24 setembro 2009

Criterios de utilización dos cartos publicos no deporte galego.

Acreditamos que nos tempos que corren, ben despacio, resultou unha farsa o intento propagandístico do actual goberno galego de vender as súas decisións como "técnicas", "austeras" e "desideoloxizadas" (verba aproximada na excelente versión do aínda conselleiro Vázquez Abad).
O deporte galego non é alleo a isto. Os nomeamentos dos altos cargos foi unha evidencia da carencia de complexos de Alberto Núñez (deixando ao carón motivos familiares), xa que manda recuncar ao doblemente polémico Lete Lasa (pola súa xestión no mesmo cargo antes da derradeira derrota de Fraga e polo seu paso na Comunidade de Madrid).
Non hai engano: o deporte é unha materia tan política como a educación ou a sanidade. O feito da súa menor incidencia nos orzamentos ou da escasa relevancia da súa influencia non afecta á natureza do departamento, tan válido para ideolixizar (se o fan os nacionalistas) ou desideolixizar (se o fan os centralistas). Estamos a ver a potente campaña de desprestixio dos servizos básicos públicos (sanidade e educación) implementada por Farjas e Vázquez Abad. Estamos a ver o desmantelamento das mellores realizacións do bipartito, feitas a conciencia, co propósito, non disimulado, de imprimir no subconsciente colectivo a tatuaxe da incapacidade do bipartito para liderar o país. (Aproveitando o parágrafo: é o momento de defender, sen permitir fírgoa algunha, a herdanza dos anteriores gobernantes: imprescindible).
O caso do deporte galego: do mesmo xeito que a comparanza fai máis guapas a Sánchez Piñón e Rubio Vidal, non está pasando moito tempo para que as federacións deportivas máis modestas achen de menos a Marta Souto e o seu pequeno equipo de esforzados colaboradores.
Segundo os cargos públicos utilicen os cartos á súa disposición así saberemos as características da súa política. O traballo tan agarimoso feito polo catedrático Arce da USC sobre os xogos e deportes tradicionais galegos ficará agachado na gaveta durante os vindeiros tres anos. Os símbolos identitarios, que dan orgullo de país, as seleccións (masculinas e femininas), seica van descansar tamén alegando a famosa austeridade. Hai indicios de cancelacións dos compromisos herdados relativos ás imprescindibeis axudas ao deporte universitario, pondo en risco mesmo a supervivencia de institucións necesarias para a sociedade no seu conxunto.

As prioridades foron explicitadas: deportes náuticos, deporte e saúde. Decisións previsibeis toda vez que lembramos a historia máis recente: a utilización da Fundación Deporte Galego como instrumento de intermediación para a organización da Volvo Ocean Race.
Pero non esquezamos que falamos do P.P., mestres do amiguismo, das redes sociais, do préstamo de favores. Non hai cartos para as seleccións galegas de fútbol ou para as universidades, pero si o hai para un evento non oficial que tivo o detalle de amosarnos na súa cartelería o nome característico do evento social do ano próximo: "Jacobeo 2010"(reintegracionistas?)

Falo dun torneo de xadrez de fin de semana non oficial ( sen recoñecemento por parte da Federación galega de xadrez nin pola Federación española), que se vai celebrar este fin de semana en Ourense: "Galicia Chess Festival", con 54.000 euros reservados para premios ( canto será o orzamento total?) Os xadrecistas estamos de noraboa, nunca tal se vira por eiquí. Réstanos parabenizar aos organizadores por semellante conquista de caudais públicos na época da asteridade albertiana. Preguntámonos todos con envexa: a que portas acudiron? que amizades empregaron?
Que lles vaia ben, pero levo días facéndome preguntas que se fora político e as sacara á luz exporiame a ser etiquetado como demagogo: Por este torneo de dous días e medio, ¿cantos partidos de seleccións galegas de deportes colectivos se poderían facer? ¿cantos meses poderían ser beneficiadas as tres universidades para desenvolver as súas políticas deportivas? ¿canto tempo sobrevivirían as pequenas federacións deportivas? ¿Cantos programas de deporte e saúde, ou de prevención da obesidade, se poderían facer nas escolas? ¿Cantos torneos de billarda ou de chave se poderían organizar nun ano? Por eses cartos, ¿Cantos torneos de xadrez farías nun ano por Galicia enteira?

Dicía antes que os criterios na utilización dos cartos públicos amosa a política dos gobernantes de turno(nunca mellor dito): Teño claro que o goberno escollido ata comezos do 2013 non lle importa ren a política de base, as escolas deportivas, a conservación e promoción do deporte de noso; este goberno prefire os eventos publicitarios. Lexítimo. Si, pero dende o meu punto de vista, totalmente errado.

Pero nun ataque de coherencia advirto que irei xogar, e loitarei para me levar a casa un anaquiño dos 54.000 euros.

Etiquetas: ,