17 maio 2012

Luna na Gran Vía

Hoxe en "El País" lin unha entrevista a Claramunt. Cando eu souben del xa era un veterán, e a penas lembro nada do seu xogo. Creo lembrar que había outro xogador co mesmo apelido, probablemente o seu irmán, polo que un levaba o engadido de "primeiro" e o outro o de "segundo".
Se Claramunt fica indeleble na miña memoria é por outra cuestión: O convite que me fixo meu irmán maior - e que por suposto aceptei - para acompañalo a ver un partido da selección española nunha televisión a cór.
Daquela as televisións a cór eran electrodomésticos escasísimos e moi caros. As cafetarías máis importantes das cidades plantexaban a súa adquisición como investimento para fidelizar a clientela. Só os particulares máis pudientes se permitirían ese dispendio.
O partido seleccionado foi un clasificatorio para algunha fase final, xa non lembro. Si o rival de España: Dinamarca, que daquela estaba nun chanzo inferior ao equipo de Pirri, Asensi, Iríbar e Claramunt.
Fumos á Cafetaría Luna, na Gran Vía, perto da Praza de España. Debimos ir cedo porque collimos un bo sitio, centrado, e despois o lugar estivo ateigado. Non sei se mo parece porque eu era neno, pero esa cafetaría parecíame grandísima.
Foi a primeira vez que vin unha televisión que emitía en cór. Unha cór artificial, esaxerada, irreal. A publicidade falaba de "Pal Color", que fora a elección de non sei quen. Moi lonxe fica todo aquilo.
España gañou 1-2, pero o protagonista foi o capitán da selección española: Claramunt. Expulsado tontamente por saírse da barreira dúas veces antes do tiro dunha falta.