15 abril 2008

Berlín oriental

Outra vez, onte, volveron botar na televisión a estupenda "Good bye, Lenin" de Wolfgang Becker, co magnífico Daniel Brühl e a namorable Chulpan Khamatova.
As primeiras recomendacións que tiven desta película chegaron de R. e L. ( comprometidos a me enviar unhas fotos de Berlín: aínda agardo) cando iniciabamos unha viaxe a Salamanca.
Ao remate onte da película, cando volvía escoitar o himno da DDR, que tanto soaba daquela nas nosas vidas, nas retransmisións deportivas, lembreime das bromas do barrio nos calurosos seráns de xullo sobre a invencíbel Ute Geweniger, ou anos atrás, o gol de Sparwasser que adiaba ata a final o enfrontamento entre a Holanda de Cruiff e a Alemania de Beckembauer.
Qué bonita película.

Etiquetas:

13 abril 2008

Na Palestina

Pasa da unha da madrugada e sigo en pe. A causa non é outra que a lectura marabillada dun libro que, a non tardar, convertirase nunha obra clásica do seu xénero, digna do admirado Kapuscinski: Refírome a "Fin de século en Palestina" de Miguel Anxo Murado, editado en Galaxia, e que merquei antonte na Feira do Libro de Compostela, xunto a "Memoria de Ferro" de Antón Patiño Regueira e máis dous libros dos Bolechas, estes tres últimos editados por A Nosa Terra.

Aínda que non adoito acertar nas apostas, e que só levo consumidas a metade das páxinas coas que conta, arríscome a prever unha exitosa xeira ben merecida para este excelente libro.

Etiquetas:

11 abril 2008

Tedescos

Sempre a mesma historia: os alemáns non se renden, loitan ata o derradeiro segundo. E aproveitan moi ben eses instantes finais, cando o adversario está afundido de cansazo e nervos. Agás aquela final co Manchester, onde probaron a súa medicina, os alemáns teiman nas súas conquistas coa perseverancia de aqueles que non teñen sentimentos, só vontade.
Hoxe foi o Getafe coma hai 34 anos foi o Atlético de Madrid de Reina e Luis Aragonés.
Este carácter tan frío aprovéitano moi ben - a estatística non minte-, nas quendas de penalty, onde seica só perderon naquela final da eurocopa do 76, cando Panenka inventou unha obra de arte.

Etiquetas:

08 abril 2008

Debut de Mora

O pasado sábado pola noite, despois de volver ver na televisión a enésima axuda arbitral ao poderoso, fixen un rápido zapping coa TDT. Parei nunha canle da TVG onde ía empezar a retransmisión íntegra (por certo, moi deficientemente narrada, chea de favoritismos) dun vello partido: O Real Madrid-Barcelona da primeira temporada de Cruyff na Liga, a 73-74: o partido do 0-5, cando debutou o goleiro Mora cos blaugranas.

REAL MADRID C.F. : García Remón; Morgado, Benito, Zoco, Rubiñán; Pirri, Netzer, Velázquez; Amancio, Aguilar (Santillana, min. 46), Macanás.

F.C. BARCELONA : Mora; Rifé, Costas, De la Cruz, Torres, Juan Carlos, Rexach, Asensi, Cruyff, Sotil, Marcial (Tomé, min. 69).

Como era tarde e viña chegando Pedro Chosco só puiden ver a primeira parte. Co 0-0 o Madrid estragou unha oportunidade clarísima. Despois xa non houbo opción: había demasiada diferenza de calidade e de velocidade entre os equipos.

Mágoa que non estén suficientemente publicitadas a emisión destes partidos clásicos. E a seres posible co seu son orixinal.

Etiquetas:

04 abril 2008

Pero, qué broma é esta ?

Qué broma é esta?

Etiquetas:

Ménage à trois

É probable que no decurso da vida ésta che regale algún presente solicitado anos atrás. Supoño eu que esa podería ser unha explicación.
Non lembro o momento, de tal existires, onde eu pedín o desexo de non morrer sen ter practicado un ménage à trois. Calculo eu que cecais a altas horas da noite, no Maycar, no Ruta ou no Cactus, cando tentaba - case sempre con éxito - de esquivar as tentacións dos súcubos.
O feito é que dende hai case seis meses, e practicamente tódalas noites, durmo con dúas mulleres na miña cama. Tamén recoñezo que eu remato nunha esquina mentras as féminas ocupan case todo o espazo, e que elas pasan boa parte da noite nos seus asuntos, ben ledas as dúas, ignorándome por completo.
Debo dicir que a iniciativa de compartir leito foi, e segue sendo, da parte máis nova do trío. Eu non me neguei daquela, cando a curiosidade e o medo a cómo facer as cousas eran os principais ingredintes, e por conseguinte tampouco me queixo agora, cando a rutina xa está implantada na noite.
Despois de investigar un chisquiño na rede, descobrín que non me debo avergoñar do que pasa na miña casa polas noites, porque aínda que moita xente o nega é realmente algo moi practicado e mesmo totalmente natural. Hai quen chegar a dicir que é o máis desexable na nosa situación. Deixo un enlace onde se reflicte ben o que me pasa.

Etiquetas:

03 abril 2008

Memento Mori

Como semella que a vida vai indo por refachos, esta semana, no de que verdade importa, non foi nada agradable: O martes estabamos despedindo o pai dun bo amigo e o mércores acudín ao tanatorio para presentar os meus respectos a unha viúva de case a miña idade e con tres nenos menores ao seu cargo.
Cando as persoas se van deixan ronseis de memoria que fican nos seus seres queridos. Levo varias horas, un par de días, pensando na fugacidade da vida, "cuando el sol vuelva a brillar" que dixo Domínguez Bastida. Porque penso que o que imos construíndo ano tras ano ven sendo como un castelo de area na beira da praia. Sabemos que ao cabo chegará a maré e o vai levar.

Etiquetas: