19 dezembro 2007

V Memorial Guillermo Domínguez Santos



Fago miñas as verbas de Manuel Portas, desde "El Correo Gallego":


O memorial de xadrez Guillermo Domínguez

MANUEL PORTAS. PROFESOR

Os que tivemos o pracer de convivir con Guillermo Domínguez, de desfrutar da súa sutil intelixencia, do seu críptico humor, sabemos que era moi pouco dado aos formalismos, ás celebracións pomposas ou ás conmemoracións protocolares. Mais se a algo concedería a licenza de pór o seu nome sería só a unha competición de xadrez. Lembro ben que, non hai tanto tempo, sempre había na Sala de Profesores do Instituto Xelmírez un par de taboleiros de xadrez. Non era difícil ver partidas a medio acabar, que ficaban interrompidas á espera da nosa saída das aulas. Guillermo nunca andaba lonxe daqueles taboleiros. Ou ben xogaba, ou ben comentaba, mais nunca permanecia indiferente aos movementos das pezas. Desa querencia colectiva polo xadrez, capitaneada por Guillermo, nacían as competicións internas no centro na celebración das Semanas Culturais. Dese gusto polo xadrez foi que naceu tamén a idea da creación dun club, o Club de Xadrez Nemenzo, que mantén aínda viva a súa actividade.

É pois de xustiza que o mundo do xadrez compostelán lle renda homenaxe a Guillermo Domínguez, colaborador que foi tamén de El Correo Gallego, coa celebración dun memorial que lembra a súa figura todos os anos. O pasado sábado, día 15 de decembro, e no inmellorábel marco da Casa de Europa, os clubs composteláns Nemenzo, Algalia e Universidade de Santiago, organizaron o V Torneo de Xadrez Memorial Guillermo Domínguez.

Nesta edición, en que participaron preto de duas ducias de xogadores e xogadoras, as partidas tiveron unha duración de 15 minutos para cada participante, xogándose segundo o sistema suízo, a sete roldas. As persoas que competiron puideron facelo individualmente ou en remudas; é dicir, para completar as sete partidas, puideron sucederse sete xogadores, que tiñan que comunicar a circunstancia no momento de dar o resultado. De acordo coa idea xurdida do propio Guillermo Domínguez, neste torneo está permitido desenrocar e, logo de o facer, enrocar para o lado contrario. No sistema de desempate, ten sempre prioridade o número de desenroques realizados. Como non podía ser doutra maneira, para un torneo tan singular, os premios foron tamén especiais: dez baños no Balneario do Tremo, en Brión, e varios libros cedidos pola editorial Toxosoutos.

Entre os xogadores máis destacados que participaron, compre salientar a Diego Suárez Pousa, cun nivel que o vai converter axiña en mestre internacional, a Dan Cruz Álvarez de Ron e a Carlos Pena, xogadores da categoría preferente de Galiza, do Club Universitario de Xadrez e do Club Algalia, a Cristina Filgueira, unha das xadrecistas galegas máis destacadas, tamén do Universitario, e a Xosé Luís Veiga, tamén do Universitario, que resultou ser o primeiro clasificado, sendo como é o maior impulsor do xadrez compostelán e galego desde hai máis de dúas décadas.

Seguro que Guillermo, co seu eterno Davidoff pendurado dos labios, non perdeu ningún dos movementos das partidas do sábado.

Etiquetas:

1 Comentarios:

Anonymous Anónimo said...

Esta edición estuvo moi impregnada do sentido do humor marxista de Guillermo. Non só foi un torneo dunhas 16 persoas xogado como suizo a 9 rondas senon k algún xogador tomou identidades de forma rotativa de modo k un a casual xogador aleman, Vandermissen, se lle abriron desmesuradamente os ollos cando o seu rival se desenrocou. Vandermissen apenas falaba castelán pero acabou por decir k sí a todo sin comprender en absoluto nada ao ver como volvía a xogar co mesmo xogador con outro nome, e debeu acabar pensando aquelo de estan tolos estes galegos... Ao fin unha festa dos amigos de Guillermo no único torneo k según Veiga Goy nunca hai problemas por non haber árbitro. É de agradecer un ano más á muller de Guillermo, Elia así como ás suas fillas Ana e Clara a sua presencia e os seus agasallos. Tamén á irmá de Guillermo que acudeu á esta distendida e agradable cita cun lúdico xadrez k non existe nas competicións.

1:18 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home