31 dezembro 2007

2007

Remata o 2007, e se as horas que faltan non me contradín, podería dicer que foi un ano bo: Na familia houbo unha alta e ningunha baixa; e dende alén mar anúncianos outra alta para o vindeiro curso. Tiven traballo e gardo ansias por facer e encetar novas aventuras. Non estaría mal que as cousas se repetisen de eiquí en 366 días.
Houbo sombras: dende Ourense as inquedanzas de saúde dun bo curmán, que segue a loitar. Desexo seguir vendo como medran os nenos, e mudan as árbores.

Outras cousas: Cine: o mellor que vin foi "Das leben der anderen".
Teatro: Excelente: "Noite de Reis" do CDG.
Literatura: As obras que me quitaron horas de sono, porque non era capaz de as deixar sen rematar, procedían da autoría de Domingo Villar, Rubén Ruibal e Eduardo Blanco Amor.
Na que se xuntou máis pracer e ansia de coñecemento foi "Historias del Calcio".
E a relectura máis gorentosa: Red Harvest.
Música: Espido, Marful, Nordestinas.

E eu non digo nada.

Etiquetas:

28 dezembro 2007

Plácido

No momento de escribir estas liñas poñen na 2 unha obra mestra do cine: "Plácido".
Niso das listas escribir é errar, porque o que pensas agora pode ser distinto dentro de cinco minutos: Cavilo eu que de faceres unha lista das melllores películas do cine español sen dúbida terían que estar presentes nos outeiros a devandita "Plácido", máis as do mesmo director "El verdugo" e "Bienvenido Mr. Marshall". E non andaría moi lonxe a por min adorada "Atraco a las tres". E das contemporáneas coronaríame ter ben arriba a "El año de las luces".
Afortunadamente seguen hoxe vivos algúns dos actores que fixeron posible esas marabillas: Manuel Alexandre, José Luis López Vázquez, Elvira Quintillá, Amparo Soler Leal, que fora muller do productor de "Plácido", Alfredo Matas.
E por suposto ao director Luis García Berlanga.

Ás veces penso que Jorge Manrique tiña razón, porque os tempos pasados, no cine, seica semelllan os mellores.

Etiquetas:

19 dezembro 2007

V Memorial Guillermo Domínguez Santos



Fago miñas as verbas de Manuel Portas, desde "El Correo Gallego":


O memorial de xadrez Guillermo Domínguez

MANUEL PORTAS. PROFESOR

Os que tivemos o pracer de convivir con Guillermo Domínguez, de desfrutar da súa sutil intelixencia, do seu críptico humor, sabemos que era moi pouco dado aos formalismos, ás celebracións pomposas ou ás conmemoracións protocolares. Mais se a algo concedería a licenza de pór o seu nome sería só a unha competición de xadrez. Lembro ben que, non hai tanto tempo, sempre había na Sala de Profesores do Instituto Xelmírez un par de taboleiros de xadrez. Non era difícil ver partidas a medio acabar, que ficaban interrompidas á espera da nosa saída das aulas. Guillermo nunca andaba lonxe daqueles taboleiros. Ou ben xogaba, ou ben comentaba, mais nunca permanecia indiferente aos movementos das pezas. Desa querencia colectiva polo xadrez, capitaneada por Guillermo, nacían as competicións internas no centro na celebración das Semanas Culturais. Dese gusto polo xadrez foi que naceu tamén a idea da creación dun club, o Club de Xadrez Nemenzo, que mantén aínda viva a súa actividade.

É pois de xustiza que o mundo do xadrez compostelán lle renda homenaxe a Guillermo Domínguez, colaborador que foi tamén de El Correo Gallego, coa celebración dun memorial que lembra a súa figura todos os anos. O pasado sábado, día 15 de decembro, e no inmellorábel marco da Casa de Europa, os clubs composteláns Nemenzo, Algalia e Universidade de Santiago, organizaron o V Torneo de Xadrez Memorial Guillermo Domínguez.

Nesta edición, en que participaron preto de duas ducias de xogadores e xogadoras, as partidas tiveron unha duración de 15 minutos para cada participante, xogándose segundo o sistema suízo, a sete roldas. As persoas que competiron puideron facelo individualmente ou en remudas; é dicir, para completar as sete partidas, puideron sucederse sete xogadores, que tiñan que comunicar a circunstancia no momento de dar o resultado. De acordo coa idea xurdida do propio Guillermo Domínguez, neste torneo está permitido desenrocar e, logo de o facer, enrocar para o lado contrario. No sistema de desempate, ten sempre prioridade o número de desenroques realizados. Como non podía ser doutra maneira, para un torneo tan singular, os premios foron tamén especiais: dez baños no Balneario do Tremo, en Brión, e varios libros cedidos pola editorial Toxosoutos.

Entre os xogadores máis destacados que participaron, compre salientar a Diego Suárez Pousa, cun nivel que o vai converter axiña en mestre internacional, a Dan Cruz Álvarez de Ron e a Carlos Pena, xogadores da categoría preferente de Galiza, do Club Universitario de Xadrez e do Club Algalia, a Cristina Filgueira, unha das xadrecistas galegas máis destacadas, tamén do Universitario, e a Xosé Luís Veiga, tamén do Universitario, que resultou ser o primeiro clasificado, sendo como é o maior impulsor do xadrez compostelán e galego desde hai máis de dúas décadas.

Seguro que Guillermo, co seu eterno Davidoff pendurado dos labios, non perdeu ningún dos movementos das partidas do sábado.

Etiquetas:

08 dezembro 2007

Madrid. 2

Todos os habitantes de calquera vila media galega caben nun edificio calquera de estes, que conseguiron que as cercanas torres KIO semellen miniaturas na comparanza.
No solar onde se erguen estos monstruos non ha moito tempo se xogaba ao fútbol. E ben perto de alí, na Residencia Sanitaria La Paz - que linda verba tan mal usada -, morría o anterior Xefe do Estado.
Haberá xente que lle goste experimentar o de Jonás ou Pinocho. Non é o meu caso. "Onde pise o boi".

Saíron contentos todos: O Club de Fútbol ficou coas débedas enxoitas, o seu Presidente fixo negocio, o Concello gañou cartos: ¿a quen perxudican os pelotazos?

Cada vez me gustan máis os edificios horizontais. Vou contracorrente. Non me importa.

Etiquetas:

Campus Sur 2

Só dura unha semana ao ano... pero é tan fermoso.

Etiquetas:

Madrid. 1



Debemos estar perto dos cero grados, aínda non son as nove da mañá. Saio do metro na Praza da República Arxentina e vou pola rúa Serrano abaixo: Unha preciosa avenida que me semella transportar a unha cidade ben distinta á que estou. Paso ao carón de embaixadas merecentes dunha capa de pintura, de direccións xerais, de fundacións, de institutos que acollen un importante club deportivo, e de súpeto atopo as inmensas facianas en bronce de Severo Ochoa e Ramón y Cajal. Ao entrar nos xardíns do CSIC a miña mirada póusase nas verbas latinas da fachada principal: no templo do coñecemento aínda non chegou a Lei da Memoria Histórica.

Etiquetas:

05 dezembro 2007

Noite de reis

Azzurro: Facía moitísimo tempo que non o pasaba tan ben no teatro coma onte no Centro Cultural Caixanova de Vigo, vendo Noite de Reis do CDG.

Premonición: Aínda que non é sinxelo destacar a alguén, eu declaro a miña admiración polo traballo de Víctor Mosqueira e Rebeca Montero, que desexo sexan premiados no seu momento.

Hoxe: Volven hoxe representar en Vigo. Paga moitísimo a pena ir ver esta obra.

Música: Excelente a selección musical e máis os músicos. E a luz, e o vestiario, e...



Etiquetas: