11 fevereiro 2012

Marcos Valcárcel

Os nosos avós foron paisanos e despois veciños nun Ervedelo que hoxe non recoñecerían. Nunca falei moito con el, pero si intercambiamos verbas escritas. Foi un home elegante e xeneroso. E a amabilidade nunca lle impidiu ser firme nas súas conviccións. Durante moitos meses eu, intimamente e cada vez que escribía algo neste blog, pensaba se sería do agrado de Marcos o que estaba a pór. Ante a miña sorpresa Marcos Valcárcel lía este blog e, ás veces, honrábame con algún comentario e mesmo con algunha - atinada - rectificación. A súa prematura e perpetua ausencia foi outra das causas da nugalla a escribir nesta leira. Non andamos en Galicia sobrados de homes das súas características como para andar desperdiciándoos. Supoño que hoxe, de estares el eiquí, estaría tan confuso como tantos de nós, nestes intres de dúbida e preocupación. Pero seguramente el - que non foi especialmente aproveitado "polos nosos" - escollería o camiño máis correcto.
Elegancia e xenerosidade.

Etiquetas: ,

09 fevereiro 2012

BNG e Evelyn Waugh

Un amigo meu contoume que hai anos fora simpatizante do BNG. Despois convidárono a se facer militante, e durante unha tempada viviu os días de viño e rosas. Agora só milita, pero non simpatiza. Que está a agardar a oportunidade para liscar.

Un amigo meu colleu as verbas de Evelyn Waugh en "Retorno a Brideshead" para comparar a súa situación cun matrimonio: "Sentinme como o marido que, despois de catro anos de matrimonio, decátase de súpeto que xa non sinte ningún desexo, tenrura nin aprezo pola muller que unha vez amou; ningún gozo na súa compaña, ningún interese en lle gustar, ningunha curiosidade por nada que ela poidera facer, dicir ou pensar; ningunha esperanza de que as cousas se arranxen, ningún sentimento de culpa pola desastre. Eu coñecín todo isto (...) cando xa non nos ficaban máis que os fríos lazos da lei, o deber e o costume. Eu representara tódalas esceas do drama matrimonial, vira como as primeiras rifas facíanse cada vez máis frecuentes, como as bágoas afectaban menos, cómo as reconciliacións eran menos doces, ata que todo iso agromaba un sentimento de despego e de crítica indiferencia, e a creciente convicción de que o culpable non era eu senón a amada. Percibía as discordancias da súa voz e aprendín a escoitalas con receo; captei a incomprensión taxante e resentida que se lía nos seus ollos e o rictus obstinado e egoísta da comisura dos seus beizos. (...) O encantamento rematara e agora víaa como a unha antipática descoñecida coa que me unira nun intre de tolería."

Etiquetas: