20 novembro 2008

Crónicas gastronómicas. 1ª La romántica. Ourense.

La Romántica está ao carón do Miño, onde empeza a Ponte Nova (que de nova ten pouco, sendo como é a segunda máis vella, trala románica, das sete da cidade). Como teño boas lembranzas do sitio - realmente da sede anterior, nun local pegadiño ao actual - probablemente non sexa moi imparcial, pero qué importa, o que garanto é sinceiridade.
As lembranzas veñen da época cando era xogador de xadrez e ía xantar e cear alí durante as primeiras edicións do torneo Cidade das Burgas, do que fun fiel participante.
Volvo ao remozado restorán e todo sigue sendo moi semellante. Sen decoración nen adornos nen falta que fan. Moitas mesas simples, que a petición dos clientes vanse sumando convértendose en mesas para catro, ou para seis ou para oito. En horas puntas a ringleira de agarda divide a beirarrúa.
A carta é simple: algo de peixe, algo de carne, algo de pasta e bastantes pizzas. Escollo o máis caro con diferenza: solombo de vitela: 11,50 euros. Solicito ao solícito camareiro o pequeno troco de mudar a prebe de pementa branca por mollo de champiñón. Como teño que conducir pido auga: 0,80 o botellín.
Mentras agardo realízase o vello costume do lugar: obsequian cunha fontiña de ensalada: leituga, tomate e cebola xa aliñada. O pan tamén é de balde: anaquiños de barra, calidade moi discreta.
No entanto ollo ao meu redor: aforo cheo case ás tres da tarde. Clientes: parellas de traballadores manuais, parellas de namorados, un matrimonio vello coa súa filla e dúas netas, bastantes grupiños de rapazolos supoño que saídos das facultades próximas, parellas de mediana edade chegados de vilas da provincia que aproveitan a viaxe á capital (á Residencia, á Deputación, ao INSS) para comer alí.
Coa ensalada e o pan apareceu tamén a botella de auga: botellín de augas de Sousas, de Verín. Supoño que foi ao chou xa que na mesa da esquerda entregan botellíns de Cabreiroá, e na de enfronte tamén levan Sousas. Fago unha reflexión sobre o deseño das cousas: a botella de Cabreiroá e a súa etiquetaxe é moi moderna, resulta agradable, da boas sensacións. A de Sousas parece ser a mesma de hai trinta anos. Non fago comparanzas no sabor, quero pensar que a ambrosía será semellante, pero deduzo que a botella de Cabreiroá é máis cara, pero tamén que se venderá moito mellor, e que os consumidores pararanse máis con esta. Conclusión: a calidade, aínda que sexa nos continentes, paga a pena.
Miro ás mesas veciñas: mantense intacta unha característica galega pero aínda máis acusada en Ourense: as racións son enormes.
Dez minutos despois chega o solombo: Dous pedazos grandes, con cada un deles farían catro pratos nalgún restorán de dúas estrelas michelín. O mollo rico. Engádese unha fonte de patacas fritidas, normaliñas de todo, probablemente pre conxeladas. A primeira impresión é de que non vai ser posible acabar o manxar, pero a modiño, aproveitando a suavidade da carne, e o gorentoso sabor, a cantidade diminúe a eito. Ao cabo o prato quedou baleiro.
De sobremesa tamén a especialidade máis cara do menú: crema catalana xeada: 3,00 euros. Rica tamén.
Salín dalí con gañas de me deitar para facer a sesta, e satisfeito pola calidade da carne.
Prezo total: 15,30 euros. Relación calidade/prezo: Notable. Relación Cantidade/prezo: Matrícula de Honra.

Etiquetas:

4 Comentarios:

Blogger Victoria Pages and Cupcakes said...

Unha descripcion moi exacta. Tamén moi recomendable o cordon bleu con mollo de champiñóns

10:21 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Acertada crónica gastronómica

8:34 da tarde  
Anonymous Anónimo said...

Acertada crónica gastronómica

8:34 da tarde  
Blogger bouzafria said...

Graciñas Bea e Filomeno, supoño que a exactitude e o acerto débese a dicir que en Ourense as racións son especialmente grandes.

12:57 da tarde  

Enviar um comentário

<< Home