07 abril 2009

Doping tecnolóxico

Hai bastante tempo que apareceron en min dúbidas sobre o que debe aparecer na definición de doping punible polas autoridades deportivas, como consecuencia das sancións impostas a deportistas polo consumo de sustancias que non tiñan vinculación algunha coa mellora artificial do rendemento deportivo. Refírome aos casos de Deferr en ximnasia, Domínguez ou Hingis en tenis, mesmo Maradona...
O consumo de drogas recreativas poderá merecer as cualificacións que cadaquén estime oportunas, e incidirá na visión que dos deportistas implicados tiñamos aos efectos de paradigma diante a mocedade, pero iso non debe colixir unhas sancións no ámbito deportivo sen máis xuízo.

Nos pasados xogos olímpicos púxose de moda a expresión "doping tecnolóxico" para referirse ao extraordinario efecto que provocou na baixada de tempos a utilización do bañador LZR da marca Speedo. Este fin de semana outro bañador, os Jaked, provocou incribeis marcas en nadadores españois, capitaneados por Rafael Muñoz. Hai posicións frontalmente opostas sobre o uso dos modernos bañadores... Santiago Segurola fala de situación gravísima e de que a natación corre o risco de se perverter como deporte. Eu anticipo a miña posición a favor, porque sen entrar en cuestións máis de fondo, e sendo prácticos, a prohibición da investigación sobre os bañadores de alta competición só rematará cando sexa obrigatorio nadar espidos.
Alternativa que, por outro lado, ao mellor merecer ser tomada en máis consideración.

Etiquetas: