15 dezembro 2008

O caso Alba

De esguello, porque o asunto é tan noxento que non teño gañas de máis, voume enterando das novas que van xurdindo do xuízo á nai e padastro da nena Alba.
Enlazando pensamentos ratifícome na idea de que o estado de dereito que din que temos é máis nos papeis que na realidade. E que mentres a Xustiza vaia mal ( vai moi mal ) toda a engranaxe dun Estado que quere ser moderno non funciona. O descrédito absoluto do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Constitucional é boa mostra diso.
Pouca confianza merece un Estado que retorce as leis e inventa imputacións para impedir que reos coa condena cumprida poidan saír á rúa. Ou que a axenda de reformas penais sexa escrita por un pai cheo de dor... reformas que en vez de asumir a realidade vai optando por demagóxicos incrementos de penas nos delictos con menor susceptibilidade de incremento, mentras segue sen ser tratada a escandalosa - na miña opinión - resolución que finalizan os procedementos por homicidios "aparentemente" imprudentes na conducción de vehículos.
Ao grán: Unha das trabes básicas do dereito penal occidental moderno é a escrupulosa separación que debe existir entre acusado e víctima, argumento básico se queremos que a Xustiza mereza tal nome. ( Aproveito a mención ás víctimas para reiterar a miña repugnancia polo tratamento que fan e que os medios reflicten das asociacións de víctimas do terrorismo, que no canto de solicitar xustas pretensións de indemnizacións económicas e honras morais tratan, con bastante éxito, de influir nas pertinentes accións do goberno ).
Pero xustamente nos delictos como o que nos ocupa, ou naqueles de agresións sexuais, unha mínima empatía provoca os maiores sentimentos de repulsa, coa agravante engadida se pensamos en fillos ou mulleres coñecidas como potenciais víctimas. Por iso sería de agradecer o utópico desexo de tratamentos informativos menos sensacionalistas.
Como non parece que agora nin nun futuro máis ou menos cercano eses desexos vaian ser satisfeitos quero confesar a miña satisfacción de non ter traballado cando correspondía para fulanos como os que agora están sendo acusados, e quero confesar asemade a miña desconfianza da xustiza, que nestes casos nunca darán sentenza pacífica.
Si creo, e falo máis desde as visceras que desde o cerebro, que calqueira pena que corresponda aos que torturan a bebés ou a nenos é sempre inferior a que merecen.
Mal vai a sociedade cando no seu interior viven indivíduos tan covardes.

Etiquetas: