20 fevereiro 2009

Idioma

Dúas consideracións sobre o idioma e a inventada problemática destes últimos meses. Ao meu gusto, moi interesantes as dúas.
Un deles é sobradamente coñecido polo que non necesita presentación. Góstame o que di e cómo.
O outro e un dos comentaristas habituais do blog de "Javier" Escolar, que se di galego castelán falante. Paga a pena a lectura.

a) http://quin.tv/video/contra-a-division-entre-os-que-falan-galego-e-os-q

b) http://endevewars.blogspot.com/2009/02/problemas-de-importacion.html

Etiquetas:

16 fevereiro 2009

Do prestixio

O prestixio profesional é cousa ben delicada. Trabállase durante anos e esforzo, pérdese nunha hora desgraciada. O prestixio é cousa tanto de persoas coma de empresas. Cando se perde adoita non ser recuperable.
Cando era eu moi neno a auga mineral máis importante de España, con moita diferenza, era "Agua de Solares". Agora non existe pegada daquela supremacía de antaño. Os exemplos son infinitos, como infinita é a estupidez humana.
En tódalas revistas dos sectores das profesións liberais aconsellan extremar o coidado cos clientes insatisfeitos, xa que os efectos nocivos cara a imaxe que poida provocar un deles é superior aos beneficios de vinte calificacións positivas.

En épocas de eleccións voltamos a nosa ollada ás empresas de comunicación e aos seus xornalistas. Hai xa tempo perdimos a inocencia, e resúltanos ben doado decatarnos de que os xornais son, esencialmente, un negocio, e que a procura da verdade é un obxectivo, moitas veces, ben lonxano.
"Eu poño a guerra", "eu fago as novas". Un día, de vagar, habería que retomar o tema de Hearst, das súas obras e da súa vida, do Maine, de Marion Davies, de Chaplin e Ince, de McKinley.

A anterior lexislatura estatal trouxo como consecuencia o descrédito perpetuo para xornais como "El Mundo" ou emisoras de radio como a "Cadena COPE", preocupadas de engordar a conta de resultados aínda sacrificando o sentido común, a verdade, e a estabilidade de institucións públicas. Certo é que a audiencia dos medios ven estando predefinida por variabeis ideolóxicas, e que só fica enganado aquel que o desexa: público acrítico.

O prestixio das empresas xornalísticas non ten porque coincidir co seu tamaño ou coa conta económica positiva de resultados. O prestixio, materia intanxible pero máis segura a medio-longo prazo, neses ámbitos de actuación, adquírese coa progresiva comprobación dos feitos enunciados coa veracidade do publicado. Os que minten acaban pagándoo, porque ao perder a súa credibilidade perden a única arma que posúen para que lles fagamos caso en posteriores ocasións. Un xornalista que minte ou manipula non ten futuro, se o público lector ten un mínimo de respecto a súa propia intelixencia.

Arestora, no balbordo in crescendo das eleccións galegas, a reputación do xornal máis grande do país, "La Voz de Galicia" vai quedar seriamente danada. Eu hai moito tempo que non tiña en grande consideración a este xornal, pillado na desfachatez da sección de deportes, posteriormente na escandalosa versión do acaecido no affaire Ventura Pérez Mariño, na seriedade de cataventos co Prestixe... Seguen e suman...
Sempre me pareceu infantil a equiparación fálica que algúns fan entre "tamaño e prestixio". Nin antes nin moito menos agora considerei a "La Voz de Galicia" como o mellor xornal de Galicia como algúns seguen a repetir. As coordenadas que merecen esa cualificación non aparecen por ningures. É certo que ten a maior difusión de entre os galegos, pero non me parece que a maior tirada lle poida dar vantaxe de excelencia a, digamos, "Das Bild" sobre o "Frankfurter Allgemeine Zeitung" ou "The Sun" sobre "The Times".
Non acredito na veracidade da información que ofrece "La Voz", nen a teño por un xornal útil para o país nen para as súas cidades e vilas ( que seguen preferindo o Faro, la Región, El Correo Gallego ou El Progreso como primeiro xornal), e tampouco sonme de fiar a meirande parte dos columnistas que por alí parecen. Por conseguinte, non leo o que non me interesa, e cando non teño outra cousa a man, leo e desconfío.

Onte na noitiña, facendo zapping na radio do coche, fuxindo dalgúns babecos, apareceu o anuncio dunha entrevista en Antena 3 Televisión a Mariano Rajoy. A entradilla non tiña desperdicio, menos aún o nome da entrevistadora, Gloria Lomana. Dende logo, eu non vou ser un dos que perda o tempo ollando iso.

Heisenberg dixo que a visión dun experimento inflúe no seu resultado. Que o prusiano falara de dimensións atómicas é o de menos, pódese aplicar a vida en tamaño natural. Os xornais escriben coa esperanza ( moitas veces correcta) da súa influencia nas decisións da xente. Vémolo ben os inquéritos que veñen aparecendo estes días. Xa damos por suposto que a tendencia da empresa vai influir nos resultados previstos. Non é voluntarismo, é mala fe.

Despois do desfogue seguiremos atentos. E eu non digo nada.

Etiquetas:

12 fevereiro 2009

Queremos tanto a Julio

Vintecinco anos sen Cortázar.

"Apenas él le amalaba el noema, a ella se le agolpaba el clémiso, y caían en hidromurias, en salvajes ambonios, en sustalos exasperantes. Cada vez que él procuraba relamar las incopelusas, se enredaba en un grimado quejumbroso y tenía que envulsionarse de cara al nóvalo, sintiendo como poco a poco las arnillas se espejunaban, se iban apeltronando, reduplimiendo, hasta quedar tendido como el trimalciatato de ergomanina al que se le han dejado caer unas fílulas de cariaconcia.
Y sin embargo era apenas el principio porque en un momento dado ella se tordulaba los hurgalios, consintiendo en que él aproximara suavemente sus orfelunios. Apenas se entreplumaban, algo como un ulucordio los encrestoriaba, los extrayuxtaba y paramovía. De pronto era el clinón, la esterfurosa convulcante de las mátricas, la jadehollante embocapluvia del orgumio, los esproemios del merpasmo en una sobrehumítica agopausa. Evohé!, Evohé! Volposados en la cresta del murelio se sentían valparamar, perlinos y márulos. Temblaba el troc, se vencías las marioplumas, y todo se resolviraba en un profundo pínice, en niolamas de argutendidas gasas, en carinias casi crueles que los ordopenaban hasta el límite de las gunfias."

Etiquetas: ,

Charles Darwin

Douscentos anos do nacemento de Darwin.

Etiquetas: , ,

Eluana

Sobre o caso Eluana teño dúas dúbidas e unha certeza.

Dúbidas:
a) Levaba Eluana morta dezasete anos e fóiselle adiado ata estes días o tempo da súa sepultura?
b) Morreu Eluana agora e durante dezasete anos foi diariamente torturada?

Certeza: Eu asocio Italia co probablemente o país máis fermoso do mundo, con xente encantadora que ri cando pronuncian insieme ou indirizzo e cunhas rapazas guapísimas que soben o volume da voz a falar ao tempo que non paran de mover os brazos. Asocio Italia cos solpores da baía de Palma e a calor que abafa e o bikini bianco, nero, rossa. Algo moi grave debe estar agora a pasar en Italia cando manda Berlusconi e Saviano ten que vivir agachado.

Etiquetas:

09 fevereiro 2009

Sendero Luminoso

En días coma onte, domingo de simpáticas concentracións en Compostela, non deixo de pensar en Sendero Luminoso, alcume dun penoso médico barbudo orixinario de terras andinas, con traballo primeiro na Nosa Señora do Cristal e despois en Piñor, haberá xa vinte anos. Berraba ás velliñas: "hábleme en cristiano, señora, hábleme en cristiano".

Etiquetas: