23 novembro 2009

(Con) fusión

Escoito na radio, perplexo primeiro e indignado despois, as verbas de Alberto Núñez, presidente de Galicia, que sinala que a responsabilidade do que resulte do problema das caixas de aforro galegas será de tódolos axentes sociais implicados. Ese xeito de escorrer o vulto, de non querer asumir os custes das decisións que por causa do cargo hai que tomar ( e por ende, pretender non tomalas) resúltame moi paradigmática da ideoloxía neoliberal española (sen complexos) que están a gobernar nalgunhas comunidades do Estado.
Ese (des) goberno caracterizado pola inacción política pública, na esperanza (Esperanza) de que o tempo e os mercados decidan o para eles correcto. E a desacomplexada estratexia de efectuar accións favorecedoras do privado (na escusa intelectual de que hai que adelgazar a administración) coa evidente pretensión de cumprir o consello dos seus maiores, posto en práctica na época de "extraordinaria placidez", aos nosos ouro, aos indiferentes pao, aos inimigos chumbo.

A cuestión anda agora sobre as dúas caixas de aforro públicas galegas que arestora existen no país.
As "forzas vivas" do norte galego, coordinadas pola Voz de Galicia, presionan a favor da fusión das entidades, co cálculo evidente que o maior tamaño de Caixa Galicia redundará na hexemonía norteña do resultado subseguinte. En Vigo, opóñense polos mesmos motivos a sensu contrario, tomando parte dende o insoportable e engolado alcalde que estamos a sufrir ata os radicalmente dereitosos membros da Cámara de Comercio dirixidos por Pepe García Costas
Os que saben disto comentan que tamén está en xogo a posición privilexiada dos dirixentes actuais. E moitos esquecen que se está a decidir sobre a viabilidade de case dous mil postos de traballo.
Achamos en falta números concretos que xustifiquen diagnósticos e pola contra coidamos abondosa de máis a retórica esgrimida estes días. Sen datos explicados é comprensible que a cidadanía opte por acudir aos atávicos localismos, tan estúpidos, e tome parte dependendo da veciñanza.
Na paisaxe, no horizonte, obsérvanse as futuras eleccións municipais. Máis barullo, máis ruído. O escrutinio das opinions dos representantes de PP,PSOE e BNG en Vigo e Pontevedra (en menor medida Ourense) será máximo; e o mesmo cabe dicir na Coruña (Ferrol, Santiago e Lugo máis difusos).
Esta semana reunións. Atentos.

Etiquetas:

Fede

Farto estou do ambiente ao noso redor. Farto dun goberno que só adica esforzos en deconstruír o feito nos tres anos anteriores. Farto do pouco sentido de país que temos, absortos en localismos estúpidos e da falta dun proxecto estratéxico común: fago listaxe: Alvedro e Peinador, Porto exterior da Coruña, Cidade da Cultura, Facultade de Medicina, Losada e Caballero...
Cheo de medios de comunicación que pretenden (ás veces consígueno) pór gobernos, mancar aos enemigos... medios que lle damos máis valor do que teñen, confundindo - como noutras cousas da vida - o tamaño coa eficiencia.
Fede o aire e a xente acostumada xa non se queixa.
Nun país normal, normalizado, o recorte bestial orzamentario previsto ás Universidades públicas galegas debería erguer de indignación a un amplo espectro transversal da xente informada. Eiquí non pasa nada.
Pero quero escribir a miña indignación. Para cando amaine o temporal, cando dentro de tres anos poidamos despedir a esta xente, ter memoria apuntada para lembrar canto sufrimos, para tentar non repetir os mesmos erros.

Etiquetas:

Alemania 1974. Cruyff

Alemania 74.
Campión: Alemania Occidental.
Mellor xogador: Johann Cruyff.

Unha das miñas primeiras lembranzas futbolísticas (televisivas) remóntanse á fase de clasificación para o Mundial 74 de Alemania, da Alemania Occidental, que se dicía daquela para a diferenciar da Alemania Oriental ( ou autodenominada "democrática"). Un día, a volta do colexio polo mediodía, vin que na televisión botaban un Grecia - Iugoslavia. Alleo ás cuestións matemáticas e máis atento a sonoridade dos nomes dos países, manifestei a miña predileción polos iuguslavos, ao que meu pai respostou que o maior interese para España sería a non victoria para aqueles. O resultado daquel partido, 2-4, provocou un partido de desempate entre España e Iugoslavia, que foi celebrado en Francfort e que tamén rematou coa victoria balcánica despois dun gol de Katalinski á saída dun córner.
España quedou fora do primeiro Mundial post Pelé, o mellor xogador da historia do futbol segundo a opinión estendida na época, aínda impresionada polo Brasil do mundial de México 70.
Fun un siareiro fiel do meu primeiro Mundial de fútbol, e vin tódolos partidos que puiden, e na inocencia da infancia decidín admirar aos bos, aínda que perderan.
Lembro a estupenda sorpresa de Polonia; o gol de Sparwasser que lle deu unha alegría histórica á Alemania Oriental; os nomes alemáns: Maier, Beckembauer, Overath, Müller; e sobre todo aos vencedores morais do torneo: a Holanda encabezada por Johann Cruyff, un grandísimo xogador, líder indiscutible dun equipo cheo de figuras: Neeskens, Rep, Krol, Rensenbrink, e de porteiro Jongbloed, que non usaba luvas.
Fican para sempre na memoria as imaxes do Holanda-Arxentina, co gol de Cruyff superando a Carnevale. Ou a Taylor, o árbitro inglés sinalando o punto de penalty ao medio minuto de se iniciar a final.
Gañou Alemania, que no partido decisivo foi máis eficaz que Holanda, en boa parte polo traballo de Vogts sobre Cruyff, pero o pequeno país europeo gañou aos neutrais para sempre pola herdanza do Ajax convertida nunha sinfonía laranxa.

Etiquetas: ,

18 novembro 2009

Alakrana. Ideas rápidas

Unha das frases que maís me gustan de Álvaro Cunqueiro, e non me gustan poucas, foi dita cando o grande escritor mindoniense estaba a cotío embarullado no balbordo ocasionado polo seu traballo como director do Faro de Vigo. Dixo: gostariame dirixir un xornal que saíra á rúa unha semana máis tarde de acontecidas as noticias; comprobariamos como trocarían as informacións e as opinións que son publicadas pola prensa normal.

Eu ultimamente voulle facendo caso a aquel que xaz pertiño de Pascual Veiga e que coa súa obra fixo que Galicia durase mil anos máis, e por conseguinte vou deixando pasar a rabiosa actualidade sen anotar nada, ou a distancia suficiente: a preguiza, a falta de tempo, o novo xoguete do facebook e a Teoría do Big Band. Pero fago unha excepción, e aproveito a noite da liberación do Alakrana para expor o que me suxire o que pasou durante o último mes e medio.

1. Goberno de España: Aparentaron división interna, manifestáronse eivas de comunicación, e sen embargo creo que o seu traballo foi esencialmente correcto atendendo ao resultado e as alternativas reais. Déixaronme a sensación - satisfactoria - que barallando moita información mantiveron a calma e a discreción.

2. Oposición: As primeiras opinións sobre o caso manifestadas polos voceiros estatais do Partido Popular déronme noxo, esquecendo o mínimo requerido de lealdade institucional e sen lles importar tanto o desenlace do conflicto coma o posible rédito electoral posterior. Afortunadamente, e por unha vez, as declaracións de Alberto Núñez e de Basagoiti en Euskadi aportaron sensatez e control e reconduciron aos compañeiros madrileños.
Todo o que escoite do BNG, sinaladamente Bieito Lobeira, e de Izquierda Unida pareceume impecable.

3. Prensa escrita: Cabe distinguir entre a seria e a amarela ( que tanto en Galicia coma en España non depende do volume de ventas ou distribución ). A seria estivo máis ou menos contida. A amarela fixo honra ao alcume e botaron por fora, arreándolle ora a Garzón, ora a Zapatero. Cando o oficio de informar está pasado polo cedazo da manipulación mal resultado vai dar a opinión resultante.

4. Xustiza: Indebidamente tratados os xuíces da Audiencia Nacional, penaron por culpas alleas. Non é necesario un máster para comprender que hai diferenzas notabilísimas entre os xuíces dese tan peculiar órgano xurisdiccional. Santiago Pedraz leva tempo inspirándome confianza. Por outra banda constatamos que Garzón sufriu unha persecución ad hominem.

5. Armadores: Supoño que cando veñen ben dadas vai ao seu haber os beneficios que deixen os seus barcos. Sensu contrario...

6. Mariñeiros: Escoiteilles pedir ao Goberno do Estado que fixeran tal e cal cousa que facilitarían a súa liberación. As súas conductas entran na categoría de inesixibilidade. Eles poden falar, outra cousa é se se lles pode facer caso. Veume varias veces á cabeza durante estes días a conducta de Aldo Moro nos seus últimos días de vida, cando retido polas Brigadas Vermellas, solicitaba ao seu goberno que accedera ás pretensións dos terroristas. Quen non faría o mesmo?

7. Familiares dos mariñeiros: Idéntico criterio de inesixibilidade. A diferenza das súas primeiras declaracións trala liberación, teño o convencemento de que a súa conducta entorpeceu máis que axudou. Só o final, cando gardaron silencio, parecéronme útiles, pero é imposible poderlles esixir outra cousa distinta ao que fixeron.

8. Piratas: Para estar famélicos e fumados como dicían algúns, conseguiron levar a axenda informativa do asunto de xeito impecable.

Conclusión 1ª: Mañá pola mañá os que máis erraron vanlle dar caña ao Goberno. Goberno que por prudencia debería non respostar as acusacións. Cómpre adoptar medidas que reduzan no posible a repetición de sucesos semellantes.

Conclusión 2ª: Alguén se preguntou cal é a causa de tantos incidentes no Índico? Que leva aos piratas a se converter en tales? Teñen alternativas? Os países so primeiro mundo, teñen algo que dicir sobre o estado da situación naquela zona?

Etiquetas:

16 novembro 2009

Receitas de Mel

1. Canapés de mazá

Ingredientes:
- 6 galletas de avea
- 1 mazá grande
- Zume dunha laranxa
- 100 gr. de nata
- 6 culleradas de mel
- 250 gr de fresas

Prepárase así:
Enriba de cada galleta débese deixar partes de mazá humedecidas en zume de laranxa. Encima vérteselle a nata previamente misturada de mel, embelécese de fresas e arrefríase na neveira.


2. Prebes
Salsa de mazás.

Ingredientes:
- 1/4 kg de mazás
- 100 gr de crema de leite
- 10 gr de fariña triga
- 25 gr de manteiga
- 1 culleriña de mel
- sal
- pirixel

Prepárase así:
As mazás peladas pásanse á peneira e lévanse a quecer nun 1/4 de auga ata que empecen a ferver. A crema mestúrase na fariña triga, mel e máis unha cullerada de auga. Engádeselle unha pizquiña de sal, a manteiga e máis pirixel e déixase fervillar.
Sérvese na mesa se hai pra xantar xarrete, aves...

Etiquetas: ,

09 novembro 2009

Esperanza e Experiencia

En días consecutivos falo con Fernández (amigo de vello, fora o encargado de me chamar a Mallorca para dicirme o resultado da selectividade) e con Gómez (fillo da miña curmá), e ámbolosdous comunícanme a supremacía da esperanza sobre a experiencia: van volver casar.
Eu teño unha posición clara sobre o tema, máis aínda despois de ter traballado xustamente en divorcios, mesmo o de Fernández, pero prefiro deixar a palabra ao pai de Charles Ryder:

- ... Deberías sentar cabeza, botar raíces. Fixeches plans para o futuro?
- Si. Volvo casar nada máis obter o divorcio.
- Vaia, iso é o que eu chamaría unha tontería. Podo comprender que un home arrepéndase de ter casado e queira procurar unha saída - aínda que eu personalmente nunca sentín esa necesidade -, pero desfacerse dunha esposa para cinguirse de contado a outra é cousa que sobarda o meu entendemento. Celia foi sempre moi amable comigo; tíñalle ata certo cariño. Se non fuches capaz de ser feliz con ela, cómo demo agardas selo con outra? Faime caso, meu querido fillo, e déixao todo como está.

Etiquetas: , ,

03 novembro 2009

Cáceres

Mentres o corpo de Fernando Cáceres loita por vivir non podo menos que lembrar a un dos compoñentes do mellor Celta da súa historia. A primeira temporada de Víctor Fernández deixou un equipo ben sabido: Dutruel; Salgado, Cáceres, Djorovic, Berges; Mazinho, Makelele; Karpin, Mostovoi, Revivo; e Penev. Con minutos tamén estaban Tomás e Sánchez. Durante un longo lustro Cáceres permaneceu intocable no centro da zaga, vendo pasar ao seu carón a sucesivos parceiros: Djorovic, Sergio, Berizzo... Só unha vez pareceu perder o arxentino a titularidade, xusto antes da eliminatoria semifinal da Copa do Rei co Barcelona, nos días finais da primavera do 2001, pero as lesións recidivantes de Djorovic rehabilitarono do banquiño ao pouco de empezar o partido.
Como futbolista era fiable: sen demasiada técnica nin velocidade utilizaba ben os espazos e o corpo. Non destacaba en nada pero a súa eficacia era proverbial. De cando en vez, nas xogadas a balón parado, arrimábase á area contraria e a súa cabeza procuraba un par de goles por temporada. Nos últimos partidos en Vigo disimulaba a evidente decadencia coa experiencia acumulada en disimular os erros.
Como persoa alimentou de vagar unha mala sona, probablemente esaxerada, que nunca se molestou en desmentir e que nos últimos días co Celta reviviu con virulencia: xa se sabe que cando os resultados son bos a xente non lle importa a túa vida pero cando veñen malas xeiras todo vale para te criticar. Tivo certa relevancia en Vigo unha disputa que mantivo cunha xornalista do diario Atlántico e que ao cabo a ninguén beneficiou.
Foi un futbolista intelixente: sabía das súas carencias e minimizábaas, coñecía as súas virtudes e aproveitábaas.
Polo que escoito está nunha difícil tesitura: calquera resolución é penosa.

Etiquetas: ,