27 abril 2010

Asesoramento xurídico de balde

Congratúlome ao comprobar como unha parte dos meus impostos adícanse ao asesoramento xurídico de balde a favor das persoas que non teñen recursos económicos suficientes para poder afrontar o custe dun avogado. Descoñecía que tal graza fora estensible ás persoas xurídicas, pero está visto que si, á luz deste excelente documento que exhibe Ignacio Escolar, o exdirector do diario Público. O extraordinario do asunto é que resulta o propio xuíz instructor quen realiza o asesoramento, sen dúbida para aforrarlle ao querelante a molestia de acudir ao correspondente Colexio de Avogados e cumprimentar os sempre farragosos trámites.
Congratúlome tamén saber que o xeneroso xuíz que emprega parte do seu tempo nesta labor social é paisano noso, que impartiu aulas na Facultade de Dereito da USC, e que entre as características sobranceiras do seu paso polos Xulgados de Pontevedra, ademáis do seu peculiar carácter que o fixo moi popular entre avogados e procuradores, estivo a súa propensión a redactar sentenzas en lingua vernácula.

Etiquetas: ,

22 abril 2010

Farmacias. Ética

Aproveito un post de Ana Bande para falar dun asunto pendente: Ética.
Ética en canto sistema moral útil para tomar decisións na vida cotiá.
Hai cinco anos e medio e por mor dunha grave enfermidade dun neno dun ano de idade acudín moitas veces nun par de días ás farmacias da miña contorna. Había dúas a distancia semellante: a primeira pola Praza de Xoan XXIII e rexentada pola viúva dun director de cinema morto moi novo; a segunda coñecida pola súa negativa a vender preservativos e sita na Praza da Industria ( a protagonista da historia contada por Ana ). A miña escolla sempre foi acudir á primeira e por unha razón ideolóxica, supoño que banal e simplista, pero consciente: "prefiro gastar meus cuartos no negocio da familia dun pioneiro do cinema galego que incrementar a fortuna duns radicais opusdeistas que non lles importa a transmisión de enfermedades venéreas".
Fago un resumo: compráronse medicamentos moi caros nas dúas farmacias. Afortunadamente despois houbo unha modificación no diagnóstico que provocou un troco no tratamento e a inutilidade da medicación mercada. Solicitei a devolución ( os paquetes estaban sen abrir, claro) para recuperar o diñeiro e mentres a farmacéutica carca e retrógrada recollía as medicinas e dábame o seu importe, a farmacéutica intelectual (simplifiquemos así) negábase a facelo, volvendo eu para casa de novo cunhas medicinas inútiles e sen cartos.
Dilema: onde acudir as seguintes veces? Non volvín nunca mais pola farmacia da viúva do cineasta, seica despois foi traspasada. Vou sen problemas á da Praza da Industria. (Prefiriría que venderan condóns, no que supón de servizo aos clientes, pero xa que é ben doado conseguilos a escasos metros, alá eles se non querer facer negocios co latex)

Outro dilema: Tras o peche de Pascual en Outeiro de Rei decidín non volver mercar alimentos desa marca. Supoño que non fun o único porque na actualidade en moitos supermercados hai abondosas ofertas rebaixadas deses productos. Qué facer?

Ríome só: mentres o mundo párase polo volcán islandés, mentres a xudicatura española incorre en sucesivos ridículos, mentres CR9 anuncia unha bebida isotónica, mentres a economía española segue en recesión, eu ando a cavilar sobre a escolla entre Pascual ou Clesa.

Etiquetas:

Inmunda escoria

En pouco tempo este libro de Ricardo Gurriarán converterase en imprescindíbel para aqueles que queiran coñecer a intrahistoria universitaria galega nos anos do franquismo. Ben narrado e mellor documentado, é o complemento necesario do catálogo da exposición "Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nós" que o propio Gurriarán comisariou, haberá ano e medio, organizado pola Vicerreitoría de Cultura da USC.
Hai poucos libros sobre este tema concreto - a pesares da bibliografía que exhibe Gurriarán -, e corremos o risco de que un asunto tan interesante como este ( interesante porque as loitas estudiantís que se descreben eran pioneiras no Estado, interesante polas consecuencias que sufriron os seus protagonistas ) esmoreza definitivamente na xa decote feble memoria colectiva galega.
Eu teño un interese engadido. Débolle ao deporte do xadrez moito máis do que na miña vida lle poderei devolver: ensinoume unha filosofía da vida moi precisa e práctica, adestroume nos procesos de pensamento sistemático e anticipatorios, viaxoume por España adiante, e last but not least, foi o meu medio de vida durante non poucos anos. Durante eses anos xadrecísticos coñecín moita xente interesante, algúns agora en idade perta da xubilación, e que ante a miña sorpresa aparecen agora no libro de Ricardo Gurriarán.
Porque para min eran xogadores de certo nivel aínda que non competitivos, cos que coincidía nalgún torneo ou directamente porque acudían ás nosas clases. E agora, de súpeto, descubro os seus nomes en Inmunda Escoria como protagonistas daqueles acontecementos:
Falta no libro o ex compañeiro de Instituto de Gurriarán, o prematuramente falecido Guillermo Domínguez Santos ( con quen tantas risadas compartillamos ), pero iso é debido a que as loitas nas que el participaba desenvolvíanse en Madrid. Sei que andivo presente nesa época e naqueles acontecementos Francisco Rey, hoxe no Hospital Xeral de Vigo, porque me ten contado historias de José Guerra Campos, mais non debeu ser protagonista pois non é nomeado. Pero fican presentes Luis Gonzales "Foz", Xosé Manteiga, Federico Ordax ou Fraga Bermúdez, e xa na memoria D. Enrique Vidal Abascal, quen con tanta dignidade soubo empatizar co estudantado.
Esas persoas antes citadas trasládanme a espazos xadrecísticos composteláns que asocio a cada un deles: ao Atlántico, ao Nemenzo, ao Miami; á aula da Piscina Universitaria ou o Casino. No Atlántico dos primeiros torneos de xadrez hai vinte anos, do Nemenzo onde xogaba con Foz e Guillermo, do Miami onde aparecían como espectadores opinantes Vidal Abascal e Fraga Bermúdez, na aula da Piscina onde estaban fillos dos anteriores e despois eles mesmos, ou o Casino onde no derradeiro Torneo do Burgo das Nacións compartiu Manteiga o seu tempo comigo.
Foi un gozo a primeira rápida lectura deste libro. Tocarame despois ir con máis vagar, aproveitando o gorentoso arrecedendo desta historia non tan lonxana no tempo pero si na memoria.

Etiquetas: ,