29 setembro 2009

O baile dos vampiros

Paseino moi ben, hai xa tempo, vendo "O baile dos vampiros", película dirixida por Roman Polanski. Chinatown, despois, foi tamén unha grande película, digna herdeira do arte de John Huston, de Howard Hawks.

Hai barullo estes días porque seica apreixaron a Roman Polanski en Suíza, por mor dunha vella orde de detención a causa de ter sido condenado pola violación (dificilmente son capaz de atopar outra verba para definir o que pasa despois de emborrachar á víctima) dunha nena de trece anos.

Que o acusado dun delicto sexa famoso non é atenuante ningún. Sobre o tempo que pasou dende o día que foi cometido o noxento feito, ou o dictado da sentencia, remítome ás leis procedentes en materia de prescripción. Que a víctima cobrara indemnización do artista non lle perdoa as culpas (por suposto non as xurídicas, descoñezo a lei americana).

Indígnanme os manifestos pro liberdade de Polanski polo mero feito de seres "artista e cidadán francés de renome internacional".

Unha consideración persoal ( e pouco cristiana) : estos delictos deberían ser imprescriptibeis xuridicamente e imperdoabeis moralmente.

Etiquetas: ,

26 setembro 2009

Verdello rubio


Ao solpor aparezo por Velle e alí, na adega, miña curmá está a pisar os poucos acios de verdello rubio que foron recolleitos este ano. Miña tía, sentada, vainos botando dende os caldeiros. Eu, na volta a tres décadas atrás, agáchome a apañar os bagos que aparecen no chan.
Saio ao Campo e ollo, con infinita pena, ás terras queimadas. Desta volta foron poucas árbores e non moitas hectáreas, máis ben monte baixo, tanto por riba da Bouzafría que me prestou o nome como pola zona da Naveira, baixo o ceibo de Vilariño. Quen prende o lume? Por que?
Sinto que é necesario facer algo que faga mudar a situación dos montes. Mañá vou ter ocasión de falar con alguén que a cincoenta kilómetros está a facer un bo traballo de conservación e posterior rendemento.
A veciña cólleme das mans e os seus ollos encetan a se mollar ao tempo que di "canto te pareces ao pai". Ten os ollos máis bonitos que eu vin na vida, aínda agora xa ben pasados os oitenta, azuis celestes. Despídome xa case de noite, e como sempre co mesmo pensamento de se un día eu for rico mercar unha casa alí para prantar cepas e facer a vendima cada ano e despois ir morrer de vello.

Etiquetas:

24 setembro 2009

Criterios de utilización dos cartos publicos no deporte galego.

Acreditamos que nos tempos que corren, ben despacio, resultou unha farsa o intento propagandístico do actual goberno galego de vender as súas decisións como "técnicas", "austeras" e "desideoloxizadas" (verba aproximada na excelente versión do aínda conselleiro Vázquez Abad).
O deporte galego non é alleo a isto. Os nomeamentos dos altos cargos foi unha evidencia da carencia de complexos de Alberto Núñez (deixando ao carón motivos familiares), xa que manda recuncar ao doblemente polémico Lete Lasa (pola súa xestión no mesmo cargo antes da derradeira derrota de Fraga e polo seu paso na Comunidade de Madrid).
Non hai engano: o deporte é unha materia tan política como a educación ou a sanidade. O feito da súa menor incidencia nos orzamentos ou da escasa relevancia da súa influencia non afecta á natureza do departamento, tan válido para ideolixizar (se o fan os nacionalistas) ou desideolixizar (se o fan os centralistas). Estamos a ver a potente campaña de desprestixio dos servizos básicos públicos (sanidade e educación) implementada por Farjas e Vázquez Abad. Estamos a ver o desmantelamento das mellores realizacións do bipartito, feitas a conciencia, co propósito, non disimulado, de imprimir no subconsciente colectivo a tatuaxe da incapacidade do bipartito para liderar o país. (Aproveitando o parágrafo: é o momento de defender, sen permitir fírgoa algunha, a herdanza dos anteriores gobernantes: imprescindible).
O caso do deporte galego: do mesmo xeito que a comparanza fai máis guapas a Sánchez Piñón e Rubio Vidal, non está pasando moito tempo para que as federacións deportivas máis modestas achen de menos a Marta Souto e o seu pequeno equipo de esforzados colaboradores.
Segundo os cargos públicos utilicen os cartos á súa disposición así saberemos as características da súa política. O traballo tan agarimoso feito polo catedrático Arce da USC sobre os xogos e deportes tradicionais galegos ficará agachado na gaveta durante os vindeiros tres anos. Os símbolos identitarios, que dan orgullo de país, as seleccións (masculinas e femininas), seica van descansar tamén alegando a famosa austeridade. Hai indicios de cancelacións dos compromisos herdados relativos ás imprescindibeis axudas ao deporte universitario, pondo en risco mesmo a supervivencia de institucións necesarias para a sociedade no seu conxunto.

As prioridades foron explicitadas: deportes náuticos, deporte e saúde. Decisións previsibeis toda vez que lembramos a historia máis recente: a utilización da Fundación Deporte Galego como instrumento de intermediación para a organización da Volvo Ocean Race.
Pero non esquezamos que falamos do P.P., mestres do amiguismo, das redes sociais, do préstamo de favores. Non hai cartos para as seleccións galegas de fútbol ou para as universidades, pero si o hai para un evento non oficial que tivo o detalle de amosarnos na súa cartelería o nome característico do evento social do ano próximo: "Jacobeo 2010"(reintegracionistas?)

Falo dun torneo de xadrez de fin de semana non oficial ( sen recoñecemento por parte da Federación galega de xadrez nin pola Federación española), que se vai celebrar este fin de semana en Ourense: "Galicia Chess Festival", con 54.000 euros reservados para premios ( canto será o orzamento total?) Os xadrecistas estamos de noraboa, nunca tal se vira por eiquí. Réstanos parabenizar aos organizadores por semellante conquista de caudais públicos na época da asteridade albertiana. Preguntámonos todos con envexa: a que portas acudiron? que amizades empregaron?
Que lles vaia ben, pero levo días facéndome preguntas que se fora político e as sacara á luz exporiame a ser etiquetado como demagogo: Por este torneo de dous días e medio, ¿cantos partidos de seleccións galegas de deportes colectivos se poderían facer? ¿cantos meses poderían ser beneficiadas as tres universidades para desenvolver as súas políticas deportivas? ¿canto tempo sobrevivirían as pequenas federacións deportivas? ¿Cantos programas de deporte e saúde, ou de prevención da obesidade, se poderían facer nas escolas? ¿Cantos torneos de billarda ou de chave se poderían organizar nun ano? Por eses cartos, ¿Cantos torneos de xadrez farías nun ano por Galicia enteira?

Dicía antes que os criterios na utilización dos cartos públicos amosa a política dos gobernantes de turno(nunca mellor dito): Teño claro que o goberno escollido ata comezos do 2013 non lle importa ren a política de base, as escolas deportivas, a conservación e promoción do deporte de noso; este goberno prefire os eventos publicitarios. Lexítimo. Si, pero dende o meu punto de vista, totalmente errado.

Pero nun ataque de coherencia advirto que irei xogar, e loitarei para me levar a casa un anaquiño dos 54.000 euros.

Etiquetas: ,

18 setembro 2009

Tres políticos

Na agarda da sentencia do TC sobre o Estatut levo tempo pensando sobre as consecuencias ( e os antecedentes, dos que falarei no seguinte post) e de cando en vez volven aparecer na cabeza os nomes de tres políticos conservadores, que tanxencialmente algo teñen que ver con todo isto, e que me retrotraen a miña infancia.

a) Cruz Martínez Esteruelas: político lóstrego, que fixo unha rápida carreira no franquismo serodio. Responsable por parte de Alianza Popular de defender o sistema electoral español que ao cabo ficou establecido. Obxectivo dos conservadores herdeiros do franquismo: manter o seu status propio sen lle importar a proporcionalidade da representación. A publicidade conservadora contra os nacionalismos periféricos encárganse ben de agachar o feito matemático de que éstes están subrepresentados no parlamento do estado - non digamos Izquierda Unida -, mentres eles, agora o P.P., teñen máis representación parlamentaria da que lle correspondería pola porcentaxe de votos obtida.
No chambo no que se convirtiu o Congreso, o xoven daquela C.M.E., amosou boas artes negociadoras.

b) Manuel Clavero Arévalo: o creador da mítica frase "café para todos" que baixo o verniz do consenso e do compromiso agachaba o sempiterno receo anticatalán, máis exacerbado nas provincias limítrofes, Madrid, Extremadura e Andalucía, de onde era este profesor universitario.
Conseguiuse adiar un conflicto latente dende séculos, as coñecidas tensións territoriais. Canda foi chegada a hora de tentar a resolución - primeira lexislatura de Zapatero - éste erra, na miña opinión, de estratexia. No canto de abordar a reforma constitucional do Título VIII empúrrase ás comunidades máis audaces a trocar os seus estatutos. Pretendíase chegar á mesma meta pero escollendo un atallo complicado: preferiuse a vía dos feitos sen ter preparada a cobertura xurídica que avalara as reformas lexislativas.

c) Ricardo de la Cierva: non nos enganemos, aínda que foi Ministro de Cultura pola UCD, o historiador de la Cierva é un franquista confeso. Que un individuo das súas características fora Ministro de Cultura reflicte de xeito patético a soidade que tivo que padecer Adolfo Suárez para poder escoller a persoeiros que aceptaran entrar no seu proxecto.
Agora, xa ancián, da acubillo aos pseudo historiadores revisionistas. Pobriños.
De la Cierva é autor tamén de dúas frases míticas: a primeira "que error, que inmenso error" foi pronunciada ao coñecerse a eleccción de Adolfo Suárez como presidente de goberno. A segunda, de plena actualidade, foi a súa resposta ás preguntas de Alfonso Guerra interesándose pola retirada da película "El Crimen de Cuenca" da súa posterior enemiga Pilar Miró. De la Cierva dixo: "si hiciésemos caso de la Constitución... que no lo hacemos"


Estas cousas lémbranme a Luis Carandell, cuñado dun gran poeta, popular cronista parlamentario da época, e que a Asociación de Estudiantes onde eu participaba trouxo a dar unha conferencia ao Auditorio da USC, que foi un grande éxito. Carandell lembraba a intervención na Comisión constitucional de Heribert Barrera, de Ezquerra Republicana, defendendo a forma republicana do Estado. Seica provocou a unánime risada cando dixo algo así como: "Todos los países europeos son republicanos, menos... Reino Unido..., Bélgica..., Holanda..., Suecia..., Dinamarca..., Noruega..., Luxemburgo..., Mónaco..., Lietchenstein.

Etiquetas:

O país invisible

Están ao carón noso, pero non os vemos. Portugal non existe. Hoxe está o país do sul do Minho saloucando por sete rapazas mortas nun accidente na estrada de Penafiel, mentres na España ninguén sabe que lle pasa ao veciño humilde... ninguén quere saber.
Unha rápida pescuda polos xornais dixitais de Galiza, Madrid e Barcelona deixan a certeza que no estado español os asuntos portugueses non interesan: agás unha notiña na Región de Ourense, ninguén ecoou a mala nova das estradas portuguesas.
Coñecemos Portugal? Sabemos algo da súa historia? da súa historia contada por eles e da súa historia contada polos casteláns? Quen foi Brites de Almeida? Qué pasou en Aljubarrota e por que?

Hai excepcións ao desprezo secular: Nos actuais días electorais portugueses unha candidata conservadora pon en cuestión as infraestructuras do ferrocarril e os seus enlaces con Vigo e Madrid, o que provocou a atención moderada dos medios de comunicación. Sen entrar no fondo do asunto, unha estupidez, a escolla de Manuela Ferreira Leite non é casual, porque o victimismo demagóxico sobre España da tantos réditos en Portugal coma na España o discurso infinito da ruptura do estado.

Mentres tanto eu estarei atento á pantalla, para ver as xogadas de Pablo Aimar e do coello Saviola.

Etiquetas:

15 setembro 2009

Dean Martin



Dean Martin é un dos meus actores favoritos: sempre está ben e cando menos, en dúas ocasións, sublime: "Kiss me, stupid", de Billy Wilder, onde realiza unha desacomplexada autoparodia, e "Rio Bravo", cunha interpretación chea de matices.
Hai un motivo máis importante: cáeme fenomenal e penso que foi no seu tempo minusvalorado e hoxe prematuramente esquecido.
A miña admiración fíxose maior logo de ler ao excelente Enric González

Etiquetas:

11 setembro 2009

Coruñés de pro

De seguido, nesta ligazón, a biografía dun coruñés de pro, en palabras ben representativas de Carlos Negreira, parlamentario galego e concelleiro coruñés.

Etiquetas: ,

Centro de Subnormales

Hai tempo que vexo con bos ollos Ourense. Cando non fai calor de máis é agradable ir pola rúa do Paseo, onde unha rapaza con facións eslavas toca no seu violín a música de Morricone para A Misión; ou chegar a praza onde está a estatua do Padre Feijoo, ao carón do quiosco de améndoas garrapiñadas, nun lugar e nun arrecendo, que non sei por que, fai que me lembre do meu pai.

Metros despois está o Concello, e moi perto tamén, a delegación do Catastro. Nos dous sitios pendura da parede o mesmo gran plano da cidade, o rueiro oficial do ano 1991, segundo alí explicita.

Eu teño especial predileción polos planos, pola cartografía. Polas vistas aéreas. Se tivera máis vidas, ou mesmo outra soa, faría cousas moi distintas ás feitas. Para empezar estudaría aquilo que de certo me gostase, xeografía, por exemplo. (Coñecin a semana pasada, curioso, a un home da Facultade de Xeografía e Historia chamado Marcos Valcárcel. Pregunteille se tiña algo que ver co amigo historiador ervedeliano ourensán, e dixo que nada en absoluto, agás nome e apelido. "E máis", engadiu, "non son historiador senón xeógrafo")

Como no Catastro sempre hai que agardar arrimeime ao plano e alí descubrín nomes agachados na cachola desde a infancia, nomes que algunha vez escoitara, e que agora, convertidos en topónimos, por vez primeira sería capaz de situar. Púxenme a ler, mixturando os coñecidos cos novos, sonoridades rotundas, tendencia ao animalario: "Rabo de galo", "Cabeza de vaca", "Erbedelo" (con b), "Granxa", "Seixalbo", "Rairo", "Perdigón", "Rabaza", "Mende", "Valdoseira", "Gouriz", "Guizamonde", "Paraíso" ( quero ir un día a ese sitio)...
A miña vista procurou Velle, e alí, arriba de todo, ao carón dun grande edificio, o nome deste: "Centro de Subnormales".

Rueiro oficial. Concello de Ourense. Delegación do Catastro. Como é posible isto? Ninguén le? A ninguén lle importa? A min si. Eu estou ofendido.

Etiquetas: , ,

09 setembro 2009

O Bispo


Nunha moi interesante obra o dominico Jacobo de Cessolis utilizou o xadrez para argumentar a conveniencia da inmobilidade das clases sociais. No opúsculo, Liber de móribus hóminum et de officiis nobílium súper lúdum scacchórum, ( traducido en 1549 polo licenciado Reyna ao castelán co título Dechado de la vida humana moralmente sacado del juego del ajedrez) comparaban as dezaseis pezas que cada xogador ten co seu correspondente oficio, arte liberal ou dignidade do mundo real. As comparanzas son ben divertidas: o Rei é o Rei, e a Dama xadrecística e a Raíña. As Torres son os Señores que campan nos castelos e os Cabalos de madeira representan aos cabaleiros, aos oficiais do exército. Os Bispos son o que son e o que representan, nunca mellor reflictidos na peza que vai de esguello, en diagonal, que se desliza sen saír nunca do seu rego.
Sublíñase o feito de precisar ben quen rodea á Raíña, aqueles que a poden ver no íntimo, pois nada máis que o Rei a súa dereita (nas pezas brancas); o peón que representa ao Médico, fronte ela; e máis a súa esquerda o Bispo confesor, serán os únicos que poderían ver espida a súa maxestade.
O poder dos bispos é poderoso pero camuflado.

Os tempos pasan pero nalgunhas representacións da realidade poucas cousas mudaron. Falo agora dun home nado no corazón de Galiza, en Touro, de 75 anos e Ordinario do meu lugar. Sete persoas acudimos a unha cita co Bispo de Tui-Vigo, José Diéguez Reboredo, a comezos de xullo para solicitar respectuosamente información sobre a posesión da casa reitoral da aldea onde paso as vacacións. A asociación de veciños, da cal formo parte e por esa cualidade fun convidado a esa cita, descubriu intres antes do comezo da entrevista, que o Párroco da aldea, José Juan Sobrino Pino, mentiu desde o púlpito a toda a parroquia, cando mesmo o 21 de xuño dicía non coñecer nada sobre unha posible venta desa casa e despois os documentos acreditaban que o anterior 15 de decembro fora el mesmo quen acudira ao notario para formalizar a venda do inmoble: unha casa reitoral en bo estado de conservación con 5.000 m2 de finca pola modesta cifra de 60.000 euros pagadeiros en seis prazos sen xuros. O comprador: funcionario da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, (baixo Sicart, baixo Felipe Arias, baixo Rey Pichel) nos Basquiños, cun traballo consistente en restaurar mosteiros e igrexas, a quen lle agradece o clero o seu empeño e cariño.

Na triste e modesta residencia da Guía celebrouse a reunión co Bispo, que durou algo máis de dúas horas, das cales súa Eminencia fixo posesión da palabra nunha porcentaxe abraiante e ao estilo recoñecible no clero: suave nas formas, implacable de fondo. Os sete representantes veciñais usamos a língua galega, mentres que o señor Bispo, galego de Touro, repito, non se baixou do castelán.
Dúas horas de mentiras proferidas polo vicario de Cristo para a parte sur da ría de Vigo ata a fronteira do Miño ( que non é fronteira senón arteria, en fecundas verbas de Xurxo Souto).

Facéndolle honra a Jorge Luis Borges, o noso Bispo foi merecente do cualificativo de oblicuo e sesgo.

Mañá, se cadra, descendemos no escalafón.

Etiquetas: , ,