16 outubro 2009

Miguélez e Karina

O outro día vin unha pequena entrevista a Rosa Miguélez como Presidenta da Saeca. E volvinme lembrar da outrora parlamentaria, e despois eurodiputada, agora xa case esquecida ao estar fora da devasa que separa o barullo político galego de hoxendía do balneario europeo ou da xestión premiada.
Por razóns que hoxe seméllanme moi lonxanas tiven coñecemento, como observador, das interioridades xurídicas dun asunto que foi, cando menos, moi instructivo humanamente aínda que significara unha maior dose de cinismo na mochila das experiencias.
Refírome case á prehistoria: Victorino Núñez era presidente do Parlamento. Fago resumo cronolóxico (aproximado, disimúlenme):
- Na primavera de 1991 Rosa Miguélez fai unhas declaracións no Parlamento galego que causan xustificado balbordo: "Que o Partido Popular teña como militante a unha muller como Karina Fálagan, coñecida prostituta de Vigo, non quere dicir que tódalas mulleres do PP o sexan".
No seu momento aquelas verbas parecéronme politicamente inanes, moralmente noxentas, intelectualmente falaces e estratexicamente estúpidas. Dezaoito anos despois ratifícome.
- Dous anos despois, no verán, nas vésperas do Día da Patria, a aludida Karina Fálagan, cando menos coñecida propietaria dun bar da praia de Samil, consegue entrar no Parlamento de Galicia, accede á cafetería onde está Rosa Miguélez, e após de lle preguntar se a coñecía e ter recibido unha negativa por resposta, sen mediar máis palabra, estampoulle unha labazada na caluga ao tempo que a insultaba.
- Como consecuencia do anterior, o Presidente do Parlamento, Victorino Núñez (que se comportou en todo momento cun alto sentido de responsabilidade institucional) presentou denuncia perante o Xulgado de garda, que tomou declaración á agresora (que se negou a falar), aos parlamentarios e testemuñas: Maria Antonia Álvarez Yañez, Pedro Borrajo Rivas e ao posterior alcalde de Vigo Manuel Pérez Álvarez; ademáis declararon o Conselleiro de Xustiza Diz Guedes, xunto ao xornalista Gerardo Pardo Díaz de Vera e o responsable da cafetería Serafín Melón. Por último, tamén declarou a agredida.
- Posteriormente, xaneiro de 1994, iníciase Procedemento Abreviado, sendo imputada Karina Fálagan e exercendo a acusación particular o Parlamento de Galicia, solicitando a pena de seis anos e un día de prisión e un millón de pesetas de multa pola comisión dun delicto de atentado.
- A finais de marzo intenta Rosa Miguélez o seu personamento como parte perxudicada, pero nin o Xulgado de Instrucción 2 de Santiago nin a Sección 2ª da Audiencia Provincial permiten tal personamento por extemporáneo ( presentouse despois do trámite de cualificación do delicto).
- En xuño de 1994 acórdase a apertura do Xuízo Oral contra Karina Fálagan polo delicto de atentado, decretándose a liberdade provisional da agora acusada e impoñéndolle unha caución de 500.000 pesetas ante as eventuais responsabilidades civís.
- Sorprendentemente o Fiscal Xefe García Malvar solicita o sobreseimento libre pedindo se convirta o procedemento nun xuízo de faltas.
- A defensa da agresora adhírese á tese do Ministerio Fiscal, admitindo unha condena por unha falta de agresión (sen lesión), consistente na multa mínima de 50.000 pesetas.
- O 23 de febreiro de 1995 celébrase o Xuízo Oral na Coruña. Das testemuñas citadas pola Acusación Particular só comparecen o encargado da cafetería e o parlamentario Pedro Borrajo.
García Malvar volve reiterar no seu informe que a actuación da acusada non é constitutiva de delicto senón de falta.
- A acusación particular razoa que a agresión é constitutiva de atentado, por ser dirixida a unha autoridade ( parlamentaria), abundando o feito que a agresión foi realizada nas instalacións do Parlamento e como consecuencia mediata dunhas declaracións ( de certo, desafortunadas) efectuadas no propio Parlamento pola agredida na súa cualidade de Parlamentaria.
- O 27 de febreiro díctase Sentenza na que se absolve a Karina Falagan do delicto de atentado ao entender que o lugar da agresión, a cafetería, significa que a agredida non estaba no exercicio das súas funcións.

Conclusións (propias): A Audiencia equivócase, o Fiscal Xefe - outra vez máis - errou. Pero a solicitude de pena polo delicto de Atentado ( seis anos de prisión, un millón de pesetas, seis anos fora de Galicia) como consecuencia dun cachete é totalmente desproporcionado.

Coda: Rosa Miguélez volve aparecer agora como Presidenta dunha sociedade estatal, logo do paso polo exilio europeo.
Karina Fálagan segue montando o concurso de castelos de area na praia de Samil.

Etiquetas: , ,

08 outubro 2009

Müller e misceláneas

Eu se escoito ou leo Müller só penso no "Torpedo", no compañeiro de Maier e Beckembauer.
Hoxe, contra o mediodía souben da existencia dunha escritora chamada Herta Müller porque lle concederon o Premio Nobel de Literatura.
A miña ignorancia é infinita.

Outro apunte, curioso, sobre literatura. O pasado xoves, nunha "viaxe lóstrego" o noso anfitrión, madrileño, comentou que a novela que máis lle gostara das que lira neste ano foi "La playa de los ahogados", a de Domingo Villar ( en castelán, claro). Dixo que cando volte por eiquí intentará achegarse aos sitios onde discorre a novela. Turismo literario... interesante.

Turismo co permiso da AMI: vinlles en Vigo o segundo mellor grafitti que lembro: "Turistas fora da Galiza", aínda que non chega á altura da que aledaba o Tarasca: "Sito Miñanco: Preso político".

Etiquetas: ,

05 outubro 2009

Imaxes

Somos memoria ( ás veces memoria construída), e a memoria exprésase en recendos, cheirumes, verbas e tamén en imaxes.

Imaxe 1ª: Dende a terraza do edificio dos meus tíos, perto da Dehesa de la Villa, óllase a un rapazolo, aínda non adolescente, ir en bicicleta, saltando da beirrarúa á rúa e volta outra vez. Un autobús ponse ao seu carón, ruído agudo dun freazo, berridos. Fórmase un barullo de persoas xunto ao autobús. Chega unha ambulancia. Non sacan padiola algunha. Ao pouco tempo unha saba branca tapa o corpo do rapaz. Teño gañas de vomitar.

Imaxe 2ª: Festa de despedida a cooperantes galegos en Latinoamérica. Calor. Caipirinhas. Todas as miradas diríxense ao rapaz galego que afundido nun sillón medio roto non para de beber. A súa moza (ou xa ex-moza) estase magreando cun dos anfitrións, que de contado irá buscar un lugar máis recollido para rematar a súa alegría. Todo o mundo mira ao rapaz. É absurdo tanto sadismo, non hai nada que ver.

Imaxe 3ª: De noite. É a primeira vez que vexo un morto: Fáltanme dous meses para cumprir tres anos. O avó sentado na silla de madeira. Tras del, miña nai e as súas dúas irmás, de pe, saloucan. Na caixa miña avoa. Escoito a miña irmá preguntar como quero os ovos fritidos. Afástome da porta da última habitación da casa para liscar correndo á cociña.

Imaxe 4ª: Río Miño, verán. O xantar foi abundante de máis. A auga non parece fría. De súpeto aparezo no fondo, tento ir cara fora e non son capaz. Outra vez fico mergullado. Volvo tentar saír e volvo baixar. Aproveito un penedo para coller pulo. Quero berrar e non podo. A non máis de dez metros dúas parellas e unha muller embarazada, que non mira pra min. Volvo para baixo e volvo saír. Non son capaz de precisar o tempo que estiven no remuíño, vinte segundos ou dous minutos. Cando aparezo na area rompo a chorar.

Imaxe 5ª: Verán de tarde. Moita calor. Estamos seis ou sete nunha cabaniña dende onde se ve todo Ourense, en Ervedelo. O neto do Sr. Federico, algo maior ca min, terá trece ou catorce anos, métese comigo dicindo que a min me gusta Mónica, a neta do Sr. Benxamín. É certo, pero eu (sempre estúpido, a estupidez non sabe de idades) négoo. O acoso aumenta e o franchute arrepóñeseme. El é máis alto e máis forte, eu un covarde. Ven por min, bótolle unha trabada ao seu lombo que rompe a camiseta e faille sangrar. El chora e vaise. Voume eu tamén. Non volvín falar con ela.

Imaxe 6ª: Avoa paterna e avó materno no piso de Vigo. Recén viúvos os dous ( máis recén el ca ela), están sentados no sofa. Eu son pequeno para ir á escola. Miña nai dame dúas copiñas, que despois encho de Sansón. Eles brindan. É a única vez que os vin xuntos.

Imaxe 7ª: Salón nobre do Liceo de Ourense. Últimos minutos do Campionato de España universitario de xadrez. Son o delegado do meu equipo, e quédanos unha partida para rematar. Xoga con nos o que fora hai dous anos subcampión de España individual. Na man dereita levo unha libreta pero agora os cálculos seinos de memoria. Ofrécenlle táboas ao noso xogador. El me mira: Se acepta o noso equipo queda subcampión de España, se gañamos seremos campións. Dígolle que continúe. Xoga. Perdemos.

Imaxe 8ª a): Estou cunha rapaza. Recebe unha chamada telefónica; deduzo que é o mozo. Empezan a discutir e na leada ela equivócase e interpélao usando meu nome. El enfádase. A min non me importa.
Imaxe 8ª b): Estou con outra rapaza. No medio das apertas e a medio espir ela bisbisea un nome distinto ao meu: A min non me importa.

Imaxe 9ª: Reviravoltas de inicio na autoestrada en Santiago de Compostela, xunto á Ponte da Rocha. De súpeto perdo o control da direción do coche, seica pasei por mancha de aceite. Vou en cámara lenta de despacio que ía o coche, pero non consigo que o volante obedeza. Suavemente vai esvarando cara a mediana de formigón. Dame tempo a pensar que ata podería saír e empurrar o coche para evitar o golpe. Dame tempo a pensar que ao mellor o coche para antes de chegar a impactar. Choca nun lateral, ráianse as dúas portas.

Imaxe 10ª: Como o parto está a durar demasiado tempo, a comadrona colle unhas tesoiras e mete as mans. Regresa cunha presada de cabelos loiros ao tempo que anima: "veña, que xa está eiquí."


Imaxe 5ª

Etiquetas:

02 outubro 2009

Cidade olímpica

Estou convencido que Madrid non ten nada que facer. Entre outras razóns porque a quenda vai fora de Europa, e porque a candidatura de Madrid non ten aliados: os europeos porque agardarán a dentro de catro anos, os africanos porque votarán para Chicago, e os latinoamericanos votarán a Río. Toquio? Por que non?
Coronaríame que gañara Río.
Supoño que gañará Chicago.

Pero o que máis me gostaria ser de maior é formar parte do Comité Olímpico Internacional. (Ou ser directivo prexubilado dun gran banco).

Etiquetas: