25 junho 2008

Días de fútbol

Non vin moito fútbol nestes pasados días, pero agora, cando só faltan tres partidos para que remate a Eurocopa, devezo para que chegue o xoves e ver o Rusia-España. É probable que sexa o partido máis bonito que un poida ver nestes momentos ( o guión do Alemaña - Turquía de mañá sabémolo por anticipado: defensa numantina dos turcos ata que case o final do partido Podolski ou Klose ou Schanwsteiger meten o gol que levan, como sempre, aos tedescos á final), e de seguros nada terá que ver con aquel que os mesmos contendentes xogaron o día dez.
España ten bos xogadores de medio campo para adiante, e sempre mellora cando aparece Cesc, xogador moi interesante, capaz de combinar curto e longo, de pasar e de chegar ao remate. Rusia, pola súa banda, é para min a revelación da Eurocopa, e o seu partido ante Holanda unha pequena obra de arte asinada por unha réplica de Mostovoi: Arshavin, que en tan só dous partidos xa merece o calificativo de mellor xogador do torneo.
Coido que Rusia é lixeiramente favorita para estares na final: teñen mellor fondo físico - como se demostrou na prórroga doutro día - e Arshavin non será desactivado pola defensa española. Se España quere facer algo terá que xogar o balón con rapidez e ser moi verticais: se así fora veremos moitos goles ( a defensa rusa mesmo é peor que a española ) e pasaremos un bo rato. Todo un mundo comparado co tedio que mañá anticipamos será o partido entre teutóns e coruñeses ( aos que aínda por riba fáltalles Nihat, misión imposible).

Etiquetas: