intelixente da vaca".
Di o meu irmán que nos eramos veciños da familia de Carlos, que seica vivían dous portais antes que o noso. Non lembro eu tal cousa, pero si os rebumbios na rúa, parando a pelota cando ía pasar un coche. Ou os partidos detrás dos edificios, por onde vai agora a rúa San Amaro. Os balóns estragados polas trabadas de Laika, a cadela dos Zarauza. Ou a parada respectuosa cando nos interrompía un automóbil cara o chalet dos Alfageme; xente de moitísimos cartos, pensabamos tódolos nenos, porque o chófer do coche non saía do mesmo para abrir o portalón do garaxe, senón que desde dentro do auto e dándolle a un botón, dun xeito asombroso, abríase soa a porta.
c) O libro que merquei en Couceiro, logo de ser lido - devorado - por min, foi regalado a miña cuñada. Foi ela compañeira de Helena de Carlos no instituto, e alí fixéronse amigas ( supoño que tamén andaría por alí a que logo sería compañeira de Alexandre Cribeiro ). Dinme que ademáis de seres a máis lista da clase tamén era moi boa compañeira. Todas as referencias sobre a autora sonche boas, pero ademáis saliulle un libro - e concordo con Arume e con Mon- excelente e capaz de emocionar.

Etiquetas: ,

15 novembro 2007

Xeografía do condón

No número de outubro-novembro da edición española da revista "Foreign Policy" , Miguel Fontes e Peter Roach asinan un pequeno pero interesante estudo sobre o comportamento sexual das persoas atendendo a distintas variables: nacionalidade, media de compañeiros sexuais, porcentaxe de relacións sen protección, promedio de penetración das enfermidades de transmisión sexual e idade media da primeira relación sexual. Asemade, tamén hai gráficas segundo o sexo, estado civil, nivel de renta e preferencias sexuais.
Todo en dúas páxinas grazas a un excelente deseño.
Como os interesados en todo o seu contido poden visitar o enlace, só subliño que en España a primeira relación sexual compártese aos 17 anos, un 25 % das persoas mantiveron relacións sexuais sen protección, un 5 % están padecendo algunha enfermidade de transmisión sexual e a media de compañeiros sexuais ao longo da vida é a de 6.
Curiosos datos.

Etiquetas: ,

14 novembro 2007

Cardume

Vai pasar tempo antes de que o poida ler. Pero anticipo a mellor das predisposicións porque a súa autora tivo a coraxe e afouteza de traducir a obra máis difícil dun dos meus autores favoritos: a maior brincadeira literata da historia.

Etiquetas:

Riquiño

Lembro a noxenta publicidade do brandy que levaba o nome do monarca español que foi o mellor alcalde de Madrid: "Cuando dos están bien, Carlos es el tercero".
Por mor da publicidade de Gadis decátome de que as rapazas cando me dicían "que riquiño eres", eu tería que ter traducido: "eres para min como un irmán".
Por conseguinte, síntome totalmente identificado co seguinte spot:

Etiquetas:

A quien más dolor me causa

A mellor entrada para tres libros soberbios. Posteriormente tamén unha excelente serie de televisión.

Eu tamén quixen ser Carlos Deza.

Etiquetas:

05 novembro 2007

8 cousas ( películas )


Agradecendo a Arume e Mario o convite, coido que o xeito máis orixinal ( e non é moito ) de resposta pode ser mediante películas que fican na miña memoria.

1: "O Compromiso". "The arrangement"
Tentativa de suicidio, adulterio. Esta segunda non é agora delicto, pero aínda eu me lembro lonxanamente dun serán da transición que nun "telediario" anunciábase a despenalización do amancebamento e do adulterio.

O Compromiso pasa por ser unha das películas menores de Elia Kazan. Porén, para min, é o resumo final da súa obra artística. Lin non hai moito a novela homónima - evidentemente con moito de autobiografía dentro - feita por el mesmo, e como o avestruz prefiro o celuloide á celulosa.
Un home agoniado pola muller, pola amante, polo pai, polo traballo, polo nivel de vida que os demáis desexan que conserve. Un home que o único que quere é estar deitado na herba vendo pasar as nubes.
Magnífico Kirk Douglas, como sempre. Feito curioso: o pai del nesta película (Richard Boone), na vida real era mais novo ca el.

Elia Kazan fixo verdadeiras obras de arte, pero como Caravaggio, semella recomendable afastar a súa vida do seu traballo. O que sei del como persoa convida á desconfianza e mesmo ao desprezo. Pero conseguiu que as súas películas tiveran vida propia, que amosaran as persoas e as súas contradiccións.

2: "Lume no corpo". "Body Heat"
Asasinato. Avogado.

A clásica historia pero contada como nunca por un director na súa ópera prima. Fai moitísima calor na Florida, os corpos non paran de suar, e no medio daquela humidade un comprende perfectamente os actos que decide realizar o avogado Ned Racine, interpretado convincentemente por William Hurt. Supoño que eu ( que calquera) naquelas circunstancias ( ou como Burt Lancaster ante Ava Gardner en "Foraxidos" "The killers" ) actuaría igual se o que está diante é o corpo, a boca, as curvas e a voz de Kathleen Turner.
A miña admiración por Lawrence Kasdan, a súa dirección e por riba de todo, polos seus diálogos:
a)
- Necesito unha muller que me alise as sabas, que de unha masaxe aos meus cansados músculos.
- Case.
- Necesítoa só para esta noite.

b)
- Non debes vestir así.
- Non sei a que te refires, isto non é máis que unha camisa e unha saia
- Entón non deberías levar ese corpo



3: "Testemuña de cargo". "Witness for the prosecution".
Cine de xuízos. Avogado

Un venres á noitiña, ao remate desta película no programa "La Clave" dirixido por Jose Kuis Balbín, eu dixen "quero ser avogado", (duroume o que tardei en ver Starsky e Hutch e decidir ser policía, ou ver Lou Grant e ser xornalista).
Cómo non querer ser coma sir Wilfrid Robarts nesta película hithcokiana dirixida por Billy Wilder sobre un texto de Agatha Christie?
Mostra inequívoca de que Billy Wilder sabía as chaves de tódolos xéneros cinematográficos - agás o western, que non se atreveu a realizar -.

4: "Milagre en Milán". "Miracolo a Milano"
Expropiación

Unha fábula preciosa que remata o neorrealismo ( que deixa a súa herdanza nas esceas iniciais) e que é un marabilloso alegato a favor da solidariedade entre os homes. Cada vez que vexo un debuxo de Forges nos que aparecen poderosos banqueiros alí volto a esta película con recendo chapliniano.

Como dicía o admirable De Sica, ao cabo van todos xuntos, non importa se cara leste ou oeste.


5: "A costela de Adán". "Adam's Rib"
Cine de xuízos. Avogados

Podería ter escollido outras de George Cukor ( Historias de Filadelfia é insuperable), pero esta é clásica pola súa actual oportunidade, e porque as sucesivas visións non a empequenecen senón a agrandan. Spencer Tracy foi posiblemente o mellor dos actores de Hollywood ( mañá opinarei que o mellor foi Henry Fonda ou Cary Grant ou James Stewart... ) e nesta película resulta conmovedora a súa interpretación dun home agarimosamente impaciente e no fondo irrefutablemente triste.
E a canción sigue na memoria.

6: "Tres cores: Vermello". "Trois couleurs: Rouge"
Escoitas ilegais. Xuíz

Síntome identificado con dous personaxes. Sinto que un deles foi escrito e vivido por min. Non é a primeira vez que o cine de Kieslowski - e a música de Preisner - me provocan tales reaccións. Doe de tan real que é.


7: "Atraco ás tres". "Atraco a las tres"
Roubo.

No medio do franquismo gris ábrese unha xanela alegre de puro arte. Demostra que a comedia é o mellor instrumento para facer crítica. Descobrimos como eran as relacións entre homes e mulleres naquela época, ou as clases sociais. Jose Luis López Vázquez, Manuel Alexandre ou Alfredo Landa merecerían un monumento agora que están vivos. A película de Forqué vale máis que cen conversacións de Salamanca porque confirmando aquel resumo tamén se demostra que no medio do alcatrán, ás veces, sae unha flor.

8: "O home que matou a Liberty Valance". "The man who shot Liberty Valance"
Homicidio.

O grande John Ford principia a se decatar que os tempos van mudando. Con esta película, resumo de todas as do "Oeste", culmínase unha carreira deixando como herdanza este western crepuscular, nas que as paisaxes trocaron definitivamente. Compróbao o senador e a súa muller cando voltan ao funeral dun home bo, digno e infinitamente triste na súa desesperación. As imaxes falan de sentimentos aínda que os personaxes non digan nada. Qué ben están James Stewart e John Wayne, xunto coa figura totémica dese actor de corpo inesquecible, Woody Strode.

Etiquetas: ,