28 julho 2009

Hoxe, un poema

Hoxe presta a poesía de Celso Emilio Ferreiro:

Olla meu irmao honrado
o que acontece con Daniel,
os que o tiñan desterrado
agora falan ben del.

O palurdo de alma lerda
o tendeiro desertor,
o vinculeiro da merda
disfrazado de señor.

O lurdo carca refrito
o monifate de entroido,
o aprendiz de señorito
marqués de quero e non poido.

O badoco endomingado
o franquista pousafol,
o forricas desleigado
o pequeno burgués mol.

O devoto do onanismo
o feligrés de pesebre,
o tolleito de cinismo
o que da gato por lebre

O rateiro do peirao
o refugallo incivil,
válense de Castelao
para esconder a caste vil.

Escoita puto nefando
criado na servidume,
non pasará o contrabando
dise teu noxento estrume.

Grotesco escriva sandeu
inxertado nun raposo,
Castelao nunca foi teu
porque Castelao é noso.

E anque a ti che importe un pito
saberás, que é cousa sabida,
que estás incurso en delicto
de apropiación indebida.


Etiquetas:

24 julho 2009

Da Alba da Groria


Así remata a inmortal Alba de Groria, de Castelao.
Ben lembrada por Vieiros, e recollida en Chuza.

"Cando a Santa Compaña de inmortaes galegos, que acaba de pasar por diante da nosa imaxinación, se perde espesura d-unha foresta lonxana, con esa mesma imaxinación veremos xurdir do Humos da terra-nai, da terra, da nosa terra, saturada de cinzas humáns, unha infinida moitedume de luciñas e vagalumes, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega. Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma que en que eu vos estou falando, a nosa cultura, as nosas artes, os nosos usos e costumes, i en fín, o feito diferencial de Galiza. Elas son as que, en longas centurias de traballo, humanizaron o noso territorio patrio, infundíndolle a todal-as cousas que na paisaxe se amostran o seu propio esprito, co que pode dialogar o noso corazón antigo e panteita. Elas son as que gardan e custodian, no seo da terra-nai, os legados múltiples da nosa tradición, os xerms incorruptibeis, da nosa futura hestoria, as fontes enxebres e purísimas do noso xenio racial. Esa moitedume de luciñas representa o pobo, que nunca nos traicionou, a enerxía coleitiva, que nunca perece, i en fín, a espranza celta, que nunca se cansa. Esa infínda moitedume de luciñas e vagalumes representa o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre, sempre, sempre.

Velahí o que eu quería dicir n-este Día de Galiza, en loubor da nosa Tradición, por riba da nosa Hestoria, a todo-los galegos que residen n-esta terra que para nós é a segunda patria. E nada máis, amigos e irmáns.

Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares."

Etiquetas:

Exercicio de estilo

"A propósito dunha "carta ao director"

"Produciume asombro e medo a visión dunha grande culebra antonte pola mañá ben cedo polos montes de Sabadelle, cando ía co maior dos meus curmáns na pescuda das lindes dun monte seu, nunha operación consciente e planificada grazas ás ferramentas informáticas do google earth e máis a oficina virtual do catastro.

Engado que foi a primeira vez que vin en liberdade a un bicho como ese: grande, escuro e ruidoso sobre a follaxe. O primeiro requisito para non ter medo é o coñecemento, e eu recoñezo ser un urbanita sen apenas contacto coa natureza, polo que meu noxento achádego poido ter consecuencias inimaxinabeis.

Paréceme natural que as serpes e demáis ofidios poidan sentirse frustrados e ameazados pola invasión que as persoas fan nos seus hábitats, pero espero que a razón venza á carraxe e lisquen de vez.

Os galegos demostramos na nosa historia recente que xa non acaen os vellos tópicos sobre a fame neghra e sobre a proba da comestibilidade de canto animal fique no noso poder: xa vimos o que poden facer con eses tópicos humoristas como Carlos Blanco. Moitos galegos que temos as cidades como hábitat propio ( ou como o queiran chamar, pero é o noso hábitat propio), non queremos que se nos siga obrigando a ir ao monte, a facer roteiros de sendeirismo, como se a natureza fora per se máis beneficiosa ca os semáforos: non imos consentir que se nos discrimine, se diga que somos malos cidadáns e malos galegos, e que a xente labrega é máis normal ca nos e máis libres.

Rebelámonos cando se nos tacha de antiecoloxistas por ter alerxia ao campo, e parécenos cinismo que se siga negando que houbo imposición a prol das asociacións pro defensa do monte galego.

O Pepe prometeu na anterior vez que estivemos xuntos que dando liberdade para escollérmono nos o camiño ao monte acompañarianos no roteiro e agora ten que cumprir a súa promesa. O meu curmán non conseguiu ver ou ouvir ao noxento ofidio, pero segundo a maioría da veciñanza coa que logo falei, as súas doenzas nos dous oídos foi un factor definitivo.

E os que apoiaban que fóramos nos os dous sós ao monte agora manifestan a súa preocupación por se volvéramos repitir o paseo matutino. Non parece moi coherente esixir que non se cumpra aquilo que hai a penas uns días defendías.

Moitas persoas non toleramos que se impoñan os criterios economicistas sobre os ecoloxistas, a nosa liberdade de elixir, a procurar o que cremos mellor para as nosas familias. E non queremos que ninguén siga pretendendo que os nosos fillos rematen seus estudos cunha competencia notable en bioloxía: abóndanos con que saiban diferenciar un animal dun mineral. E os que queiran estudar exclusivamente biolóxicas, que teñan tamén ese dereito. Se para conseguir iso hai que trocar as leis, deben trocarse. Este debe ser o novo consenso.

A distorsión da realidade fai que o meu curmán valore erroneamente o que pasou antonte nos montes de Sabadelle: non é certo que cada quince metros apareza unha serpe, o que non é evitable é que de cando en vez ollemos algunha.

Meu curman di que iso é unha mostra de canto está cambiando a natureza, pero moitos pensamos que é unha simple consecuencia do avance da civilización urbana no medio rural (que repase as últimas edificacións ás beiras do Miño), que se está a perder nos días de peor incidencia da crise.

Hai moitos xeitos de protexer e promocionar a natureza: os colectivos ecoloxistas que foron promocionados con anterioridade din que se non se fan as cousas como eles pretenden non só non se protexe senón que se odia ao medio ambiente.

Din que é unha chamada cívica aos poderes sociais, pero soa a ameaza. Dame tristura e medo. Penso que o único xeito de que este problema se solucione é que eles consigan deixar de mirar mal e de desprezar aos galegos que non pensen como eles, os que falan e queren seguir falando de urbanizar o monte, ou elixir pasarse ao ecoloxismo máis titiriteiro cando ninguén llo impoña."

Etiquetas: , ,

23 julho 2009

Primperan

Son perito en Dalsy, Junifen e Apiretal. Sei a posoloxía correcta dependendo do peso do doente. Na nevera agardan o seu turno, dende hai meses, supositorios de paracetamol. E aínda, de cando en vez, teño que subirme á banqueta na procura do Primperan.
Grande xarope o Primperan, do que debín tomar eu ducias de litros cando neno. O outro día, cando o rapaz maior me pillou lambendo o culler que segundos antes contiña a dose de xarope que lle dera a el, tiven que confesar a miña adicción á pescuda dos sabores da nenez. Pero o sabor metálico actual, non desagradable, non me levou a lembranza algunha.
Daquela estaba de moda a desaparecida e agradable aspirina infantil, (de cor rosa), e miña nai obrigábame a tragar un líquido infame que levaba de nome aceite de fígado de bacallau. Pero o meu preferido, a ambrosía celestial, non era outra cousa que o Calcio 20, a cousa máis rica ( de beber) que eu tomei na vida.

Etiquetas:

20 julho 2009

40 anos despois

Etiquetas:

Acórdome

(Vía Besbe)

Acórdome de empurrar polo corredor o carro da tele para que a poidera ver a miña avoa na habitación do fondo, que estaba enferma.

Acórdome da miña avoa morta no cadaleito na habitación do fondo. Faltábanme dous meses para cumprir os tres anos e axexaba dende a porta. Á esquerda, sentado nunha silla de madeira escura, meu avó tiña unha ollada triste, e detrás del, pegadas á parede, miña nai e as súas dúas irmás, de negro, chouraban saloucando. Acórdome que miña irmá preguntoume algo sobre os ovos fritidos que estaba a facer e eu lisquei correndo de debaixo da porta.

Acórdome de acompañar a meu pai no 1.500 para tirar nun bosque de eucaliptos a roupa da cama que usou miña avoa. Acórdome de acompañar a meu pai no 1.500 a un bosque de eucaliptos para procurar un bastón para meu avó.

Etiquetas:

19 julho 2009

Apuntes (breves) dun goberno perdido.


O pasado sábado 18 de xullo (aniversario, por certo, do glorioso día no que recibín a primeira paga como traballador por conta allea), o xornalista de El País Juan L. Cudeiro facía unha pregunta retórica ante o público asistente ao Seminario sobre Comunicación e Deporte, pertencente á Universidade de Verán 2009, organizado pola Fundación Azkar e a Vicerreitoría de Cultura da USC, e celebrado en Guitiriz: "¿Cómo é posible que os medios de comunicación da Coruña non informasen da celebración do Mundial de Hoquei a Patíns celebrado hai unha semana en Vigo?"

Simultaneamente no Hotel Convento de San Francisco en Compostela, diante dun agarimoso auditorio, o ex-vicepresidente Quintana facía unha laudatoria lembranza pública da ex-conselleira Ánxela Bugallo (recibida a mensaxe con aplausos da concorrencia).

O día seguinte, no devandito Seminario, a xornalista Milagros Alonso disertaba, espléndidamente, sobre as funcións dun xefe de gabinete de prensa, facendo alusión, primeiro, a súa experiecia de tres anos e medio na Dirección Xeral para o Deporte, e posteriormente e como consecuencia das preguntas dos presentes, facía unha clara disgresión verso a campaña difamatoria urdida contra os rectores nacionalistas do deporte galego por parte de La Voz de Galicia (sen nomeala) e por parte dun deportista e o seu adestrador (Cal e Morlán). A conclusión que deitou foi a seguinte: "nada se pode facer se veñen contra ti".

Paréceme pesimista a frase da xornalista. Algo hai que facer contra a calumnia, alén a presentación dos documentos que proben a falacia artellada polos sucesores de William R. Hearst. Pero mentres pensamos como loitar contra os Goliats de papel cómpre reflexionar sobre aquilo mal feito cando ainda se podían facer cousas.

Cudeiro quixo facer unha reflexión en voz alta sobre o estúpido cainismo localista que empobrece a nación: non é só aplicable aos forofismos deportivos, temos para desgraza nosa moitos máis: tres universidades, tres aeroportos, o derroche indecente do Porto Exterior da Coruña ( u-lo Santiago Rey Fernández-Latorre para protestar?), as leas das áreas metropolitanas, a saída á rúa de Lores contra a quinta provincia do Sur. Falta no BNG aplicar unha idea conxunta de nación, unha idea responsable da estruturación territorial, falta implementar accións que vaian máis alá do tacticismo curtoplacista e que poidan ser defendidas con coherencia por calquer militante ou cargo público do BNG independentemnte da localidade de onde proveña. Porque os que votaron algunha vez ao BNG fixérono no só porque coidaban que era o mellor para eles e para as súas familias e para o país en xeral, senón porque esa conclusión foi tirada por mor dunha estratexia xeral que fica elevada por riba das urxencias cotiás ( cando menos, así tiña que ser).
Xa sei que esa idea conxunta da comunidade autónoma ou da rexión, segundo respectivamente din os dous partidos de ámbito estatal, aínda está menos por desenvolver. Pero iso non debe ser consolo para aquel que pretenda ser riguroso na análise da sociedade.

Ánxela Bugallo foi unha excelente responsable da cultura galega. Sei que houbo puntos de xestión manifestamente mellorables (cando non?), pero tanto en comparanza con tódolos conselleiros de cultura anteriores coma por desgraza, por agora, co posterior, a súa figura sae notabilisimamente engrandecida. Nun tema que eu coñezo moi ben: o deporte galego: unha só das realizacións feitas nos tres anos e medio ( tres anos escasos reais) de lexislatura pola Dirección Xeral para o Deporte xa merecería o aplauso e o recoñecemento xeralizado da opinión pública: a) resolver o problema do Comité Galego de Xustiza Deportiva; b) dotar de contido á Fundación Deporte Galego; c) o renacemento das seleccións deportivas galegas; d) a implantación de rigor contable nas federacións deportivas galegas e o intento de garantir a súa democratización interna; e) o inxente traballo feito de pór en valor os xogos e deportes tradicionais galegos, con mención de honra ao traballo feito polo catedrático da USC Constantino Arce. Certo que aínda non era utilizable unha ferramenta mais áxil para conquerir solucionar os atrancos causados polos trámites de subvención a clubs, pero pouco máis se pode pedir en tan pouco tempo.

Contan que a caída en desgraza de Bugallo tivo que ver coa Cidade da Cultura. Contan que a relación persoal que decidiu establecer cunha persoa allea ao seu círculo político non mellorou a valoración que debía merecer.
A miña opinión é a seguinte: Bugallo non debería ter saído das listas do BNG ao Parlamento. Fixo un moi bo traballo que era para estar orgulloso del, e cumpría ensinalo e valorizalo. Dito o cal, penso que as decisións sobre o monstro do Gaiás foron malas: do mesmo xeito que a primeira decisión de Zapatero foi facer voltar ao exército de Irak, eiquí tíñase que ter mandado parar as obras, non investir máis nada que non fora para rematar o rematable e buscarlle un aproveitamento alleo á cultura: porque deste xeito acadábanse varios obxectivos: púñase enriba da mesa a inmensa trapallada que foi parida por Pérez Varela, amosábase contundencia e claridade na política futura a seguir, e a máis importante, visualizábase de xeito irrefutábel que non todos os políticos son iguais, non todas as políticas son as mesmas, e que o xeito de facer política do BNG ía ser moi distinta á feita polo PP. E como había que procurar un candidato para "nominalo" para evidenciar estes factores, que mellor que a megalomanía rival para deixar clara as intencións do novo goberno? (Con documentos e facturas, con todo, por suposto, ben clariño, na mesa).
Sobre os amores hai algo que dizer: Xustamente que ninguén ten nada que opinar, faltaría máis. E se ninguén de nós aturariamos que criticaran as nosas decisións sentimentais, nada hai que faga máis lene esa norma para os cargos públicos. Neste caso, a maior abundamento, foi salientábel a discreción absoluta da parella. En todo caso, xurdiu nunha cuestión meramente particular sen trascendencia mediática, se se quere, unha oportunidade desaproveitada: Un dos motivos máis utilizados polos conservadores na campaña facía mención ás desavinzas entre os dous partidos do goberno. Contestación na campaña: ¿Qué mellor refutación ás insidias ( non de todo infundadas ) sobre o bigoberno, que pór diante do público que os dous partidos - aínda sendo distintos e non mantendo unha ollada semellante sobre a realidade e as súas problemáticas-, non só non se levan mal, senón que se levan "moi ben", tanto que naceu o amor entre dous membros do gabinete?
A estratexia da campaña do PSOE foi patética, a mensaxe ridícula ao tempo que provocadora. A campaña do BNG foi mellor en xeral, pero erros (algúns non provocados pero evitables) oportunamente magnificados, esaxerados e mesmo inventados polos enemigos causaron un dano irreparable. Certo, pero non esquezamos que o primeiro erro foi a marxinación causada a Bugallo, coa consecuencia posterior de non poder vender como é debido a xestión cultural feita. E non foron os únicos erros cometidos.
Mellorable a xestió cultural? Como non? Pero o público sensible á cultura galega, os axentes culturais, poden ser esixentes e "exquisitos" pero tamén máis proclives a entender a cultura galega desde os ollos do nacionalismo progresista que desde os ollos de Alberto Núñez, poñamos por caso.

Desexaría que por quen proceda se rematara a análise do que pasou para que non volva ocorrer. Porque no ano 2013, a máis tardar, é posible ( digo máis, é probable cun anaco de vontade e intelixencia) un troco de goberno que impida a definitiva desconstrución do país, da nación ( en acertadas verbas, cando menos de González Mariñas).

As ostras son do restaurante Esteban, en Sanguiñeda, Mos. Faltan os caracois, porque segundo as verbas que Craso dirixiu a Antonino ( pensadas por Dalton Trumbo), é tan moral comer ostras coma caracois ( mesmo tamén na política).

Etiquetas: ,

13 julho 2009

Enriba do coche

A viaxe duraba dúas horas: saíase de Vigo pola Avenida de Madrid e subíase pola Acelerada ata o Meixueiro. No Porriño pasabamos por riba dunha ponte que deixaba abaixo ducias de caravanas. Antes de Fontefría pasábase polo medio da Lamosa, e xusto antes da Cañiza había ao fondo dunha recta e antes dunha curva á esquerda unha nave industrial cun telladiño de plástico verde que tiña por nome A Ponderosa, como o nome da finca daquela serie que tanto lle gostaba aos meus irmáns. O máis bonito era chegar a Ribadavia, e deter o 1.500 no paso a nivel porque ía pasar o tren.
Nas primeiras lembranzas que teño destas viaxes non iamos durmir a Ervedelo e dirixiamonos directamente a Velle, onde nas reviravoltas pasada A Loña meu pai trocaba a potencia dos focos segundo viñeran ou non coches de fronte noso. O Seat 1.500 tiña o cambio de marchas nunha palanca que lle saía do tronco do volante, o asento dianteiro era corrido e, sentíndoo moito, non son capaz de dizer máis nada de el.
De Velle gardo agora o recendo dos afumados do tío Nicanor, e o seu infinito cariño, que provoca que aínda hoxe, no supermercado, me achegue aos queixos San Simón; ou o cheiro estrano a palla húmida. No salón dábame medo o grande reloxio de parede, cos pesos detrás do cristal, que seica trouxo meu avó da Habana. Alí presidía a casa a foto do meu curmán, morto de súpeto na mocedade un ano antes de eu nacer; e un pergameo que lembraba ao meu tío morto en Grado, na Guerra Civil.
Na foto estou eu enriba do coche, no campo de Quintela. Non sei cantos anos podía ter, pero no fondo máis profundo da memoria fica unha lene pegada do intre no que me colocaron alí para tirar a fotografía.
Non pasou tanto tempo, ¿ou si?, pero aquela casa mudou por completo, por fora e por dentro. Xa non vive nin o tío nin o pai; o coche e o reloxio tamén desapareceron e a única probable pervivencia refírese as fotografías. A viaxe dura hoxe menos dunha hora.

Velle é o lugar das lembranzas da matanza e da vendima, do reencontro ledo das persoas que se querían e que alonxadas polo traballo voltaban á casa para colaborar no ben común. O ritmo da vida, hoxendía, xa non permite aquelas xuntanzas e xa non hai ocasión das festas agrícolas como as matanzas ou vendimas, debendo agardar a vodas ou funerais para as reunións familiares.

Non quero utilizar as lembranzas como dosificación da melancolía ou como dose da tristeza causada polo paraiso perdido que de certo nunca existiu. Quero ollar no pasado porque a memoria acompáñame na vida - de feito, somos a nosa "memoria" -, e para mirar adiante é util saber de onde partimos; máis se cadra no meu caso, fillo serodio e benxamín, sen xeración familiar onde me asentar.

Non quito ollo ao calendario a todas horas, e non vexo pasar o tempo que falta para chegar ao intre das vacacións. Estou absolutamente estafado despois dun ano intensísimo, esgotado mentalmente polo pouco traballo feito, polo moito que se deixou por facer, e polos sucesivos trocos - de marzo ata agora - que en nada beneficiaron o laboro meu. E nesta situación ao carón da resistencia física viro a cabeza atrás e volvo ver un neno subido a un coche no mesmo lugar no que os seus devanceiros viviron trescentos anos antes.

Etiquetas: ,

Estado de lecturas

Fago balance do pendente, segundo o previamente anunciado:
a) Informe Lugano, de Susan George: segue na cola.
b) El espejismo de Dios, de Richard Dawkins: rematado. Non acadará o obxectivo proposto polo autor de diminuir o número de persoas crentes en relixión algunha, pero agradécese o esforzo, o rigor e, cando cadra, o intento de divulgación. Recomendable.
c) 2666, de Roberto Bolaño: Empezada, suspendida a súa lectura. Ten boa pinta.
d) A praia dos afogados, de Domingo Villar: Gustoume moito, máis ca primeira, aínda que as veces semellaba dar voltas sobre si mesma. O debuxo dos personaxes vanse mellorando. Agardo a terceira quenda.
e) El hombre que cambió su casa por un tulipán, de Trías de Bes: rematado. Ben. Triste pero necesaria realidade. Para os ignorantes coma min moi recomendable.
f) Pan e coitelo, de Bieito Iglesias: Agardando turno.
g) Abrazos y zancadillas, de J.J.Santos: Fácil lectura de cotilleos xornalistico-deportivos. Tan amena como esquecible.

Polo camiño foron aparecendo:
h) Historias de Nueva York, de Enric González. Excelente
i) Historias de Londres, de Enric González. Excelente.
j) Beautiful Pyme: de Pérez-Tomé & Smith: Aprovéitanse tres ideas.
k) Enderezo descoñecido: de Kressman Taylor. Excelente.
l) El hombre que confundió a su mujer con un sombrero, de Oliver Sacks. Excelente.
m) La elegancia del erizo, de Muriel Barbery. Estou na actualidade afrontando a sua lectura. O que lin dela, unha cuarta parte, estame parecendo moi ben. Pero vou despacio, as horas reservadas para a súa lectura coinciden co tempo de sono, e ambas circunstancias non casan ben.

Etiquetas:

08 julho 2009

De churrerías e xardíns

Mentres eu pasaba catorce horas ao día, sete días á semana, na praia de Palma alugando velomares, tumbonas e hamacas, os mellores amigos que deixara na Galiza traballaban a súa vez nas noites de verán na churrería de Nacho Galiano, indo de romaría en romaría, de verbena en verbena: Coia a San Roque, Peregrina ao Carme, Santiago a Bouzas, nunha infinita sucesión de noites graxentas que remataban coa promesa de non volver comer churros ou patacas fritidas nos seguintes nove meses.
Aqueles traballos estivais daban froitos: eu aproveitei os cartos para obter con dezaoito anos recén cumpridos o carné de conducir e despois para sobrevivir en Compostela mentres o xadrez non chegaba á miña vida. Aos colegas, a Fran, por exemplo, valeulle para rematar a carreira tamén en Santiago - durmindo nos barracóns do Burgo - e despois pagar o Máster de Caixanova.
Pero houbo máis puntos de intersecións. O propietario da churrería, Nacho, un tipo forte, bruto e noble, déuselle por rematar a carreira de dereito en Santiago que facía tempo escomenzara na UNED en Pontevedra. Por iso estivemos xuntos algunhas veces aqueles anos: eu deixáballe apuntes ou emprestáballe libros e el correspondía con sabios consellos sobre a vida en xeral e as mulleres en particular ( consellos que, lamento recoñecer, non foron aplicados cando tiven necesidade varios anos máis tarde ).
Unha das asignaturas que toleaba a Nacho era a de dereito procesual e por mor do profesor daquela: Luciano Varela, maxistrado coñecido por ser un dos fundadores de Xuíces para a Democracia. O feito é que a relación persoal entre eles dous estaba desfeita porque Luciano Varela recoñecera a Nacho nunha das clases e foi capaz de lembrar como aquel home de espaldas inmensas fora o mesmo rapaz que moitos anos atrás fixérao pasar mal no barrio de Pontevedra onde os dous vivían. "Cousas de nenos" xustificábame Nacho, pero o feito é que o agora Maxistrado estaba resolto a non esquecer nin perdoar.
Nos exames, Varela colocábase a hora enteira ao carón de Nacho. O nivel de esixencia para aprobar a asignatura convertiuse no exame inmediatamente mellor que o do noso amigo. Ao cabo Nacho decidiu que esa asignatura sería aprobada noutra facultade.

Para min foi unha boa lección para a vida: todos somos iguais, non ante a Lei ( que está claro que aí si somos distintos ), pero si ante os vicios, pecados e defectos. Podes ser maxistrado ou estudante; obreiro, parado ou empresario; a carne - a cinza - da que estamos feitos é a mesma para todos.

Hai poucos meses escoitei a Luciano Varela na Radio Galega, no Galicia Primeira Hora, entrevistado pola nova composición do Consello Xeral do Poder Xudicial e o sistema de cuotas. O seu discurso foi patético, institucionalizado ( burocratizado ) lonxe do profesor ambicioso e valente que noutrora fora na USC.
En moi poucos días imos ter Luciano Varela ata na sopa, vanse examinar cada un dos seus acenos, interpretaranse á conveniencia as verbas que deite nos autos xudiciais baixo a súa encomenda, porque tocoulle a el decidir sobre o Xuíz Estrela, sobre o famosísimo Garzón. E nada será igual despois de que Varela decida, porque hai dúas forzas enfrontadas: a negra sombra do franquismo que está moi ben pousada nas institucións xudiciais contra a ambiciosa idea dunha xustiza universal. Pero baixo a simple xeralización ( bos contra malos, dereita conta esquerda, nacionalistas españois contra nacionalistas periféricos ) teremos neste caso unha penitencia evidente producto do pecado da non despolitización da xudicatura - tarefa pendente dende a chegada da democracia - : se Varela é favorable a Garzón a caverna lembrará que é membro de Xuíces para a Democracia, mesmo que dictaba sentenzas en dialecto galego; se vai na súa contra volveremos falar dende a progresía do conservadurismo inherente á xudicatura, do castigo a aquel que profanou o xardín.
Xa entrando lixeiramente no tema xurídico, o máis que probable arquivo da querela atendendo ao ridículo plantexamento do querelante ( independentemente que sexan de estrema dereita ou sobre a posible falta de lexitimación activa ) que de progresar faría inmediatamente sospeitosos de prevaricar a tódolos xuíces que dictan sentenzas posteriormente revocadas por instancias superiores ( unha estupidez infinita, en fin ), non nos debe facer esquecer que o problema de fondo é o moi peculiar sistema xudicial español, cun órgano estatal potentísimo, a Audiencia nacional, de difícil encaixe constitucional e máis pensado en situacións de excepcionalide política. As atribucións por razón da materia provocan a notoriedade daqueles xuíces con maior tendencia a se comportar como fiscais ( priorizando principios inquisitorios sobre a neutralidade da investigación ou os dereitos dos investigados ). Non é estrano que as forzas de seguridade coñezan perfectamente que Xulgado da Audiencia Nacional está de garda para solicitar a súa conveniencia os rexistros, entradas, intervencións, que maxistrados máis rigurosos non aceptarían.
Tamén podemos entrar a falar do sistema de retribucións dos xuíces, das estatísticas xudiciais, dos módulos, dos resultados dos alardes e da indecente tendencia a admitir unha querela antes de ollar - aínda que fora lixeiramente - o seu contido. Pero hoxe non toca.

Etiquetas: , ,

07 julho 2009

Na morte de Robert Lafont

Entérome vía blog de Antón Baamonde, despois ratificado na rapidísima wikipedia, da morte de Robert Lafont: O autor daquel concepto de grande suceso a finais dos anos sesenta: colonialismo interior, no que se baseou Xosé Manuel Beiras para crear o mítico: "O atraso económico de Galicia".
Se ben eu son doutra xeración tamén fun pillado pola resaca daquela mareira. Cando tiven que escoller asignaturas optativas decidín facer aulas con Economía Política e con Teoría do Estado, impartidas respectivamente por Carlos Otero Díaz e Ramón Máiz, aínda que realmente o responsable da primeira era o profesor Pedro Puy Fraga.
Para aprobar Economía Política o actual parlamentario, moi bo profesor por certo, deu a opción de facer un traballo consistente na glosa dun libro do propio Carlos Otero, do cal esquecín - se algunha vez souben - o nome. Sei que José Martínez Couselo ten na máis alta estima os traballos do que fora Conselleiro de Economía, pero realmente aquilo era un aburrimento, polo que ideei algo máis entretido: facer unha comparanza das ideas de Otero Díaz coas expresadas por Robert Lafont e despois desenvolvidas por Beiras aplicándoas ao caso galego.
Preguntado Máiz pola vixencia daquelas ideas, o profesor de Teoría do Estado manifestou a impresión de que aquelas teorías ficaran xa anticuadas. Non importou, a fin de contas eu só quería facer un traballo de comparanza suficiente para poder pasar a asignatura, e o mergullamento naquelas suxerentes ideas, ben razoadas e que ofertaban unha explicación racional para entender as causas dos atrasos económicos das periferías dos estados centralistas, dábanme enerxía dabondo para seguir co traballo.
Non lembro nada del, foi entregado e supoño que haberá tempo que sería destruido no lume de San Xoan ou utilizado polos becarios do departamento como papel reciclable; pero o certo é que durante un mes as fotocopias dun vello libro francés con tradución ao español e un pequeno libro galego cun guapo e xoven Beiras no lombo acompañáronme a todas partes.
Na entrega fun recibido por Puy que me fixo unha pregunta capciosa: ¿Qué nota crees que mereces? Mentín e dixen: "notable". Aquela asignatura foi dos pouquísimos "sobresalientes" que levei, e por causa dun traballo do que agora só lembro a idea que o causou.
Descoñezo a vixencia das ideas de Lafont hoxe en día, pero independentemente da valoración actual coido que foi un home atento ao seu tempo e aos seus lugares.

Etiquetas:

05 julho 2009

Centenario de Aquilino Iglesia Alvariño

Nunha cena de amigos

Quero contar un por un meus amigos
como se contan os mollos de trigo.
Como se contan os mollos nas airas
quero contar os meus bos camaradas.
Quero contalos e recontalos
como recontan os probes os cartos.

Quero contalos nas arcas da ialma
como reconta os seus bes a calandra.
Quero contalos nas nenas dos ollos
como contámo-los intres de gozo.
Quero contalos, ben contadiños.
Quero contar un por un meus amigos.

Poucos ou moitos, quero contalos
como se contan as peras nun ramo.
Como se contan nas airas as medas,
como se contan as horas pequenas.
Quero contalos e recontalos...
Poucos ou moitos, meus amigos son.
Quero contalos no meu corazón.

Etiquetas: ,

Decreto de erección

Supoño que todos temos algún pecado oculto. Mesmo nos costumes cibernético-blogueiros: nunha charla a semana pasada con propietarios de blogs (2) e lectores dos mesmos (2) os cinco recoñeciamos vicios inconfesables: un estivo enganchado a unha páxina sobre os avatares xornalístico-xurídicos do atentado do 11-M; outro gosta de axexar parrumeiras estranxeiras ( segundo el, sacou a páxina do chuza); un terceiro dixo que todos os días pasa un ratiño ollando o imdb.
Eu teño a miña debilidade, que espero rematar pronto: Ás veces non consigo evitar ollar a páxina dun tipo que me cae fatal: Non o coñezo, simplemente polo que escrebe e cómo.
Cheguei a el polo irmán editor e poeta do oráculo. Durante un tempo estivo na súa reducidísima lista de blogs aconsellables... agora xa non está.
O interfecto ( sei que non é a verba axeitada, que esta quere dicir outra cousa, pero úsoa como o faría calquera persoa que non fose filóloga) manifesta ser profesor universitario da USC, membro do opus dei ( en minúscula, que carambas), e experto en escritores descoñecidos polo vulgo.
Incomódanme as críticas ad hominem, e mesmo un dos exemplos que o meu difunto pai deitou foi que é posible pasar polo mundo sen necesidade de falar mal de ninguén, pero quero xustificar as negativas impresións que o fulano me causa polo que fai, non polo que é:
a) lingüisticamente galegófobo: moléstalle que existan traducións ao galego de obras de escritores estanxeiros ( e é profesor da USC); b) literariamente pedante; c) socialmente clasista; d) politicamente reaccionario; e) artísticamente provocador por conservador.
Por que estou enganchado a un fulano que, por exemplo, critica zafiamente a escrita de Rosalía de Castro? (tentarei de vencer a adición): Resposta: porque é gozosamente divertido ler laudatios ás homilias de Bieito XVI, porque o fulano non se corta en indignarse santamente contra as imposicións dos nacionalistas ( "presuntas imposicións" dos "nacionalistas perifericos", engadiría eu), porque abrir o seu blog é como abrir a caixa de bombóns que tiña no colo Forrest Gump, porque gracias a el coñezo que o ordinario do lugar fixo un "decreto de erección" do que son beneficiarios os opusinos; porque este, repito, profesor da USC ( este fulano terá voto proximamente para escoller Reitor) representa todo o que de negativo ten a igrexa católica.
Porque se os bos católicos pódense mirar orgullosos no espello de Vicente Ferrer, Casaldáliga, Ellacuría, Miret Magdalena, Chao Rego, Torres Queiruga ou no meu admirado Pacheco e os seus sermóns antiimperialistas, tamén compre recoñecer que este modelo, arestora, está nos nosos lares en recesión, e que lamentablemente - sobre todo para os que confesan esa relixión -, a onda que ven medrando é a de opus e semellantes.
En proximos capítulos, se o corazón resiste os ataques causados pola catarata das festas de Coia, falarei de bispos: esas pezas que van de esguello, as moi traidoras. E do baixo nivel episcopal actual, e de calotes no rural.

Etiquetas: , ,

01 julho 2009

Thomas Cavanaugh

O crego Thomas Cavanaugh fora o párroco do Presidente dos Estados Unidos desde cando éste era a penas un rapazolo e vivía na casa familiar. Mantiveran a relación ao tempo que Josiah Bartlet medraba, estudaba na universidade e se convertira nun prestixioso economista, mesmo cando lle deron o Premio Nobel. Xa na Casa Branca, unha noite no que o Presidente Bartlet tiña a opción de evitar a execución dun reo, apareceu alí o Reverendo Cavanaugh.
E o crego contoulle unha historia ao home máis importante do mundo:
"Un home vivía ao carón do río. Escoitou na radio que chegaba unha enchenta tan grande que probablemente asolagaría a cidade e que había que evacuar as casas. O home dixo: "Eu son unha persoa relixiosa, eu rezo, Deus me ama, Deus me salvará".
As augas chegaron. Apareceu por alí un home nunha zodiac e berroulle: "Hey, bo home. A cidade vai desaparecer, métase aquí e fique a salvo." Pero o home respostoulle: "Eu son unha persoa relixiosa, eu rezo, Deus me ama, Deus me salvará". Pouco despois chegou un helicóptero que ía voando a rentes dos tellados e que se aproximou ao home, ao que lle berraron cun megáfono:"Hey, vostede. Baixarémoslle unha escada, agárrese ben a ela e poñerémoslle nun lugar seguro", pero o home replicou que non, que era persoa relixiosa, que rezaba e que Deus amábao e que o ía salvar.
O home morreu afogado e ao estares diante de San Pedro pediulle de contado unha audiencia con Deus. "Señor", díxolle, "son un home relixioso, prego tódalas noites, eu pensaba que Ti me amabas". E Deus dixo: "Mandei dizer o parte na radio, enviei unha zodiac e un helicóptero... que diaños fas ti aquí?"

Nestes intres Thomas Cavanaugh está petando nas portas do ceo.

Etiquetas: , ,