30 janeiro 2008

Na morte de Fischer 2.

Robert James Fischer conseguiu algo fundamental: sacar o xadrez das escuras esquinas dos liceos e convertelo nun xogo moi popular. Antes da súa irrupción o xadrez era una afección para especialistas. No ano 1972 trocaron o signo das cousas, ao se converter Reijkyavik na capital da guerra fría, tan fría que a batalla dilucidábase, afortunamente, en sesenta e catro escaques; substituindo os reis, damas e bispos ás pelotas de tenis de mesa.

Unha das miñas poucas lembranzas da miña infancia pre-escolar sitúame vendo como os meus dous irmáns xogan unha partida co xadrez recén mercado mentres un di: "Spassky" e o outro resposta "Fischer". Eu aprendín a xogar vendo como xogaban eles dous. Son debedor, por tanto, de Fischer, de algo que foi moi importante na miña vida, tanto no aspecto económico, como sobre todo no de formación da personalidade.

Fischer tivo un estilo xadrecístico moi ecléctico: foi un loitador, non lle gostaban as táboas sen loita, e seguía as partidas ata que quedaran prácticamente os dous reis nús. Esa característica súa foi consecuencia dunha poderosa forza de vontade unida a unha moi desenvolta intelixencia práctica, pero dunha soa face: a xadrecística.

Tivo a coraxe e a afouteza de loitar, e despois vencer, aos mellores xogadores da súa época, os soviéticos, que tiñan aquilo do que el carecía: medios para o estudo, adestradores e a formación dun equipo que priorizaba as estratexias. Quero dicir, os soviéticos podían programar, vendo a evolución dos torneos, en que quendas sería conveniente descansar facendo táboas rápidas, ou onde situar as novidades de laboratorio, etc... Pola contra, doutro lado, estaba Fischer contra o mundo.

A victoria de Fischer no ano 72 tivo, xa que logo, un grande valor en canto consecución final, despois dun ímprobo esforzo, do resultado desexado dende a nenez: ser campión do mundo. Para acadar iso apalizou sucesivamente a Larsen e a Taimanov, venceu con holgura ao ex-campión armenio Tigran Petrosián ( foi máis avultado o resultado que o xogo amosado entre eles dous) para despois iniciar o famosísimo combate de Islandia.


Fischer xadrecista está dito case todo. A min interésame máis en canto modelo a non seguir. De nada vale, penso eu, ser campión do mundo do que sexa se a túa vida é un desastre. Se non eres feliz e non fas feliz aos teus.

O xadrez é unha poderosísima ferramenta educativa, que contribúe moi positivamente á formación intelectual e humana das persoas: Favorece a intelixencia, a memoria, a vontade, a toma de decisións, a atención, o cálculo matemático. Esas cualidades están recoñecidas públicamente pola Unesco. O xadrez é un medio magnífico se está ben utilizado. Un desastre, mesmo en persoas de tan alto cocente intelectual como Fischer, se non vai engadido dunha formación integral da persoa.

Eu penso que debería ser obrigatoria a ensinanza dun xadrez moi básico na escola para os cativos de seis ou sete anos. E logo de dous anos, convertila en optativa. E utilizar o xadrez como materia transversal nas asignaturas. Os experimentos feitos nese senso avalan os bos resultados da rapazalería que aprenderon o nobre xogo. En Galicia tivemos unha ocasión de demostralo
co Proxecto Xaque, realizado hai tempo no Colexio Público de Trazo e no que se experimentaba a integración do xadrez no proxecto curricular, con ese xeito de transversalidade.

O Proxecto Xaque foi dirixido a comezos dos ano 90 polo mestre Jesús Lojo Dávila, e estiveron ao seu carón no deseño, investigación e aplicación María do Rosario Palacio Sánchez e Ángeles Castiñeiras Piñeiro, ademáis do resto de colaboradores do CP de Trazo: Mercedes Rico Caulonga, Jose Luis Paradela, Isabel Sánchez Manso, María José Cedillo Pombo, Miriam Morán Sacristán e Paula López Fidalgo.

Quero deixar constancia das súas conclusións:

"A vista dos resultados da investigación concluimos que a aplicación do xogo do xadrez no grupo experimental do C.P. de Trazo, a traverso do método interdisciplinar foi altamente positivo en canto a: a) Intelixencia xeral b) Coordinación psico-motriz c) Habilidades e destreza manuais d) A propia dinámica do xogo do xadrez e) Coordinación didáctica entre os membros do profesorado. A nivel didáctico a integración do xadrez no Curriculum levouse a cabo gradualmente nas distintas disciplinas, aplicando o principio de interdisciplinariedade, con resultados igualmente satisfactorios: a) Autovaloración positiva da lingua galega como vehículo da cultura propia. b) Interiorizacióin dos conceptos da área de Ciencias (cálculo, xeometría, anatomía,...) c) Enriquecemento do vocabulario, composición e estudio das estructuras lingüísticas, obras, e autores literarios. d) Interiorización dos conceptos xeográficos establecidos. e) Desenrolo das habilidades e destrezas manuais, e potenciación dos valores estéticos a traverso do deseño e posterior construcción. f) Mellora das aptitudes psico-motrices e da propia orientación no espacio. g) Potenciación dos valores cívicos de convivencia."

A foto da tumba de Fischer saqueina de Chessbase.

Etiquetas:

29 janeiro 2008

Policía local de Vigo.

Decidín deixar correr algo o tempo para que o noxo fora pasando e logo non tivera que me arrepender do que deitara escrito.

Fun obxecto das amabilísimas e educadas atencións dalgúns membros da Policía Local de Vigo, co respecto e consideración que os caracteriza dende o tempo do compañeiro Soto, aquel lembrado alcalde que decidiu converter aos macarras de Coia en atentos servidores cidadáns poñéndolles o uniforme da Policía Municipal.

Tiven sorte. Ao cabo a miña indemnidade resultou intacta. A pesares de lles falar nunha lingua que non entendían, teño a fortuna de ter sido loiro e non un negro como Mamadou.

Por certo, flipo (expándeseme a mente, que diría Millás) coa política de indultos do Goberno central.

Ben. Agora, máis tranquilo, decido non facer nada, agás maldicir e desexarlles que a língua se lles pegue ao pad
al, que as súas ovellas perdan toda a lá no inverno, que teñan febre, calor ardente e sede, que teñan forúnculos malignos e incurables nos xeonllos e nas pernas, e demais cousas bonitas do Deuteronomio.

E volta á normalidade: Poñereime de contado xa a redactar o que penso na morte do gran Fischer.

Etiquetas:

22 janeiro 2008

Na morte de Bobby Fischer 1.

Dende o pasado venres, cando soubemos da morte de Bobby Fischer, moitos artigos foron saíndo destacando os caracteres máis salientabeis da súa peculiar personalidade.
Neste blog fixéramos non hai moito unha reseña ao capítulo que lle adicara Garry Kaspárov na sua monumental obra verso os anteriores campións do mundo.
Máis coronoume hoxe ver nas páxinas de "El País" unha emotiva carta ao director asinada por Daniel Pizá, unha persoa excepcional e un fenomenal xadrecista, a quen eu tanto lle debo a nivel persoal, e que moito lamento o afastamento dos kilómetros ( e do tempo ) que agora nos separan - que non do cariño que lle profeso.

Velaí esta carta do maior especialista do mundo dos Beatles, e asemade o único arxentino a quen non lle gosta o fútbol.

Aínda que non saibas da existencia desta páxina, irmán Daniel, notarás unha aperta virtual.

Etiquetas:

03 janeiro 2008

Jorge Ben

Probablemente o cantante brasileiro máis coñecido sexa Caetano Veloso - con permiso de Roberto Carlos ( non o futbolista). A meirande parte da xente, por pouco informada que esté, sóalles Chico Buarque ou o ministro Gilberto Gil. Pode que algo máis lonxanos fiquen Joao Gilberto, Tom Jobim ou o excelentísimo Vinicius de Moraes.
O Brasil é realmente un continente, e a música brasileira é a efectos prácticos infinita.
Pero eu creo que o músico máis subvalorado de entre todos os máis grandes músicos do mundo é Jorge Ben.
Agora que podo volver escoitar música de cd's no coche, acompáñame o "Samba esquema novo" do siareiro do Flamengo. E mentres consumo kilómetros creo ouvir reminiscencias jazzísticas que serían do agrado de Henry Mancini.
Jorge Ben é un xenio. Capaz, durante a súa propia vida, de que moita xente pense que as súas composicións son "populares", que xa forman parte do ser brasileiro. E capaces tamén de sobrevivir ás versións máis disparatadas.
Alegres, románticas e melodiosas, a súa escoita lévame a abrentes azuis dalgún verán vigués de cando aínda existía a señora Francis, coa brisa do Castro entrando pola xanela aberta e as melodías de Jorge Ben convidaban a sorrir.









Etiquetas: