31 março 2008

O Celtiña

Eu debía ter oito anos e recibín unha chamada telefónica de Velle na procura das miñas preferencias futbolísticas, xa que o regalo de Primeira Comunión que ía chegar dende as ribeiras do Miño consistiría nun uniforme completo: camisola, pantalón curto, medias e botas con tacos de plástico. ¿Real Madrid, Barcelona, Selección española?, preguntaron. Por favor, lembro ben a resposta, eu son do Celta.
Na tardiña dun xoves festivo, Corpus Christi, estrei na praia do Vao o uniforme do Celta co número catro ás costas, medias brancas con raias celestes horizontais: Non esquecín nunca o regalo da miña curmá maior: Fun feliz, como non o volvería ser ata moitos anos máis tarde cando me declararon inútil total (para facer o servizo militar... pero iso é outra historia.)
Desde a ausencia de Eduardo Rolland das páxinas do Faro só adoito atopar pracer intelectual lendo os artigos, sempre excelentemente escritos, de Armando Álvarez, ben sexa sobre deportes ou sobre a televisión.
Na actualidade é o mellor escritor-xornalista que ten o Decano da Prensa estatal ( deixo fora, claro, os artigos de Millás ou os de Ferrín e a agudeza metade cándida metade aceda do Sr. Ponte, pai da modelo Laura).
Cómo non estar de acordo co diagnóstico certeiro do domingo pasado?
Voltaremos sobre o tema, porque o Celta, o Celtiña, é a única relixión que agora profeso e que de certo manterei mentras vivamos - eu e o Celta (que a este ritmo é probable que feneza o Celta en moi pouquiño tempo... mágoa).

Etiquetas:

28 março 2008

Nova Biblioteca

Hoxe inaugurouse en Compostela a Biblioteca Pública Anxel Casal, coa presenza do Presidente da Xunta, do Ministro de Cultura en funcións e máis a Conselleira de Cultura.
Leva o nome de Ánxel Casal o editor compostelán que durante cinco meses foi alcalde da capital galega, ata que o 20 de xullo de 1936 fora destituido de facto pola "autoridade militar" que se ergueu contra a República, para posteriormente ser detido o 4 de agosto e asasinado en Cacheiras na noite do 18 ao 19 de agosto daquel infausto 36.
Ánxel Casal tivo a honra como editor de publicar os "Seis poemas galegos" de Federico García Lorca, o cal, nunha lamentable coincidencia , tamén foi asasinado o mesmo día que o seu editor galego.

Etiquetas: ,

27 março 2008

Premios María Casares

Estamos no Día Mundial do Teatro. Hoxe entregaranse os Premios María Casares. E horas antes estou expectante, con sentimentos encontrados, ás veces gaña o corazón e outras o cerebro, e recoñecendo que nalgunha categoría aledareime polo gañador pero lamentareime polos que non gañen, xa que este ano é de boa colleita.
Desexaría que dous premios foran para aqueles que xa loubei nun comentario anterior: Rebeca Montero e Víctor Mosqueira polas súas excelentes interpretacións de Noite de Reis.

Etiquetas:

13 março 2008

Voto por correo: Exercicio do dereito

Unha nova dun xornal faime plantexar algunhas dúbidas sobre o voto por correo que de contado sinalo:

a) Cándo se perfecciona o exercicio do dereito a votar por correo? Cando se entrega o voto nas oficinas de Correos? Cando o voto extraído da saca de Correos é introducido na urna?

b) Dependendo das respostas anteriores saberiamos se unha persoa que emitira o voto por correo podería - ou non - acudir ao Colexio Electoral e votar presencialmente.

c) Qué pasa, logo, se unha persoa morre despois de emitir o voto por correo e antes das 00:00 horas do día da votación? Ou se morre entre as 00:00 horas e o momento de se abrir os Colexios Electorais? Ou se morre despois de abertos os Colexios pero antes de que o seu voto sexa introducido na urna?

Eu discrepo da resposta chave a estas preguntas que fica nas propias normas que regulan os procesos electorais: "Non poden votar persoalmente, na mesa electoral, os que exerceron o dereito a votar por correo."

Xa que a resposta ao punto b é que non se pode votar persoalmente, deducése que esa prohibición é para evitar a duplicidade de voto e por conseguinte considérase que o voto xa foi emitido, aínda que non entrara fisicamente na urna ( os votos por correo son os derradeiros ).
Por certo, a solución dada nas eleccións as federacións deportivas é máis sinxela: O voto por correo é válido se o interesado non emitiu persoalmente o seu voto con anterioridade.

Pasamos ao punto c: O teu voto xa está enviado por Correos, e de acordo co punto b é irreversible a decisión... O problema aparece coa morte do cidadán: Pódese introducir o voto na urna se o pasamento ocurriu nalgun día anterior ao das eleccións? Para min está clara a resposta no senso de que se debe introducir o voto na urna se o falecemento acaece despois das 09:00 horas, e que non - en contradicción coa resposta chave - se foi en días anteriores. Pero que decisión tomar se a persoa morre entre as 00:00 e as 09:00 horas?

Estas discusións, bastante bizantinas, lémbranme aquelas que tiñamos en dereito penal verso a calificación xurídica da morte voluntaria dun bebé nacendo: Se matan ao bebé xa fora do corpo da nai pero sen cortar o cordón umbilical, é aborto ou homicidio?

Etiquetas: ,

10 março 2008

Parabéns

no teu día
nesta data querida
moitas felicidades
moitos anos de vida


Etiquetas:

06 março 2008

Javier Bardem


Levei unha boa alegría o outro día cando lle deron o Oscar a un tipo que me parece honesto e coherente, e un excelentísimo actor, capaz de se transformar completamente en calquer persoa que poida imaxinar se está detrás un bo guión e unha precisa dirección.
Di o imdb que o primeiro papel como actor de Javier Bardem foi na serie "El Pícaro" de Fernán Gómez cando era un neno moi pequeno.

Porén, eu teño clara a miña primeira lembranza del, da que non atopei copia nos mergullos internet por dentro: Bardem debería ter entre dezaseis e dezaoito anos, e saía figurando e cantando no videoclip de "Los Sencillos" chamado "No, por eso no (quiero que tú te vayas de aquí) ".

Deixo en consolación a foto sacada do ebay.

Etiquetas: ,

Andie McDowell

Faloume un colega desta vella amiga común case de pasada, como quen non quere a cousa. Eu, que sempre procuro similitudes e fago comparanzas, chamábaa para min "Andie McDowell" por un certo ( probablemente algo lonxano) parecido coa actriz, aínda sendo ela oriunda de Ourense. Durante un tempo, haberá dez ou doce anos, cando os dous estabamos sós, no medio da tormenta - en terminoloxía de Waugh - pasamos bastantes horas xuntos. Pero non se prendeu lapa ningunha ( covarde eu), e agora - quince kilos máis pesado e con menos pelo e xa menos loiro - só podo cavilar naquelo que non foi e nunca será.
Lembro eu os bocadillos do Zascandil na Algalia de Abaixo, cando soaba esta canción que tamén me levaba a ela.

Etiquetas:

Ópera Prima

O mellor xadrecista galego contemporáneo dos últimos anos (aínda que nado en Madrid) regálame a primeira película de Fernando Trueba. É Matías un dos meus personaxes favoritos de ficción: cámpanlle ben esas cirolas longas que loce segundos antes de se deitar - sen deixar de falar - coa rapaza bohemia.

Obra notable para ser a primeira dun autor, cunha meditada linguaxe visual.
Recoñezo ter usado algún consello de Antonio Resines, e ter admirado a unha excelente actriz: Kiti Manver.

Etiquetas:

05 março 2008

Paulino

Paulino Vázquez é un amigo: persoa de conviccións propias - heterodoxas-, poeta culto, xadrecista entusiasta. Lembro con agarimo a miña primeira viaxe a Andalucía, ( Linares, Granada e Córdoba) guiados por Guillermo Domínguez e na compaña de Paulino, María José Varela e Xosé Luis Veiga Goy. Houbo un tempo que eu vía case tódalas noites no Atlántico a Paulino, que viña co Tristram Shandy baixo o brazo, entusiasmado que estaba daquela coa súa lectura ( anos despois descobrín eu pegadas de Sterne na excelente "Vida: modo de emprego" de Perec).
Hoxe pola tarde volvino ver nas rúas de Compostela. Ía ledo: vai volver ser pai en pouco tempo e xustamente hoxe estaba de aniversario.
Parabéns e moita felicidade, Paulino e familia.

Etiquetas:

03 março 2008

Non máis maiorías absolutas

Subscribo punto por punto o escrito polo imprescindible Javier Ortiz.

Etiquetas: ,