24 janeiro 2009

Simultáneas no Xelmírez


Pasaron xa algúns anos. Coordinados, como sempre, polo recente premio Vagalume Xosé Luis Veiga, e co apoio de Maurice, da Academia EuroStudio, trouxemos a Compostela un excelente espectáculo xadrecístico. O mellor xogador español do momento, Miguel Illescas, daría unhas simultáneas con reloxio contra dez dos mellores xadrecistas galegos, mentres mestres internacionais radicados no país como Boris Zlotnik e Daniel Rivera medían forzas con afeccionados locais.
Escollimos como local de xogo o pavillón do Instituto Xelmírez I coa complicidade do director, Manolo Portas, e do profesorado: Guillermo Domínguez, Foz, Xerardo.
Na foto podemos recoñecer a Antonio Míguez ( hoxe historiador ), a Brandán (publicista), máis para a esquerda a Lamas, Rozas, Agustín Sánchez. De pe semellan estar Eduardo García ( de Ribeira ) e Carlos Permuy, moitas veces campión galego. Creo entrever ao lonxe e lendo un xornal ao articulista Fernando González Macías, talvez tivera un fillo alí a xogar.
A esquerda, na esquina, inconfudible a testa de Guillermo Domínguez.

Aquel tempo non volverá pois a chegada da informática ao xadrez trocou de tal xeito a forma de adestrar que converte as lembranzas daqueles tempos en reliquias. Hoxe, a pantalla da computadora reflicte en segundos o que antes tardábase meses en achar. Como o río de Heráclito: mesmo xogo pero xa nunca o mesmo.

Etiquetas: ,

20 janeiro 2009

Publicidade política.

Hai algo máis dun ano ornaban Madrid uns cartaces publicitarios cuns coñecidos individuos da Villa y Corte ( como presentadores de Telemadrid ), que sostiñan nas súas mans un grande espello que reflictía as rúas da capital do Reino. A campaña da televisión pública madrileña pagada por Esperanza Aguirre levaba escrito un lema: "Espejo de lo que somos".
Eu non o podía crer. Cómo era posible que pasara o primeiro baruto unha frase que non por certa resultaba asemade groseiramente insultante para a lideresa? Pois resultou que pasou as sucesivas peneiras ata se converter nun irónico resumo da actualidade madrileña, nas mans, entre outros, de Sánchez Dragó ou a nunca ben ponderada Curri Valenzuela.

Cando eu estaba na EXB, nun colexio "de pago", os cregos repartiron fotocopias do Himno Galego, que rapidamente tivemos que aprender de memoria, e logo cantar. E o meu titor, un bo tipo, empeñouse sen éxito ( por culpa do encargado de o facer- eu ), en intentar facer un mini museo etnográfico na clase chamado "Galiza enxebre".
Hoxendía, os medios de comunicación máis reaccionarios armarían un escándalo se nun colexio público tiveran as iniciativas que daquela tiveron os profesores da privada.
Lembrando isto, D. comentou que no seu colexio de monxas unha delas aprendeulle a canción de Fuxan os Ventos que musicaba o poema de Manuel María "Meu carro". E continuou, esgrimindo argumentos económicos relativos ao derroche dos fondos estructurais europeos, "en vinte anos e de xeito irrecuperable o PP se cargou Galicia".
Pero hai quen pensa que vinte anos non é nada, e convócannos a axudalos a rematar o traballo empezado cando Fraga non estaba en idade de xubilación: Recargar Galicia.

Eu só teño un desexo: coronaríame que os publicistas que lle colaron a Esperanza Aguirre e a Alberto Núñez os dous lemas tan bonitos e esclarecedores das súas intencións, emitiran unha notabilísima factura polos servizos prestados, para que poidan brindar con Möet Chandon entre gargallada e gargallada por ter uns clientes tan agudos.

Etiquetas: ,

Nun estado de dereito...

Nun estado de dereito permítese que os individuos poidan dicer opinións libremente, por pintorescas, absurdas e ridículas que sexan.

Etiquetas:

17 janeiro 2009

Antisemitismo

Viena. Xaneiro. Neva nas rúas, vento forte e frío. Un bonito café ateigado de xente tomando chocolate moi quente. Dous xudeus érguense da mesa, pagan e diríxense á porta de saída. Ao saír deixan a porta totalmente aberta. A xente berra: "Hei, cabróns, pechade a porta". E un xudeu dille ao outro: "escoitas a eses antisemitas?"

Etiquetas: ,

15 janeiro 2009

Vida e arte

Hoxe polo serán escoitaba en RNE unha enquisa feita entre ouvintes da emisora verbo a influenza que poida ter a mala vida dos artistas na valoración que fagamos nós despois da súa arte.
De fondo escoitábase unha canción de Bertrand Cantat, o homicida da filla de Trintignant, que agora volve andar ceibo. O saber que a canción que ouvimos é cantada polo individuo ese, provoca que nos guste menos?
Na reportaxe posterior escoitabamos verbas de Giovanni Papini, de Jorge Luis Borges, de Céline, de Salvador Dalí, de Elia Kazan. Eu podo incluir da miña colleita a xente que admiro artísticamente: John Lennon, Woody Allen, Camilo José Cela ( tres libros nada máis, pero qué marabillas ), e que en troques non considero exemplo a seguir na vida.
A xente que contestaba sobre estas cuestións puña en evidencia a contradicción entre o arte creado e a vida levada. Discrepo, para min non hai tal contradicción senón a constatación da diferenza de dous planos distintos: a arte como ideal e a vida como imperfección absoluta. Nos meus soños non teño miopía, cámpame máis pelo na testa, quince centímetros máis ( de altura ) e quince kilos menos. O espello reflicte un covardica nugallán adicto aos bombóns.
Non podemos ( debemos ) criticar aos artistas - persoas comúns ao cabo - porque a súa arte creada sexa distinta a candasúa historia vital. Porque é distinto querer ser que ir sendo. E porque como moi ben dixo a esposa do prócer, non se poden sumar mazás con peras.

Etiquetas:

Saída, 2ª parte

Un amigo comentábame hai poucos días do malestar non disimulado que entre colegas do mesmo partido (PSOE) e goberno suscitaba un conselleiro da Xunta por unha relación persoal que viña ( ou ven, dame igual para o caso ) mantendo cunha socia enemiga.
A causa da incomodidade é absurda e descrebe ben ( realmente moi mal ) aos maledicentes. Pero o caso non é ese. Hoxe pola mañá lin en dous xornais a ausencia nas listas electorais deste persoeiro. Pode que non teña que ver un asunto co outro. Ou non. Pode que a ausencia non implique esquecemento no caso de ter que recuncar en responsabilidades. Ou non. En todo caso, o que eu pedía no comentario anterior aos da estrela pídollo agora aos da rosa e pedireillo cando sexa o caso aos da gaivota: un pouco de elegancia, por favor; que os ciclos da vida póñennos de vez arriba e máis cedo que tarde de volta abaixo, e se ben é asunto propio dos interesados ter presenza de espíritu para agoantar os debalos non o é menos a necesidade das institucións de amosar elegancia nestas situacións.

Etiquetas:

14 janeiro 2009

Saída

A flexibilidade da teoría do paisano ( dúas veces ) de Kennedy, Albert Otto Hirschmann da "saída, voz e lealdade", implica que poida aplicarse non só a estructuras institucionais ou empresariais senón a case tódolos colectivos de persoas que comparten, aínda que sexa durante un pequeno intre, un mesmo obxectivo común.
É probable que ese esquema triangular o podamos utilizar con bastante fortuna para analisar a previa da confrontación electoral do 1 de marzo, pero cando menos sérvenos a súa lembranza para entender o acaecido nuns importantes medios de comunicación con sede en Madrid.
Ian comentaba no seu último comentario a marcha de Félix Monteira da dirección da delegación de El País en Galiza e o seu posterior rexeitamento das novas condicións que a empresa da que era asalariado dende a súa fundación pretendíalle colar. Premonitoriamente Ian ligaba a oportunidade da competencia para acceder aos servizos do profesional exiliado.
Porque efectivamente, aproveitando o prestixio profesional que, seica, tiña ben recadado, o señor Monteira optou pola saída da organización da que levaba tanto tempo sendo membro. Podería ter escollido a opción de calar e aguantar ( lealdade ) ou a de protestar e aguantar ( voz ), pero escolleu aquela que só está nas posibilidades de aqueles que non teñen xa nada que perder ( penso nos subsaharianos ) ou de aqueles que teñen moito que gañar.

Por outra banda, a saída da dirección de Público de Nacho Escolar dame pena, como asíduo seguidor do seu blog. Desexo que teña unha saída honrosa, unha patada para arriba, un recoñecemento ao seu traballo que fale ben da elegancia dos seus xefes. Eche ben certo que non sempre se teñen embaixadas no Vaticano para suspender de xeito temporal, pero espléndido, a relación coa empresa ou partido político que che paga, pero confío no bo facer de aqueles que saben que non paga a pena gañarse enemigos de balde. E xa nestas, confío tamén que aqueles que poden e saben decidan despedir con moita honra á mellor responsable de cultura que tivo nunca este país, que soubo con recursos escasos facer mudanzas estructurais totalmente necesarias nas artes escénicas e no mundo do deporte; froitos que encetarán a agromar cando xa non esté ela para a súa recollida. Prego para que fique o bo sentido, e que a inxustamente tratada vexa recompensada o seu bo esforzo; prego para que no seu caso poida seguir escoitando a súa voz e ollando a súa lealdade. Para min sería un fracaso colectivo, outro máis, se tivera ela que pasar, paradoxalmente, por debaixo do foquiño do exit.

Etiquetas: ,

10 janeiro 2009

Un taxi pola mañá

Caían as folerpas sobre a miña cabeza hoxe pola mañá. A rotura do damper do cigoñal do coche obrigoume a tomar un taxi que me levara ata o traballo. E desde Área Central ata o choio tiven tempo de discutir co taxista.
O caso foi que o choffeur, azuzado polas verbas de Soraya que saían da radio, fixo un comentario pro israelí: "Cos terroristas non se negocia, hai que facer como Fujimori: metelos todos nun sitio e pegarlles un bombazo". Despois de dubidar entre calar, darlle a razón ou replicar, decidinme pola última opción e deume tempo a deixar no ar unha serie de preguntas, algunhas aínda sen resposta: "E como sabemos que son terroristas?", "cando en Afganistán matan soldados españois, iso é terrorismo?", "foi, daquela, terrorismo, os actos de Cachamuiña e Carolo en Vigo cando hai douscentos anos mataban a franceses?", " foron terroristas el Cura Merino e El Empecinado?", "foron actos de terrorismo as bombas caídas en Hiroshima e Nagasaki?" "ou os bombardeos de Dresde e Guernica?".
Coido que me equivoquei de táctica. Igoal que pasa cos túzaros da lingua e xa que non é posible manter unha conversa racional con eles, a mellor solución e irlles dando a razón como aos tolos e mesmo esaxerar as descricións ( "fan ben en matar palestinos, sobre todo a nenos, está demostrado que dende os cinco anos xa son expertos terroristas"), a ver se dunha destas caen da burra coma Saulo do cabalo.

Etiquetas: ,