28 janeiro 2010

Atlético de Madrid

Hoxe o celtismo volve ter de goleiro das súas ilusións ao Atlético de Madrid, equipo que patentou a imaxe mercadotécnica de "pupas" por riba doutros conxuntos máis merecentes dela, coma o noso.
As miñas primeiras lembranzas futbolísticas van asociadas ao Atlético de Madrid, principiando por unha semifinal da Copa de Europa contra o Celtic de Glasgow, e un árbitro turco, Babacan, expulsando a tres dos madrileños. Ou a final subseguinte contra o Bayern de Münich, o gol de Luis Aragonés na segunda parte da prórroga de falta directa, e o tiro lonxanísimo do central de difícil grafía, Schwarzenbeck, que se lle colou a Reina.
Máis adiante o Atlético púñase por medio do Celta: unha tarde de domingo, na derradeira xornada da Liga, o vello Balaídos case cheo, meus irmaos máis eu sentados na bancada de Marcador. Non axudaban as novas chegadas das Palmas, onde o equipo de Miguel Muñoz, outrora xogador celeste na final de Copa diante do Sevilla, perdía contra o Rayo Vallecano. E o Celta posuía a pelota sen profundidade, mentres que oAtlético en dous contragolpes, a súa arma favorita, puña o partido imposible. Ao remate, empate a dous e o Celta baixaba a segunda división.
A máis recente tamén causa doenzas aínda non recuperadas. Outra derradeira xornada de liga, daquela na que o Celta xogaba de marabilla na primeira temporada de Víctor Fernández. Pero o Celtiña chegou sen folgos ao treito final, e as lesións de Mazinho e Mostovoi deixaron orfo o xogo. A tarde empezou mal, cun autodenominado cantante -sen dúbida gafe- dando a volta ao estadio antes de principiar o partido. Despois o terror de Víctor Fernández a Valerón provocou que perdéramos medio tempo colocando a Óskar Vales de medio centro. E aínda que as cousas amañáronse bastante após o descanso coa entrada de Tomás e Jordy Cruyff, foron insuficientes para empatar o gol de Solari do primeiro tempo, a pesares dun penalti non sinalado por Díaz Vega (outro personaxe recorrente nos pesadelos célticos) por empurrón a Jordy e do tiro de Berges sacado baixo os paus xa no tempo de desconto. Quedamos sen Champions, cando tiñamos equipo e xogo para loitar por todo.
Hoxe volven a Balaídos os atléticos coas tornas cambiadas. Eles son agora os favoritos: de primeira, son equipo europeo e teñen a Agüero, a Forlán, a Reyes, a Simao. Se os colchoneiros vólvennos estragar a festa non será porque non teñan experiencia en facelo. Pero que ledicia tan grande encher Balaídos por ter a ilusión de ver a un Celta composto na maioría por galegos eliminar a un destes equipos, tan ricos, tan (pre)potentes.

Etiquetas:

13 Comentarios:

Blogger R.R. said...

¡A pasar!

Aínda que bueno, de Díaz Vega algún bo recordo tamén teñen, dígollo eu.

11:07 da manhã  
Blogger bouzafria said...

Nos albores do tempo,cando Celta,Deportivo e Díaz Vega estaban na segunda división, cruzáronse os tres e o malísimo árbitro asturiano pitou un penalti favorable ao Celta por unha falta a Alvelo claramente fóra da área. Aquel partido o Celta xogou mellor e fixo máis méritos para gañar, pero o gol foi consecuencia dese erro arbitral.
Pero créame,r.r., os malos arbitraxes aínda que sexan a favor dun,non os gardo eu na carpeta de "bos recordos"

12:18 da tarde  
Blogger R.R. said...

Iso é porque a vostede pásalle iso cada vez máis raro de ver que é que lle gusta o fútbol.

Eu recoñezo que tiña gañas de discutir un pouco. Igual que as teño de que hoxe eliminedes ó Atleti (coñecido por estas terras como o Penáltico de Madrí)

¡Saúdos e forza!

6:47 da tarde  
Anonymous bouzafria said...

Mágoa. Pero que orgulloso fica un cando o poderoso equipo rival perde tempo, fai maulas e apértanse ao final do partido como se gañaran a Copa de Europa.
(Ía escribir "como se gañaran esa Copa de Europa que nunca van gañar", pero corteime. Semella unha arroutada pola frustración da derrota.)

12:46 da manhã  
Blogger R.R. said...

Que pena dun dianteiro algo mellor. Non sei eu se co Joselu ese dende o principio...

E si, ademais de maulas e perdas de tempo e cambios no desconto que gustan moito ó Flores, tiveron esa xogada que, se é ó revés, estou seguro de que sube ó marcador. E o Tiago é moi bo dando leña sen que o sancionen.

¡Claro que se abrazaban ó final, porque é que as tiveron grises ata o desconto!

Estivemos na casa tres deportivistas moi cabreados dándolle azos ó Celta, que conste. ;-) E o partido foi ben chulo, xa podían quedar a metade dos que estaban onte en Balaídos para ver os da Liga e seguro que acababa a cousa moito mellor do que está.

12:53 da tarde  
Blogger Xaime said...

A miña memoria alcanza moito máis aló que a súa, Bouzafría. Cando Luís marcou e o Reina tragou, eu xa estaba en Compostela matriculado na Universidade. Daquela eu non imaxinaba que o Atlético lle ía ser a cuadra dos Gil, pero sonlle colchoneiro, e dame que tampouco se debe fíar do rr que brindaría con cervexa se o Celta desaparecese, xusto o que faría eu se o Depor se fose o carallo. ;-)

10:03 da manhã  
Blogger R.R. said...

Diso nada. ¿E logo con quen discuto, se teño unha boa man e amigos celtistérrimos? Eu o que quero é que o Celta suba a 1ª(porque se baixamos nós cimplímoslle o capricho) e quede, SEMPRE por baixo do Dépor na clasificación e non nos gane nunca. Pero iso dos partidos con rivais a carón dun para logo discutir nos viños e Estrellas... ¡élle impagable! Aínda o pasado sábado fun cun do Athletic e un do Celta a Riazor e ata as sete da mañá estivemos amañando o mundo (empezando polo fúmbol, ofcors). O fútbol cos amigos/rivais de man é un entretemento delicioso.

10:31 da manhã  
Blogger Xaime said...

sinto moito, pero eu dun do Depor no me fío, aínda que sexa de Ribadeo e viva en Oza

1:20 da tarde  
Blogger R.R. said...

Pois mire, a verdade é que fai ben. Xa decía meu pai "non te fíes nin de min".
Espero que ó señor da casa non lle moleste que lle esteamos queimando a leña e bebéndolle o viño...

4:34 da tarde  
Blogger bouzafria said...

O anfitrión está encantado con tan ilustres convidados. Poden vostedes facer uso da leña e do viño, faltaría máis...
O outro día díxenlle á compañeira que se me tocaba a primitiva adicaríame (primeiro, iso si, teríanme que ensinar) a facer viño.
Supoño Xaime, que daquela xa ía gañando fama o "Margarito", non si? Eu padecino, como a Puy pai, e todo hai que dicilo, nos dous casos saíronlle fillos máis razoables ca os proxenitores.

5:30 da tarde  
Blogger Xaime said...

Eu con Alfonso Otero -Margarito- tiven unha relación moi especial, ya que gustábame tanto como explicaba a sua Historia que aínda en cursos superiores asistíalle as clases. Despois íamos o Franco e tomábamos as tazas, e como un foi un privilexiado que pasou varios Agostos no Sanxenxo de finais dos 70 tiña unha tertulia no Dora que xuntaba o seu arredor xente do máis variopinto.
De Puy, lembro os ladrillos de libros que aínda están na estantería da Biblioteca familiar, e pouco máis. A quén sí recordo con especial caríño era a unha axudate que tiña que lle chamaban Carolina, que estaba casada con Perfecto Yebra Pimentel que cos anos foi diputado do PP, e mexaba auga bendecida, como todos éstes, claro.

6:25 da tarde  
Anonymous bouzafria said...

Si, porque si o Opus mandaba na miña época (segundo contan: Perfecto e Carolina, Meilán Gil, D'Ors, o departamento de Dereito Canónico, Lete... - aínda que algúns máis que do Opus eran simplemente resesos) que non farían dez anos antes.
Nos meus anos o profesor Otero (o alcume de Margarito era tan popular que era coñecido seica en toda Galicia) raramente aparecía por clase. Foi outra época, nótase en todo, ata na forma de impartir aulas.

9:14 da tarde  
Blogger Xaime said...

Non lle sabería dicir, pero agora que Xaime da Pena jr. está -este sí que está na Universidade- constato que teñen unha relación moi rara cos profes -sic-.

9:30 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home