28 maio 2009

Deporte galego en galego

Náufrago sacou o tema e como non lle podo facer un comentario - problema da técnica, supoño-, decido anotar eu isto.
Comentábase alí a envexa que xurdía ao ver os modos de facer no Barcelona: comentábase mesmo o caso de Beguiristain, que nada máis chegar a Barcelona decidiu buscar onde aprender catalán ( o mesmiño que eiquí).
E mesmo antonte coronaba escoitar a Guardiola respostar en Roma utilizando con fluidez o castelán, o catalán, o inglés e o italiano.

Imos retrasados, pero hai quen se move. O 3 de febreiro deste ano a Fundación Azkar - un magnífico exemplo para todos os galegos - xunto á Vicerreitoría de Cultura da USC, dirixida por Elías Torres Feijó ( que hipotético magnífico conselleiro de cultura perdimos todos o 1 de marzo ), fixo un acto no que constituían o foro "deporte galego en galego", para "promover e fomentar o uso do galego no deporte".

Coróname tamén ollar na listaxe de sinaturas a xente á que admiro tanto como Jorge Mira ou Carlos Blanco ou Ezequiel Mosquera ou Xosé Luis Veiga ou Iván Salgado ou Javier Gómez Noya, e tanta xente máis que asinou ou que de certo asinarían de boa gaña.

Fan falla máis iniciativas coma esta.

Etiquetas: ,

27 maio 2009

A final da Champions

Hoxe vai estar medio mundo vendo o que pase en Roma na final entre o Barcelona e o Manchester United. Medio mundo e non esaxero: o deporte converteuse no maior espectáculo universal destes tempos, e de entre os deportes domina o fútbol, a pesares da súa escasa implantación nos USA e do seu lento acordar no extremo oriente. Poucas cousas pode haber máis vistas no mundo que unha final dun mundial, pero abrindo boca ao manxar da cada catro anos petiscamos estas finais de Champions ( Copa de Europa era máis simple pero tamén menos pedante ) co anceio de ver isos anaquiños de fútbol que poden chegar a emocionar.
Porque a aqueles que coma min non temos vinculacións sentimentais poderosas cos contendentes valeríanos, que non é pouco, que o xogo fora bo e bonito, como o que, por certo, leva meses practicando o FC Barcelona dese home elegante dentro e fora do "alpiste verde de sosiego de tiza galonado", da lameira, que foi e é Guardiola ( o seu último partido como xogador coa camiseta do Barcelona foi contra aquel grandísimo Celtiña nos últimos días da primavera de 2001).

Eu quero que gañe o Barcelona hoxe. Pero non por patriotismo ( a miña patria e a súa non coinciden ), nin sequera por vecindade ou por sentimentos. Nunca fun do Barcelona e aqueles duplos enfrontamentos nas eliminatorias do 2001 contra o Celta na Copa do Rei e na UEFA - onde o Celta foi mellor nas dúas aínda que só clasificara nunha ( ai a cabeciña que se agacha de Giovanella, o xogador máis sobrevalorado, cousas do cariño, na historia do Celta), deixaron vivas feridas que só o tempo vai pechando. De xeito que, a priori, eu quero que perda sempre o Barcelona - agás cando xoga co Madrid - , pois ben cheo estou de que os medios de comunicación me comuniquen a todas horas as últimas incidencias do gran de pus que lle saliu a calquer suplente do Madrid na fazula.

Eu quero que gañe o Barcelona por estética pura, por ética deportiva, por Pinto, por Guardiola - un tipo que me cae xenial. Quero que gañen porque xogan moi ben, porque son valentes e audaces. Do mesmo xeito desexei a victoria de Rusia de Arshavin na Eurocopa contra a decepcionante Holanda, ou sorrín co gol de Torres na final contra os aburridos tedescos.
Fuxo da política no deporte - aínda que todo é política e posiblemente todo é deporte -, e fuxo dos símbolos de indentificación de camisetas con cidades, con nacións, con estados, porque cando o Celta perde, e abofé que está perdendo moito, non perdo eu nin perde Vigo nin Galicia, por moito que entristeza persoalmente ( por qué entristece? será que aínda somos nenos, e o fútbol está sendo a ultima fírgoa por onde axexar o que fomos hai anos, cando iamos de pantalóns curtos á escola).

Remato que vai escomenzar o partido e non sei aínda onde o ir ver. Espero ver un bonito espectáculo, un bo partido, e que gañe o Barcelona.
Digo.

Etiquetas:

26 maio 2009

James Lovelock, Premio Fonseca 2009

James Lovelock, Premio Fonseca de comunicación da ciencia na súa edición de 2009.

Etiquetas: ,

24 maio 2009

Murcia. Periplos galaicos


O Murcia volveu por Vigo para empatar ao Celta na derradeira xogada do partido. A etapa Eusebio está sendo triste.
Xustamente o Murcia tivo o bo gusto de escoller Mondariz Balneario o pasado mes de agosto para facer a pretemporada.
Mondariz Balneario adoita ser escollido sempre por algún equipo: en anos anteriores fora o Elxe. Ben, o caso é que eses divertidos azares da vida fixeron coincidir no mesmo hotel ao equipo de fútbol do Murcia, encabezado por Javier Clemente e coa presenza de Núñez, o ex céltico, cos participantes dun torneo de golf onde estaban ex-deportistas famosos.
Entre estes últimos destacaba en altura o baloncestista Corbalán, acompañado dunha actriz tan alta coma el. Pero o curioso foi a presenza de Manolo Sarabia, o excelente futbolista causante involuntario dun dos maiores cismas no Athleti de Bilbao e que deu a coñecer unha das características máis febles do adestrador Clemente.
Lembremos que as relacións Clemente - Sarabia cando a última época gloriosa do Athleti foron especialmente malas, ( con humillación incluida: unha vez Clemente sacou do banquillo a Sarabia e aos dez minutos mandouno a ducha argumentando que non cumpría as súas ordes) converténdose a pelexa nunha cuestión que trascendeu os ámbitos deportivos.
O de Clemente é un caso merecente de reflexións por diferentes motivos: seica xogador exquisito pero prematuramente retirado por unha entrada maliciosa. Non sei se habería que ir na procura de explicacións psicolóxicas para comprender que Clemente como adestrador preferiu sistematicamente aos xogadores opostos ao seu propio estilo de xogo. O certo é que en cada equipo seu Clemente escollía a un xogador técnico para facerlle a vida imposible (como John Houseman na serie de televisión): Sarabia no Athleti, Baltazar no Atlético, Lauridsen (xogadorazo) no Espanyol.

Saudaríanse Clemente e Sarabia en Mondariz Balneario? De seres así, falarían? E de falar, de golf ou de fútbol?

Pasa o tempo e aquelas liortas semellan ser merecentes das atencións dos arqueólogos. Xa ninguén lembra a Lauridsen, ou no ciclismo a Reimund Dietzen, ou no baloncesto a Brian Jackson, por exemplo, como exemplos de deportistas magníficos pero non especialmente coñecidos polos non iniciados. Clemente é outra cousa, pero agora, xa caído en desgraza deportiva, tamén parece lonxana a súa época de éxito.

O Murcia volveu por Vigo para xogar co Celta. Ogallá volva a temporada que ven.

Etiquetas: , ,

Bilingüismo

Bilingüismo, ou sobre a imposición do catalán.
"En Cataluña el español está perseguido, como viene denunciando reiteradamente..."

Etiquetas:

23 maio 2009

Pontevedra e os feixóns

Escoito na Radio Galega unha agradábel charla entre Paco Carreira e Manuel Vicente, de Efervesciencia, que explica que nestes días Pontevedra é a capital mundial dos feixóns.
Despois dunhas consideracións teóricas sobre o phaseolus vulgaris e a importancia dos metais (magnesio, zinc) no mantemento da cor verde das legumes, decátome que teñen razón, dende o 1 de marzo Pontevedra é a capital mundial dos feixóns.
Sobre a forma da escrita do apelido procedente de phaseolus, eu, que son un home lido, sei algo. As lecturas de Gonzalo Navaza e Méndez Ferrín máis as miñas pescudas en pergameos húmidos no arquivo histórico diocesán de Ourense ensináronme as seguintes cousas: que o segundo apelido do Presidente da Xunta era xa común hai tres séculos en Auria, e que a evolución da grafía foi constante, aspecto éste lóxico se temos en conta que a alfabetización daquela no rural estaba na exclusiva do clero e que éstes tiñan que traducir os sons das verbas a unha grafía sen fixar.
Deste xeito, consulto os apuntes, na parroquia de Velle había algún Feixó, pero o que abundaban eran os Feijó (o dato máis vello é a voda de Clemente Feijó Martiñá o 26 de xuño de 1743; e o dato máis novo é a morte de Magdalena Feijó Rodríguez o 7 de decembro de 1893), mentres que con Feijoo o dato máis vello é o nacemento de Francisca Feijoo Prada o 8 de abril de 1754, mentres que os máis recentes chegan á actualidade.

Realmente non hai acordo de cómo escribir o segundo apelido do Presidente é por conseguinte, e por outra razón máis que vou calar, de agora en adiante referireime a el como Alberto Núñez, que así non hai lugar á confusión.

Etiquetas: ,

22 maio 2009

Sector Naval



Etiquetas: ,

21 maio 2009

Fonseca, actualización

Retomo o fío do exposto sobre o futuro Premio Fonseca.
A vantaxe de ser de letras é que non estás sobreinfluído polos teus coñecementos, e neste caso, que se valora a divulgación, a opinión dos legos é tan importante coma a dos expertos.
Aproveito o consello de Benxa para sacarlle puntos a Lynn Margulis, segundo el demasiado polémica, e engado o nome de Oliver Sacks, engaiolado como estou na lectura de "El hombre que confundió a su mujer con un sombrero"
De tódolos xeitos, parole, parole, parole; o falar non ten cancelas. Non depende de min, afortunadamente, e o que saia, seguro que bo será.

Etiquetas:

18 maio 2009

"E incluso chegando as 300 persoas"

Escoitado ás 12:00 horas do domingo 17 de maio, no informativo da Radio Galega.

Naquel intre eu estaba pasando pola peaxe da autoestrada, cincoenta coches, aproximadamente, retidos.

"Pois xa empeza esto a estar bastante animado. Xa son máis de duascentas , e incluso chegando ás trescentas persoas as que se están concentrando nesta alameda compostelá, e me imaxino que de cara a que saia a manifestación, que aínda non saiu, tamén serán máis os membros que participen nela."

A xornalista tivo razón: foron máis "os membros que participaron nela"; algo máis de trescentas persoas.

Etiquetas: , ,

16 maio 2009

Premio Fonseca

A primeira edición do Premio Fonseca, instituido pola Universidade de Santiago de Compostela foi todo un exitazo: Stephen Hawking converteuse nun acontecemento social con repercusión en todo o Estado.
Os meus maiores parabéns ao eficaz profesor Jorge Mira.
Superar - igualar - o acontecido na primeira edición vai ser imposible, pero teño curiosidade por saber quen vai ser gañador este ano. Deixo de contado as miñas apostas, colocadas de maior a menor posibilidades segundo o meu criterio.
Saberemos a resposta en non moito tempo.
  • Noam Chomsky: 80 anos. Pode que o máis coñecido polo público en xeral. Candidatura sen defectos a priori.
  • Lynn Margulis: 71 anos. Todo son vantaxes: prestixiosa, de idade experimentada pero non vella, foi a primeira muller de Carl Sagan, polo que tamén habería unha proxección de recoñecemento póstumo ao gran divulgador.
  • David Attenborough: 83 anos. Da miña lista, seguramente o que suscitaría a maior unanimidade en canto a excelencia como divulgador. Problema: a idade.
  • Richard Dawkins: 68 anos. Moi coñecido. Habería repercusión mediática. Problemas: pode que algo xoven e políticamente arriscado: ateo militante proselitista, demasiado audaz para unha cidade coma Santiago de Compostela.
  • James Lovelock: 89 anos. Prestixio científico, personalidade independente, epatante. Problema: idade avanzada.
  • Rita Levi Montalcini: 100 anos. Todo vantaxes menos un dato: a súa idade
  • Martin Gardner: 94 anos. Idem que Montalcini.
  • Steven Pinker: 54 anos. Demasiado xoven.

Etiquetas: ,

Aborto, notas.

Anotacións sobre o anteproxecto de lei que regulará o aborto:
  • A futura lexislación equipárase á existente nos países do noso entorno.
  • Porén, o estado actual da doctrina do Tribunal Constitucional, procedente dunha sentenza de 1985, provocará unha situación de pendencia xurídica cun resultado incerto: os actuais maxistrados do TC terán o valor de modificar unha liña argumental de hai 24 anos? Non sabería anticipar a súa resolución.
  • Aborto como exemplo de hipocresía consentida: a situación actual é en realidade semellante a un modelo de aborto libre pero caro ( agás os casos de malformacións xenéticas moi graves, onde - de mala gaña - actua a seguridade social ). Solucionar esa inadecuación entre lexislación aplicable ( coa filosofía de que as mulleres que abortan non deben ir á cadea ) e realidade social é plausible; e buscar a solución que xa leva tempo adoptada en estados coma o noso é razoable.
  • Misturar lei e relixión é un feo asunto, pois a lei abrangue a tódolos cidadáns mentres que as conviccións relixiosas das persoas adultas deberían ficar no ámbito máis privado posible. Dito o cal, o Estado debería estar firme ante os intentos de proselitismo das relixións e do seu intento de marcar e influir a axenda lexislativa: a experiencia desde a transición española demóstranos o contrario: a permeabilidade dos sucesivos gobernos ante a presión da xerarquía católica; mágoa.
  • Abortar non é unha festa. Ás veces é un mal necesario. Independentemente da cualificación que lle demos, o problema existe e as cifras anuais de abortos son constantes dende hai tempo, mesmo cando non estaba despenalizado. Pechar os ollos ante esa realidade non axuda a solucionala.
  • Deberiamos recoñecer que dende unha ética laica se poidan ter obxecións a solución adoptada a este problema, ou ao feito mesmo da simple despenalización do aborto. Pero nun estado democrático as leis son aprobadas pola maioría parlamentaria, que representan á maioría da sociedade: esas son as regras do xogo.
  • Recomendable, como case sempre ( especialmente cando escribe do Prestige ) esta columna do profesor ( moi bo, por certo ) Carlos Martínez Buján.
  • Unha dúbida: cales foron as motivacións políticas para seguir adiante coa posibilidade de que as rapazas de 16 anos poidan decidir abortar sen necesidade de autorización?
  • Remato cunha convicción persoal: fago miñas as verbas de Mosterín

Etiquetas: ,

Biblioteca Presidencial de Bush

Fontes ben informadas confirman a noticia do incendio que arrasou a biblioteca presidencial de George W. Bush. Os dous volumes convertíronse en cinza. "E aínda non rematara de colorealos..." queixouse o ex-presidente.

Etiquetas:

11 maio 2009

Consellos de Leonardo da Vinci sobre protocolo

"Non se sentará ningún convidado sobre a mesa, nin de costas á mesa, nin sobre o colo doutro convidado.
Tampouco porá a perna sobre a mesa.
Tampouco sentará baixo a mesa en ningún momento.
Non debe pór a cabeza sobre o prato para comer.
Non tomará comida do prato do seu veciño de mesa a menos que antes pedira o seu consentemento.
Non porá anacos da súa propia comida de aspecto desagradable ou a medio mastigar sobre o prato dos seus veciños sen antes terlles preguntado.
Non secará o seu coitelo nas vestiduras do seu veciño de mesa.
Non utilizará o coitelo para facer debuxos na mesa.
Non collerá a comida da mesa para gardala no peto ou na faltriqueira para comela máis tarde.
Non morderá a froita da fonte de froitas e após devolverá a froita mordida á esa mesma fonte.
Non cuspirá fronte el.
Nin tampouco de lado.
Non pellizcará nin golpeará ao seu veciño de mesa.
Non fará figuras modeladas, nin prenderá lumes, nin se adestrará en facer nós na mesa, a menos que o meu señor Ludovico Sforza así llo pida.
Non deixará soltas as súas aves na mesa.
Nin tampouco serpes ou escarabellos.
Non cantará, nin fará discursos, nin vociferará improperios nin tampouco proporá adiviñas obscenas se está sentado ao carón dunha dama.
Non conspirará na mesa ( a menos que o meu señor así llo requira).
Non fará insinuacións impúdicas aos paxes do meu señor nin xogará cos seus corpos.
Tampouco prenderá lume ao compañeiro mentres permaneza na mesa.
Non golpeará aos servintes (a menos que sexa en defensa propia)
E se ha de vomitar, enton abandonará a mesa. "

"Se hai un asasinato planeado para a comida, entón o máis decoroso é que o asasino tome asento xunto aquel que será obxecto da súa arte ( e que se sitúe á esquerda ou a dereita desta persoa dependerá do método do asasino), pois deste xeito non interrumpirá tanto as conversas, se a realización deste feito fica limitada a unha zona pequena. En verdade, a sona de Ambroglio Descarte, o principal asasino do meu señor Cesare Borgia, débese a súa habilidade para realizar a súa tarefa sen que o advertira ningún dos comensais, e menos aínda, que sexan importunados polas súas accións.
Despois de que o cadáver ( e as manchas de sangue se as houber) sexa retirado polos servidores, é costume que o asasino tamén se retire da mesa, pois a súa presenza, en ocasións, pode incomodar as dixestións das persoas que estiveran sentadas ao carón, e neste punto, un bo anfitrión terá sempre un novo convidado, que estaría agardando fora, disposto a se sentar na mesa neste intre."

Etiquetas: ,

Conselleiros de Cultura.

Cantos nomes lembramos? E dos que lembramos, cantos por razóns positivas?
- Marino Dónega Rozas
- Alejandrino Fernández Barreiro
- José Fernando Filgueira Valverde
- Alfredo Conde Cid
- Daniel Barata Quintás
- Víctor Manuel Vázquez Portomeñe
- Jesús Pérez Varela
- Ánxela Bugallo Rodríguez
- Roberto Varela Fariña

Etiquetas: , ,